Meditatio mortis

Hai poucas semanas un número descoñecido reclamaba a miña atención ó telefono, que levaba días sen soar. Unha agradable voz feminina solicitaba educadamente a miña atención ó outro lado da liña, proposta que aceptei sen reparos. Logo de indicar a entidade financeira para a que traballaba a muller pasou a presentarme a oferta que tiñan a ben ofrecerme como suposto premio á miña fidelidade ó longo dos últimos anos.

Vostede e novo señor, tentaba mitigar a voz con bo criterio, pero permítame que igualmente lle explique os beneficios que o noso sensacional seguro de vida lle ofrece. Así, despois do pequeno eloxio de rigor, a muller comezou a engadir interese ó seu relato nomeando detalles relativos á cobertura que o seguro incluía, especificando ademais as cantidades que os meus familiares percibirían en caso de que Dona Morte decidise cruzarse no meu camiño. “Permítame explicarlle que, en caso de falecemento por accidente de tráfico os seus achegados percibirían a suma de........; se pola contra o falecemento se producise por accidente laboral a suma ascendería ós...”    

Ó tempo que a voz descoñecida se esforzaba en relatar co maior tacto posible as variantes de morte que o seguro contemplaba no seu catálogo a miña imaxinación púñase en marcha e, excitada quizais polo morboso da situación, construía ó seu antollo os diferentes escenarios que a voz propoñía dotándoos dun realismo sorprendente. Aquela repentina sintonía xurdida entre a voz descoñecida e a miña imaxinación incomodábame, non só porque me invitara a pensar en algo no que nunca reparara ata o de agora, senón porque ademais parecía estar fóra do meu control.

Xusto nese momento de pleno delirio imaxinativo un diálogo interno irrompía no meu maxín secuestrando toda a miña atención e obrigándome a despedirme da voz que agardaba a miña resposta ó outro lado da liña. En consecuencia, decidín cortar a conversa esgrimindo como argumento que o servizo ofrecido non estaba entre os meus intereses.

Como dicía, un intenso diálogo interno pedía paso na miña mente e ambos interlocutores, emoción e razón, parecían ansiosos por expresarse. O lado emocional da miña mente introducía o debate mostrando a súa indignación do seguinte modo:

-É inaceptable! Pretenden pór prezo ata á morte-sentenciaba impulsivamente o meu lado sensible.

-Que pensabas, que había algo neste mundo onde Don Diñeiro no conseguiría colarse?-respostáballe convencido o meu lado racional.

-Non, en absoluto. Iso sería pecar de iluso.

-Entón, de que te sorprendes amigo?

-Sorpréndome da crueza coa que tratan o tema. Ata este momento sempre pensara na morte como un concepto único. A morte é sempre morte, sen diferenzas. Pero agora esta muller comeza a falar de prezos, tarifas… e iso prodúceme un desacougo…. Ademais, por que ha de resultar máis cara una morte ca outra? No me dirás que iso non te sorprende?

O lado racional tomou un tempo antes de respostar:

-En certo modo non amigo, como a amable señora nos explicou, non é o mesmo falecer como consecuencia dun accidente laboral que facelo nun accidente de tráfico, ou dun infarto, de aí as diferenzas nas remuneracións.

-Ah! Acabaramos! Así que segundo ti existen distintos tipos de morte. Vamos oh! A morte é morte, nada máis. Non se deberían facer ese tipo de distincións!

-En absoluto, incluso na morte existen diferenzas, e esa circunstancia é aproveitada polas aseguradoras como un elemento máis co que xogar. Pode que semelle duro pero é así. Aínda que comparto contigo a idea de que pór cifras á morte pode resultar unha práctica incómoda, penso que o que está detrás da túa indignación é unha visión demasiado sentimental respecto desta, a cal te condiciona facéndote ver como tabú algo que en absoluto o é. Lembras aquela novela de Saramago que limos fai tempo? As intermitencias da morte.

-Lembro, si -asentiu o lado emocional.

-Que lección tomaches dela?

-Pois aprendín a entender a importancia da morte, a súa necesidade. De non existir esta produciríase un caos que evitaría que o ciclo da vida continuase.

-En efecto, esa pode que sexa una das mensaxes da novela, a máis superficial. Pero, na miña opinión, hai outra mensaxe, quizais máis sutil, que se pode extraer do relato. Refírome a intentar ver a morte dun xeito máis natural, sen tantas lerias e sobre todo sen tanto temor.

-Pídesme entón que desdramatice a miña visión da morte? -preguntaba intrigado o lado emocional.

-Exacto. Tan só intenta concibila dun xeito máis racional, máis natural. Iso axudarache. Desta forma pode que entendas un pouco mellor o negocio da morte, aínda que non compartas o modo en que algúns o tratan, e poderaste centrar no que realmente paga a pena.

-Pode que leves razón. Aínda que paradóxico, pode que racionalizar a morte sexa unha das mellores receitas para dar emoción á vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.