Medo á luz

De cativos algún lle tiñan medo á escuridade e de maiores todos lle temos medo á luz. Ou, para sermos máis exactos, á factura da enerxía, que constitúe un grave abuso canto á súa contía e transparencia. Non por acaso o Estado español é o terceiro da UE onde a enerxía é máis cara, tendo medrado dende 2004 nun 70% por mor da política de absoluta parcialidade a prol das grandes distribuidoras dos ministros de Zapatero- Sebastián- e de Rajoy-Soria-. Grandes distribuidoras onde atopan retribución abonda en cómodos postos de conselleiros ou asesores antigos dirixentes socialistas e populares como Felipe González, Elena Salgado, José Mª Aznar, Angel Acebes ou Nemesio Fernández-Cuesta, a xeito de retribución polos servizos prestados. O actual ministro de Economía, Luis de Guindos, foi conselleiro de Endesa entre 2010 e 2011, percibindo nese tempo un pagamento de 368.000€.

Os gobernantes socialistas e populares optaron por se pregar ao oligopolio colusivo das tres distribuidoras-comercializadoras dominantes (Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa) e por abandonar á súa sorte os cidadáns e empresas

Os gobernantes socialistas e populares optaron, xa que logo, por se pregar ao oligopolio colusivo das tres distribuidoras-comercializadoras dominantes (Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa) e por abandonar á súa sorte os cidadáns e empresas deste País. Os primeiros, nun grande número, ficaron condenados á pobreza enerxética. As segundas, nomeadamente as empresas industriais, aturan uns custos desproporcionados que mancan a súa competitivade, cando non determinan a súa inviabilidade.

Velaí o sentido da recentemente creada ACOUGA, entidade apartidista de defensa dos consumidores galegos. Centrada nomeadamente nos sectores enerxético, asegurador, bancario e de telecomunicacións

A reforma eléctrica do PP afonda, tamén, na absurda penalización dun autoconsumo que habería estar ben tratado, por acadar os custos de transporte e distribución o 15% dos totais de posta na rede da enerxía producida. A maior abastanza, as novas reformas agravian aos países produtores de enerxía, como Galicia, que aturan os custos ecolóxicos da produción hidroeléctrica, térmica ou eólica recibindo en troques unha sobrepenalización, mentres a súa  potencialidade eólica é destruída a mantenta. O réxime tarifario discrimina abafantemente a Galicia e beneficia aos territorios como Madrid, que consumen sen producir.

Velaí o sentido da recentemente creada ACOUGA, entidade apartidista de defensa dos consumidores galegos. Centrada nomeadamente nos sectores enerxético, asegurador, bancario e de telecomunicacións, que é onde se producen os abusos máis graves.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.