A proposta de plan de vialibidade que os accionistas do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras acaban de poñer na mesa ao cadro de persoal e administracións supón o exemplo máis palpable do mal que afecta ao sector naval da comarca dende os anos 90. Un mal que non está en Bruxelas e as súas decisións técnicas sobre os sistemas de financiamento da construción naval, nin en China ou Corea e os seus custos laborais e produtivo, un mal que mesmo non poderemos atopalo no que algúns chaman “conflitividade e sindicalismo radical” do sector.
Ese mal apareceu con forza no sector nos anos 90, concretamente neste estaleiro en 1997, cando un goberno sen escrúpulos privatizou o que quedaba de sector público non militar na SEPI e entregou a inversionistas de diferentes mentalidades, e polo tanto con fins dispares, estaleiros con máis de cen anos e experiencia na construción naval.
Poucos teñen hoxe en día na memoria aquel ano 1997 cando ao calor do anuncio de privatización de Barreras (cifraron naquel entón o prezo do estaleiro en 4,5 millóns de euros) apareceron como lexión inversores de dentro e fóra das gradas do estaleiro. De dentro porque algúns directivos da empresa fixéronse con parte do accionariado, e de fóra porque Albacora, Garcia Costas e outros entraron a coller tallada do reparto. Sinaladamente entre estes últimos colábase unha sociedade unipersoal con sede en Euskadi: Construcciones Navales Odiel, con 100% de capital a nome dunha sociedade luxemburguesa que logo co tempo coñeceremos na cidade que estaba participada por sociedades de inversión con sede nos “panoplias” dos paraísos fiscais: Illas Bahamas e as Virxes. Viña o capital privado, dicía o goberno de entón, que sacaría adiante o sector naval vigués, ferido e curado centos de veces dende os duros tempos da reconversión naval.
Como sempre pasa nos procesos de privatizacións, contratos, recursos e carteira comercial apareceron con suposta relación causa-efecto cando apareceron os inversores privados; cousa que fai inexplicable como os mesmos “agasallos” non poden aparecer cando a xestión a fai unha entidade industrial estatal.
Pero os inversionistas que proviñan do sector sabían (é os que non, o souberon nese momento) que a construción de barcos, aínda que daba uns beneficios enormes, requiría tamén de enormes inversións. Nesa altura, o modelo de Unión Europea consagrado en Maastricht impedía, dentro da súa estratexia neoliberal de eliminar toda presencia pública na economía produtivo, as axudas ao sector polo que Goberno privatizador, inversionistas e o sempre lascivo sector financeiro inventaron un sistema de financiamento encuberto que deron en chamar Tax Lease.
A fórmula era basicamente potenciar as bonificacións fiscais aos armadores contratantes mediante a chamada á inversionistas privados. Este sistema permitía que estaleiros como Barreras no momento de presentar unha oferta tiñan xa aplicado un desconto do 30% do valor da construción en base a ese financiamento. Ese modelo encuberto, de unha o outra forma, funcionaba tamén (entre outros) nun país chamado Holanda que, listo el, denunciou ante a UE o modelo español non porque os holandeses non o tiveran, senón porque o seu era máis velado e o noso máis evidente.
Pero até a denuncia construíanse barcos de xeito regular, moitos deles sen ese método de financiación que é o tax lease, e moitos deles exemplo de vangarda no sector como os sísmicos ou os oceanográficos. E construíanse a pesar dos estaleiros polacos, chinos ou coreanos que, competitivos en prezo, non podían selo coa calidade e especialización técnica dos rematados nas gradas dos estaleiros españois, de Vigo a Sevilla pasando por Xixón ou Sestao.
Os inversionistas do 97 acostumáronse a obter grandes beneficios por barco, viviron nesa tesitura sen problemas, sen analizar os potenciais perigos do sector: a finais de 2009 contabilizábanse en 10.000 barcos ociosos en todo o mundo; e dicir en boas condicións pero sen traballo, empezaron a decaer os pedidos por unha conxuntura económica en desaceleración, seguían existindo problemas de capitalización pero para que recursos propios se temos avais e recursos financeiros?, no entanto e con carga de pedidos en marcha, os traballos nas gradas seguían.
Algúns accionistas incluso empezaron a “ampliar as miras” máis aló dos barcos, outro estaleiro vigués, Vulcano, recibe practicamente regalado do goberno (2,8 millóns de euros) o estaleiro Juliana (nome que tomou Izar Xixón despois da privatización) en teoría para investir e dar pulo á construción naval asturiana, na realidade pura aventura de intento de recualificación de 50.000 metros cadrados de solo industrial con fines “nada claros” relacionados co uso inmobiliario. Moitos naquela altura preguntábanse porque se lle vendeu entón a unha empresa como Vulcano un estaleiro público cando o estaleiro vigués acababa de saír dunha suspensión de pagos. As dúbidas sobre o proceso de compra de Juliana seguro planean sobre a quita da débeda que Pymar recentemente aceptou.
Sen contratar un estaleiro empeza a perder forza aínda que sigan tendo traballo en carteira, facía falla financiamento e en estaleiros como Barreras algún pensou que o dourado do ladrillo podía chegar a engordar á conta de beneficio polo que nalgún momento incluso plantexaron recualificar 22.400 metros de chan industrial para promocións ou mesmo, vendendo á zona franca os terreos para logo ser alugados polo propio estaleiro. Delirante.
A decisión europea de paralizar o Tax Lease foi simplemente máis pascais de presión á caldeira de problemas que fixo saltar polos aires este tenso equilibrio no estaleiro. De pechar o ano 2010 (pechado tardiamente en torno a abril de 2011) argumentando 742.000 euros de beneficio, cando os traballadores volveron de vacacións atopáronse cun buraco de débeda inicial de 56.7 millóns de euros e un concurso de acredores análogo.
Os feitos sucedéronse rapidamente nestes meses, peche indefinidos dos traballadores e traballadoras no estaleiro, xuntanzas con gobernos e xuntas, mobilizacións, angustias e medos na plantilla, plans de viabilidade, apelacións ao tribunal de competencia da UE..., todos expectantes ante o plan de vialibidade que os accionistas, eses que viñeron de dentro e de fóra en 1997, tiñan para o sector.
E chega ese plan e simplemente amosan un que me quiten lo bailao en canto a débeda e que poidan aplicar de libro a nova reforma laboral na xa exigua e precarizada plantilla do estaleiro, botando á rúa (agora que non custa nin un real) a 54 traballadores e unha rebaixa de salarios entre o 80 e o 20% dependendo das categorías. Todo sen contar o que pasará nas subcontratas.
Na película Medo e asco nas Vegas, de Terry Guilliam, os protagonistas atravesan un deserto con destino ás Vegas completamente narcotizados..., neste medo e noxo ao que nos dirixen a Barreras, os narcotizados pretenden seguir coa festa e os delirios, que a súa xestión e rapiña siga inamovible, que asuman os traballadores e o Estado a quita pero que non se mova ninguén porque os que sairán na foto serán os mesmos.
É o momento de pechar esta travesía enfermiza que empezou no 1997 e devolver o estaleiro de onde nunca debeu de saír, do público. O resto é medo para os traballadores e noxo para a cidadanía consciente.