Con toda a tea que se leva cortado nas últimas horas a conta do logo de Madrid 2020, case me entran ganas de atacar o tema da propiedade intelectual pegando un salto olímpico, mais vou manter o referente de Megaupload para facelo, tal e como teño pensado desde hai días.
Compartir libros e lecturas no S. XX era un acto consensuadamente positivo, e aínda o é se o propietario do obxecto físico e único se priva do seu uso mentres llo cede a un terceiro. A ausencia dese obxecto, propiciada pola súa configuración dixital, elimina a súa unicidade e, portanto, a limitación da simultaneidade do desfrute. E o consenso rómpese.
No S. XX estabamos convencidos de que pagabamos polos contidos, empaquetados nos soportes físicos de que eran fornecedoras as empresas intermediarias. E entón, como sabemos, xurdiu a copia a custo cero, toda vez que se tivese investido nunha infraestrutura básica que cumpría ademais outros moitos propósitos.
Coa aparición do CD eu volvín pagar un a un todos os discos de Leonard Cohen que xa tiña. Non tiven ofrecimento algún da discográfica para trocar os meus vinilos asumindo unicamente os custos da actualización do soporte e a súa distribución. Eu xa pagara os contidos unha vez pero houben de facelo de novo para escoitar os CD das cancións que xa tiña.
Sigo a defender sen reservas a acción de compartir contidos aínda que, coas posibilidades que os novos tempos nos abren, iso signifique que un modelo de negocio se vén abaixo. Nin piratas nin delincuentes, na miña opinión a lei Sinde-Wert pretende pasar por riba da xudicatura creando un atallo que, á marxe de que non vai valer de nada, ataca varios dos dereitos básicos do individuo.
O mediático peche de Megaupload de hai uns días non prexudica ninguén máis que os usuarios e usuarias que pagaron por un servizo legal, que perderon os seus datos da noite para a mañá e que posibelmente non os recuperen máis se, como parece, son eliminados nos próximos días.
O peche de Megaupload non prexudica o propio Megaupload, que anunciou e mantén en marcha un novo servizo de distribución de música que promete entregar a autores e autoras o 90% dos ingresos. Nin sequera prexudica as páxinas que publican ligazóns de descarga de filmes, series, música e libros; en particular as de contidos audiovisuais están a atopar un camiño áxil cara á chamada legalidade: seguir a ofrecer fichas das últimas estreas con ligazóns encamiñadas a servizos de streaming e descarga de pagamento que, en canto se popularicen, grazas a unha oferta interesante e prezos adecuados, lles fornecerán ingresos moito máis altos que a publicidade indiscriminada de Google, abofé.
E unha última cuestión. Se alguén pensa que o peche de Megaupload supuxo a desaparición de contidos do que se quere etiquetar de mercado clandestino, está totalmente errado. Todo segue na rede, só é preciso ter un amigo que cho preste.