Babelia, o suplemento literario da progresía española, acaba de sacar o último canon da mellor literatura española titulado: Los 50 mejores libros españoles del último medio siglo, quer dicir, dos publicados entre 1975 e 2025
Babelia, o suplemento literario da progresía española, acaba de sacar o último canon da mellor literatura española titulado: Los 50 mejores libros españoles del último medio siglo, quer dicir, dos publicados entre 1975 e 2025.
Teño curiosidade por ver se algo se moveu no “supremacismo español de esquerdas”, aínda que as expectativas de achar un canon medianamente representativo da cultura española, que malia a teimosía estatal uniforme é plural, son poucas. Mais como de costume: sen novidade na fronte.
O xornal indica que a listaxe é o resultado de consultar 116 expertos (críticos, xornalistas, libreiros, profesores e mesmo catedráticos), que debían escoller dez libros puntuados de dez a un en escala por preferencia. Velaquí o resultado lingüístico: 47 libros escritos en castelán, 2 en catalán (El temps de les cireres de Montserrat Roig e Camí de sirga de Jesús Moncada) e 1 en éuscaro (Obabakoak de Bernardo Atxaga). Ningún destes tres escrito no noso século e ningún en galego, polo que deduzo que a nosa cultura non dá nin pra un triste libro destacábel dentro da gran cultura española; seica se a listaxe fose “Os 100 mellores libros españois” fósemos quen de incluír ao menos un.
Velaquí o resultado lingüístico: 47 libros escritos en castelán, 2 en catalán e 1 en éuscaro. Ningún destes tres escrito no noso século e ningún en galego, polo que deduzo que a nosa cultura non dá nin pra un triste libro destacábel dentro da gran cultura española
Mais a listaxe tamén ten a súa substancia dentro da escolla castelá: entre os dez primeiros eleitos, catro son de autores colaboradores do xornal, comezando polo defunto gañador: Javier Marías, e os seis restantes están dentro da ideoloxía progresista española. E entre o resto dos escolleitos parece que soamente o carca Andrés Trapiello se coou na lista. A teor do visto está claro que case ningún autor conservador está capacitado pra escribir un libro sobranceiro, aínda que en compensación estean ben cualificados pra gañar o premio Planeta.
A listaxe leva a matinar con tristeza na nimiedade que supón a nosa literatura, quer dicir, da nosa cultura, prá intelectualidade cultural española
A listaxe leva a matinar con tristeza na nimiedade que supón a nosa literatura, quer dicir, da nosa cultura, prá intelectualidade cultural española: o Noroeste creativo é mediocre, agás que o faga en castelán (José Ángel Valente aparece cerrando a lista: Fragmentos de un libro futuro). Mais tamén a dubidar da idoneidade dos expertos implicados pra tal encarga, sen cuestionar os seus coñecementos de literatura castelá: cantos deles saben catalán, galego ou éuscaro? Pode un experto en literatura que só coñece un idioma valorar obras escritas noutros? A resposta parece innecesaria.
Acho que unha listaxe que valorase as mellores obras literarias españolas escritas nos últimos cincuenta anos esixiría, cun mínimo de equidade –ollo, digo un mínimo, pois un máximo semella imposíbel–, que de cen expertos: un terzo coñecese catalán, outro coñecese galego e o outro éuscaro, así estas linguas estarían valoradas por ao menos un terzo dos eleitores, en tanto que o castelán o estaría pola totalidade dos especialistas visto que non existen españois que non saiban castelán –a constitución así o impón–.
En definitiva, se a progresía española concede esta valoración ao resto das culturas non castelás (2, 1 e 0 de 50), imaxinen a listaxe que sacarían xornais como ABC, La Razón ou El Mundo.