Memoria de banca pública

Parecese que a crise condicionara todo, e que mesmo afectase os nosos sentidos e funcións vitais. Especialmente está a afectar á memoria, dunha maneira tan selectiva que quen utilizan a crise para aplicarnos as peores receitas neoliberais de recortes e axustes conseguiron tamén recortarnos os recordos, aqueles que non lles interesa que manteñamos.

Non destacaban polos seus grandes e onerosos produtos financeiros, xa que para iso xa estaban outros bancos, que mesmo xa entón houbo que rescatar da gran xestión dos seus dirixentes, como no caso de Banesto

Non hai moito tempo que aínda podiamos ser clientes do que se podía chamar banca pública en torno ao grupo de sociedades bancarias de Argentaria, e que estaba composto pola Caixa Postal, o Banco Hipotecario, ós Bancos de Crédito Local, Industrial e Agrícola, e o Banco Exterior, creo lembrar. Non destacaban polos seus grandes e onerosos produtos financeiros, xa que para iso xa estaban outros bancos, que mesmo xa entón houbo que rescatar da gran xestión dos seus dirixentes, como no caso de Banesto. Pero estas sociedades bancarias públicas se cumprían unha misión social e económica de primeira orde, facilitando o acceso a créditos sectoriais en función das necesidades dos clientes e da súa actividade e interese.

Vese que xa entón non interesaba facilitar a actividade económica cidadá, da xente normal, da que vive do seutraballo, ou o busca, ou do seu pequeno negocio, e preferiuse entregar gratuitamente Argentaria a un banco, que en recoñecemento á súa adquisición só mantivo a súa inicial, o A, na seu acrónimo, pasando a ser BBVA. Pero houbo “banca pública” no noso país. Non o soñamos, nin o queremos soñar cando o expomos agora como unhadas solucións urxentes e imprescindibles á crise financeira que os poderes especulativos fannos padecer.

Hai aínda menos tempo, e sen ser banca pública as caixas de aforros permitían paliar a súa carencia no que a crédito se refería, ademais doutras liñas sociais como a participación dos seus traballadores e dos seus clientes con conta (impositores) na elección dos seus órganos de dirección e xestión, tanto directamente, como indirectamente a través dos seus representantes políticos locais e autonómicos, e os proxectos sociais, educativos e culturais das súas obras sociais.

Tanto lles molestaba este modelo a determinadas opcións políticas e poderes financeiros que preferiron xustificar a súa integración en bancos privados (propiedade de grandes accionistas multimillonarios) ante a corrupción xeralizada dos dirixentes de moitas caixas

Tanto lles molestaba este modelo a determinadas opcións políticas e poderes financeiros que preferiron xustificar a súa integración en bancos privados (propiedade de grandes accionistas multimillonarios) ante a corrupción xeralizada dos dirixentes de moitas caixas, dirixentes postos aí por esas mesmas opcións políticas e eses mesmos poderes financeiros.

E agora atopámonos con que eses bancos creados, a partir de moitas caixas, necesitan que o estado lles interveña en parte, achegándolles diñeiro público, que logo veremos como devolven, para evitar a súa quebra, froito da mesm aespeculación que motivou a crise financeira.

A promoción dunha banca pública antóllase como imprescindible ante o colapso especulativo e financeiro ao que nos abocan os especuladores financeiros

Pero séguese sen facilitar o crédito bancario necesario para reactivar a economía real, a da xente que traballa, ou busca traballo, e necesita pagar o seu consumo, a das pequenas empresas ás que clientes e administracións lles deben pagos de meses e anos, e séguese recortando o investimento necesario en educación, sanidade e outras políticas sociais, que curiosamente a quen máis afecta tamén é á xente que vive do seu traballo e non da especulación.

A promoción dunha banca pública antóllase como imprescindible ante o colapso especulativo e financeiro ao que nos abocan os especuladores financeiros. Teñamos memoria, pois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.