Memorias do 'Movemento'

Esoutro día, afirmaba eu nun encontro con estudantes que a memoria retén sobre todo lugares e persoas; tomaba o acto como pretexto un libro, Entre hortas e portas, que me mantén vinculado ao feito de evocar desde o ano 2007. Anteriormente comprara o de Antón Seoane De Voces ceibes a Milladoiro, e a súa lectura en días posteriores deume para lembrar aquilo que dixera no Centro de Adultos lucense: a vivencia de sitios, homes e mulleres, a intensidade na importancia que lles demos no momento inflúe para lembralos mellor ou peor.

Vivín aquilo moi modestamente, conforme será explicado, e deixeino ben cedo; quizá por iso, entre outras cousas, conservo lembranza bastante nidia dalgúns feitos e lugares, de case todas as persoas

Coma o meu, aínda que noutro sentido, o libro de Seoane relata unha traxectoria persoal; desde logo, resulta interesantísimo e mostra claves das que aínda en parte é debedora a música galega actual: el mesmo, Agustín Maroñas, Cao e Romaní; o grupo Roi Xordo; Milladoiro no remate provisional do camiño foron marcando pauta vizosa que, por ende, suscitou favor de públicos e medios en ámbito galego e exterior. Segundo o autor menciona en varios lugares, eu compartín unha parte inicial daquela andaina. Co entusiasmo e fascinación de quen, sentindo como nacionalmente propia a música tradicional e propias xeneracionalmente tanto a guitarra coma a instrumentación electrónica ou variación jazzística e dylaniá, asistía a aquilo cun insospeitado sentido de que era esteticamente xusto e imprescindible; cando, á volta de anos, vin definir como fusión determinadas producións musicais por eses mundos, sabía que a tal se dera xa no meu país. Vivín aquilo moi modestamente, conforme será explicado, e deixeino ben cedo; quizá por iso, entre outras cousas, conservo lembranza bastante nidia dalgúns feitos e lugares, de case todas as persoas.

Máis de trinta anos despois encontrei a Miro Casabella e non me lembraba daquela nin me lembrou máis tarde; interpelei a Emilio Cao no remate dun concerto e deuse conta de min ao aludir a certo aditamento físico meu daquela época; co Pepe Quintas falei por teléfono, teño pendente unha visita; e o Antón (que este si que non me descoñece, coma xaora o Rodrigo), vexo que nalgún aspecto conserva memoria algo distinta ou igual menos clara cá miña.

Quizá, insisto, os que non gravamos disco nin botamos décadas de escenario en escenario manteñamos máis notoria a imaxe do vivido. En todo caso non é malo confrontar, nin mal momento, agora que aínda se pode. A memoria conxuntada de varios quizá logre suxerir mellor algúns motivos importantes da transición galega.

O certo é que nunca cavilara en ser cantante. Non sei ben de onde veu que no 1970 un Rodrigo Romaní con trece anos -eu tiña dezaseis- me propuxera formarmos dúo

O certo é que nunca cavilara en ser cantante. Non sei ben de onde veu que no 1970 un Rodrigo Romaní con trece anos -eu tiña dezaseis- me propuxera formarmos dúo. Coñeciámonos exclusivamente de asistir a un programa en Radio Popular de Lugo, “Aquí la Juventud”, que Manolo Lombao dirixía con presenza de público os sábados pola tarde: e ben entendido, o Rodrigo tiña unha guitarra con caixa negra e vermella na que sabía poñer exactamente dúas posturas, La e Mi maior; o Re non tardaría e a pouco o resto dos acordes: do seu interese e dedicación podo dar fe, sobre o talento falan  corenta anos de carreira. Aquel dúo chamábase Ideales, ao cabo de meses foi trío, despois cuarteto ao chegaren sucesivamente Paco Nieto e Tomás Turbón; cando se incorporou Elisa Iglesias pasamos a ser Sendas del Folk. Durou a cousa, se non lembro mal, deica o 1972, polo medio houbo bastantes actuacións en escenario lucense case sempre; pero a que debeu ser última -non lembro máis- rexistrouse na Coruña: un Festival de la Canción Misionera onde acadamos o segundo posto (coa canción de Rodrigo “O novo apóstolo”), só detrás dun grupo ourensán que non era Verbas Xeitosas -aí erra Seoane- e non lle lembro o nome pero si o da canción: “Escoita”. Detalle significativo para o tempo: o galego arrasaba.

Cando Sendas rompeu eu estaba nunha Compostela bastante insurrecta atraído por tales, novos alicientes; iso si, aprendera a tocar un pouquiño a guitarra e frecuentaba algo o canto tabernario. Rodrigo participou en Lugo noutro proxecto musical e ambos, paralelamente, fómonos situando na órbita da UPG; entre os contactos políticos e culturais de Romaní eran relevantes Lois Diéguez e Fiz Vergara Vilariño. Por setembro ou outubro do 74 chamoume: puxéralle música a un poema do de Samos e quería que eu o acompañase (voz segunda, percusión sinxela) nun festival-concurso que ía haber no Grove, talvez pola Festa do Marisco. Fomos aló e houbo outra vez segundo premio con “O meu muíño” (que daquela se estreou, non máis tarde); primeiros foran -aí si- os de Verbas Xeitosas, terceiro Suso Vaamonde. O galego seguía a se impoñer nos escenarios e a sociedade ventaba mudanza.

Aquela reincursión na música era simple colaboración momentánea, fóra dos estudos eu andaba no activismo político e cultural; entre outras cousas, paréceme que era aínda secretario d' “O Eixo”, asociación cultural universitaria fundada no curso anterior. A pouco do festival no Grove, representantes d' “O Eixo” e “O Galo” (a outra asociación cultural santiaguesa de orientación nacionalista) mantivemos unha reunión con Benedicto e Bibiano, que propoñían montar unha especie de agrupación de músicos -nin sindicato nin asociación exactamente- con máis alcance ca Voces Ceibes; pedían colaboración e foilles prometida. Por comentar algo dixen que eu formara parte dun grupo en Lugo e eles que debía incorporarme á nova iniciativa, de pretensión amplísima. Así cheguei á primeira xuntanza, con actitude e intención máis política ca musical. Houbo máis reunións e aló estaban Seoane, Rodrigo, Xurxo Mares, Agustín Maroñas, Xosé Quintas Canella, Emilio Cao, Miro Casabella, supoño que tamén o Armando. Canda xente que ao cabo non ficou, paréceme que os cedeireses de Candieira e desde logo Xosefa Ribeira, que participara naquilo do Grove e non volveu tralo primeiro encontro. Luís Emilio Batallán tamén era da partida, axiña chegou o bo do Manolo Hermida, Jei Noguerol apoiaba desde Barcelona. Talvez, posiblemente esquezo algún.

Bibiano e Benedicto dinamizaban inicialmente as xuntanzas; por outra banda, eles e Miro tiñan bastantes concertos. Que os dous primeiros andaban polo PCG era sabido

Bibiano e Benedicto dinamizaban inicialmente as xuntanzas; por outra banda, eles e Miro tiñan bastantes concertos. Que os dous primeiros andaban polo PCG era sabido, e particularmente Bibiano facía relativamente explícito o fundamental daquela liña política con dúas cancións: “Can de palleiro” e outra, dedicada ao Mariscal Pardo de Cela, sobre poema de Lamas Carvajal modificado para reclamar a autonomía de Galicia; Bibiano tiña estilo, moita chispa e o seu can resultaba particularmente brillante, pero pouca graza lle facía a quen non pensaba avalar o PC nin moito menos a Junta Democrática de España que se fundara aquel mesmo ano; Benedicto fixera unha vez referencia a esta -ou estou case seguro- e seguramente a propia agrupación musical que promovían tiña que ver con eses movementos estratéxicos no final do franquismo. Non de momento por motivo electoral -tal cousa parecía francamente imponderable-, si para construír bloques políticos e político-culturais nun remate de ciclo.

En fin, para poñer nome non houbo caso: Movemento Popular da Canción Galega levaba simboloxía de abondo para todos. Pero faltaba definir liña, ou iso pensaba algún dos presentes: un día Rodrigo quixo saber se todo o mundo pensaba que Galicia era unha nación colonizada; e fíxose o silencio que talvez durou un minuto. Ata que o Xurxo Mares, aquel rapaz coruñés con formación de actor e residente na Torre Esmeralda, dixo máis ou menos, con aceno e acento ben medidos: “Home... supoño que iso aquí ninguén o poñerá en dúbida”. E alí foi, dito á maneira de Torrente Ballester, onde deu a volta o aire.

Para poñer nome non houbo caso: Movemento Popular da Canción Galega levaba simboloxía de abondo para todos

Non sei se foi o seguinte en falar, pero Benedicto -talvez aludindo a factores comúns- definiunos como grupo de cantantes antifascistas; tomo eu o relevo singularizándome como cantante (unha ousadía) nacionalista, de perspectiva anticolonial e antiimperialista (iso si que era verdade). E aí a reacción en cadea: enfático o Miro -“si, señor!” ou algo así-, ao Antón gustáralle especialmente o do antiimperialismo, o bo do Quintas afirmaba pausadamente que “si, eu creo que é máis ben iso”. Emilio Cao aceptaba, sen mostrar xaora tanto entusiasmo pero seguro no interese da liña colaborativa que empezara con Romaní e Seoane. O MPCG quedou definido como grupo de cantantes galegos con perspectiva anticolonial, termo que todo o mundo manifestou asumir: e aquilo era, desde logo, cousa distinta do figurado en primeira instancia. Foi nomeado secretario un servidor: precisamente aquel xeralmente identificado como máis próximo á estrutura da UPG.

Viñeron concertos, no movemento empezou a producirse música onde a fusión antes aludida -Cao, Seoane, Maroñas e Romaní, en particular- cobraba protagonismo de clara suxestión nacional-popular

Viñeron concertos, no movemento empezou a producirse música onde a fusión antes aludida -Cao, Seoane, Maroñas e Romaní, en particular- cobraba protagonismo de clara suxestión nacional-popular. Chegou o Festival Folk Galego do Sar, en Compostela: 2 de maio do 75, dezasete actuacións, cinco mil asistentes segundo a prensa; organizaran “O Galo” e “O Eixo”, marchei un sábado -a dedo- para pegar carteis entre Santiago e Pontevedra; cobrábase pola entrada cinco pesos; lembro especialmente a forza patriótica pondaliá na canción de Armando “Dos celtas antigos”, a aclamación masivamente vindicadora cando empezou a soar a gaita do Maroñas para “O meu muíño”, que eu cantara de penúltimo (o “Kumbaiá”) co clímax musical claramente superado e que a cousa rematou con irrupción policial e saída cara á cidade en manifestación tralo berro inicial “O pobo unido xamais será vencido”, o único que daquela se berraba en galego e habitualmente tras concertos de canción galega. Tamén que a colaboración mutua e acompañamento entre nós no escenario fora moi xeral, malia o cal a raíz do festival Bibiano e Benedicto foron expulsados do MPCG: coma Seoane, non lembro que foi o que un dos dous dixera ou cantara fóra do acordado, pero si a min asegurando na reunión aquela que por defender o autonomismo  non estaba disposto a asumir risco ningún. Autoexcluíronse outros canda eles, ficou a liña soberanista e nacional-popular.

Xaora, desde a perspectiva de hoxe o meu relato posiblemente ha suxerir sectarismo, absurdo predominio do político sobre o musical e que os excluídos foron vítimas colaterais: o último resulta en certa medida inapelable, o anterior máis discutible. Todo o mundo facía política daquela, coa nacionalista desenvolvéndose na case estrita base, a pulos e impulsos para facerse visible; e o musical importaba moitísimo, madia leva se non: nunca antes, na década e media anterior, se coidara tanto a variedade instrumental, cromática e estilística. 1975 foi un gran ano, do que me queda aquel afán e mobilidade en fin de semana ou vacación que nos levara a Arcade, Ciudad de los Muchachos, Lugo na Escola de Peritos; Goián do Baixo Miño cantando “Acción Gallega” ante público festeiro, cun paisano maior emocionado en primeira fila ao que empezou a tocar a gaita e gardas civís que seica non entendía nada, eran canarios; nos Xesuítas de Vigo, onde non sei se estivo tamén Pilocha e ao final -xaora- veunos falar o Padre Seixas. “Espranza xorda”, “Cantiga do amante preso”, un vello cantaba unha lembranza, nunca virá de fóra remedio ou esperanza, pois patria e pobo é o mesmo en dúas palabras. Con dous momentos singulares: Porto e San Froilán.

Todo o mundo facía política daquela, coa nacionalista desenvolvéndose na case estrita base, a pulos e impulsos para facerse visible; e o musical importaba moitísimo, madia leva se non

Margarita Ledo estaba exiliada na capital duriense, tiña contactos, moveuse para organizar unhas Xornadas Culturais Galegas e aló fomos en dúas expedicións, eu co Xurxo Mares no seu coche: houbémonos matar por facerlle caso a non sei que pintada; todo era un abraio no Portugal con liberdade de expresión e aínda dos cravos. Cantouse na Faculdade de Letras; nunha táboa redonda estivera o Lois Diéguez, Rodrigues Lapa e púxose gravación magnetofónica cun saúdo de ETA, PSAN e UPG. Foramos gravar unhas cancións á radio: aquilo nunca pasara.

Todo no mundo era novo, todo decisión no movemento patriótico, decisión e ideas. Tralo verán do 1975 faise público en Lugo o programa das festas. Actuando en comandita cos de Fuxan os Ventos, mando unha carta a “El Progreso” lamentando a falta de actuacións galegas e ofrecendo organizar un concerto; sae aos poucos días outra carta, de apoio, cunhas dez firmas; despois outra con máis de catrocentas. Chámanos o presidente da Comisión de Festas, Manolo Granxeiro, aló imos o Mini e mais eu: primeiro aféanos a faena de poñelos así en evidencia, despois manifesta que están dispostos a acoller o concerto; queda marcado nada menos que para o Domingo das Mozas aló contra o serán. Chamo os do MPCG, onde a ilusión é máxima: nada menos có San Froilán como elemento difusor e altofalante; xa que estabamos fóra de programa, os de Fuxan e mais eu elaboramos cen carteis a man: sobre e arredor do perfil dun mapa de Galicia, rótulos en vermello, azul e o nome dos nos participantes mollando en tinta negra, un por un, cada nome en tipo de imprenta feito ad hoc. Repartíronse despois fundamentalmente en bares e lugares de tránsito xuvenil, por Lugo e A Coruña.

Pero xogáronnola. O sábado chaman a Mini do Goberno Civil, dinlle que houbera algo grave no País Vasco, con moitos mortos, e que o noso concerto queda suspendido; iso me contou, e tamén que prohibiran expresamente dar ningún tipo de noticia. Chamo a xente do Movemento e a decepción do Maroñas é particularmente conmovedora: dime que estaban preparando unha peza para dedicarma a min, entre outras cousas. Algúns viñeron a Lugo ese domingo no que nada se confirmou sobre desastres vascos, e o Agustín ficou deprimido en Santiago; xuntámonos nun prado das aforas con algunha xente que viñera da Coruña e cantamos aló; soubemos que houbera xente na Praza de Santa María preguntando polo concerto fantasma, sobre o que non vin noticia en ningún libro nin texto e do que talvez alguén teña aínda nalgún faiado un cartel daqueles. En frase do Antón Seoane para outro contexto, case foi coma un soño.

En xaneiro do 76 marchei para a mili, levei guitarra e gana de volver. Cando puiden, marzo do 77, o Movemento xa quedara diluído e volvinme encontrar con algúns deles nun concerto que Roi Xordo daba en Viveiro

E o meu soño remataba. En xaneiro do 76 marchei para a mili, levei guitarra e gana de volver. Cando puiden, marzo do 77, o Movemento xa quedara diluído e volvinme encontrar con algúns deles nun concerto que Roi Xordo daba en Viveiro onde soou aquela “Cantiga do amor fendido” dedicada a Moncho Reboiras. En abril cantamos na marcha sobre Xove o himno da AN-PG do que fala o Antón no seu libro, composto por el coa música que despois repudiou por demasiado marcial e a outros ben nos gustaba: fixo outra, contrapuxéronse e na reunión de músicos da asemblea o Xosé do Pacio, Manolo Bacallau e mais eu perdemos contra os de Faíscas, a dupla Seoane-Romaní e entendo que non estaba Pilocha. Non volvín falar con eles en décadas e algo seguín nos escenarios, tempo de abondo para que a militancia nacionalista de Lugo me dese como alcume O Cantante. De aí o hábito de facerme empezar os himnos en marchas e conmemoracións, ao tempo que Cao, Milladoiro e outros daban saltos cualitativos na difusión da música moderna de Galicia.

Pero que bonito fora aquilo outro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.