Men in black

A visita a Madrid esta semana dos homes de negro para avaliar se España cumpre coas esixencias da Gran Banca (escribo ese nome e decátome de que parece unha secta: que carallo, son unha secta) para seguir adiante co rescate, evidencia moitas cousas, entre outras a falta de respecto absoluto que nos teñen ao común da cidadanía, porque non parece de recibo que sendo o asunto tan grave (afecta á vida de moita xente), decidan bautizalo cun nome tan parvo. Se non fose porque non ten puta graza, reiriámoslle a brincadeira. Mais tampouco sorprende: falan con absoluto impudor de Banco Malo e quedan tan anchos...

A visita a Madrid esta semana dos homes de negro evidencia a falta de respecto absoluto que nos teñen ao común da cidadanía

Mais non é disto do que quero falar, senón da visita en si mesma, que deixa claro que nós, a cidadanía, xa non pintamos nada no conxunto da toma de decisións.

Deciden os bancos, deciden os partidos políticos, nin sequera deciden os seus militantes, senón ás súas cúpulas dirixentes por moi democrático que se queira presentar o proceso. E deciden os grandes medios de comunicación

Deciden os bancos, deciden os partidos políticos, nin sequera deciden os seus militantes, senón ás súas cúpulas dirixentes por moi democrático que se queira presentar o proceso. E deciden os grandes medios de comunicación por moito que se queira crer que expresan o sentimento dos seus lectores e lectoras; expresan e defenden, no básico os intereses dos seus anunciantes ou, peor, os dos grupos de poder político que a través do control económico garanten os seus ingresos e, xa que logo, a súa supervivencia.

O que estou a escribir é absolutamente terrible porque implica aceptar que a democracia, no seu sentido máis superficial, en realidade non existe máis que como aparencia, como decorado, como atrezo, como ritual.

Aqui quen manda é quen ten o poder (semella unha parida o que veño de escribir, pero non o é, porque o poder non o detenta quen debería). E os que teñen o poder son os que son. A saber:

A sectaria Banca Mundial, non a cidadanía.

A democracia, no seu sentido máis superficial, en realidade non existe máis que como aparencia, como decorado, como atrezo, como ritual

A troika, que non é un baile ruso (oxalá) senón un grupo de xente que están aí postos polos Señores dos Cartos, co único obxectivo de maximizar beneficios para as xentes para as que traballan, e cunha única idea fixa a implantar: despidos masivos, desaparición da clase media, fomento da escravitude. Están para salvar os bancos, nunca as persoas. As persoas son o último. De feito, odian a xente. Son zombis. Asesinos aínda que non disparen nunca. A troika si goberna, non a cidadanía.

O FMI, que non é unha serie televisión de forenses, senón un clube perverso organizado moi ben para que todas as decisións que sé tomen a nivel político, económico ou social, respecte os beneficios estremos dos que xa son os donos absolutos do capital. Mamda o FMI, non a cidadanía.

E mandan outros moitos máis, con outros nomes pero que veñen sendo sempre os mesmos, coma por exemplo, o Mecanismo Europeo de Estabilidade, que tamén estaban nesa xuntanza dos men in black, que, en efecto, fan a nosa vida moito máis escura.

Todos eses mandan. Nós, dende logo, non.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.