Mensaxe recibida

A primeira obriga de toda forza política coa sociedade a que se dirixe como co seu propio electorado despois dunha desfeita como a do mes pasado é cando menos a de ter cursado o recibo de chegada de que tan contundente mensaxe foi recibida. Ter cursado un mensaxe recibida alto, claro, conciso e con todas as letras. Seguido tamén dun mea culpa, equivocámonos, para rematar coa asunción íntegra de toda a responsabilidade sen ambaxes, fintas nin paliativos, se é que falamos de forzas políticas aínda coa dignidade como bandeira e proclama.

A primeira obriga de toda forza política coa sociedade a que se dirixe como co seu propio electorado despois dunha desfeita como a do mes pasado é cando menos a de ter cursado o recibo de chegada de que tan contundente mensaxe foi recibida

Na Galiza non chegou esa mensaxe nin do PSOE nin do BNG. Ou segue rachada a canle ou é que a mensaxe simplemente non foi emitida a pesar dos artificios para a galería. Sen embargo si escoitamos que o BNG seica aínda e con todo segue a ser a única forza xenuinamente galega, nacionalista e de esquerda a pesar do baño que lle deu pola esquerda unha forza nova, sen organización e mestura de movemento social e partido fora do sistema. E que foi quen de conseguir o máis difícil, recuperar a ilusión dunha sociedade sen líderes, ao límite e farta de que a súa galeguidade diferencial non poida co paro de longa duración e coa fame.

Todo apunta a que a escolla do BNG pola cárcava do Politburó fronte a complexa deconstrución total dunha marca caduca no ideolóxico e esgotada no electoral condénao de antemán a non resintonizar cunha sociedade que xa o aguilloa no persoal e no electoral sen empatía nin piedade algunha, sumado a desafección propia da política en xeral e no caso particular do Bloque engadindo tamén o seu illamento nunha tradición de difícil apostasía na franqueira mesma do fundamentalismo, da decadencia moral e da desesperación do fóra cos traidores no canto de reflexionar, mudar e integrar.

Cando as preguntas son claras na sociedade as respostas dos partidos deben selo aínda máis

Cando as preguntas son claras na sociedade as respostas dos partidos deben selo aínda máis e lamentablemente o BNG a pesar de ter sempre resposta acaída, anticipada e certa para todo tipo de causa, ficou mudo ante o obxectivo asumible da emancipación nacional como motor do benestar da Galiza a través da lexitimación dunha maioría social suficiente. É a maioría democrática a que lexitima as siglas, non son as siglas as que determinan unha sociedade.

É a maioría democrática a que lexitima as siglas, non son as siglas as que determinan unha sociedade

Un obxectivo que desde o de Amio como pouco implica xa unha urxente revisión do rumbo, modelo e cultura política, revisión que o BNG semella non poder asumir simplemente pola férrea pexa que exerce a hexemónica UPG. O BNG debe saír do armario frontista dunha forza residual sumida na máis absoluta e obtusa exigüidade zombi e comezar unha nova xeira desde a óptica da procura dun impacto social maioritario. O resto, por moito que se berre, é silencio, que diría o Caneiro.

Temos a obriga de testar ás vindeiras xeracións o relato da recuperación da ilusión dunha emancipación como motor do benestar desa Galiza emerxente

Temos diante unha grave crise financeira, ás portas un rescate masivo que ceibará aínda máis crise, paro, recorte social e perda total de soberanía decisoria, socavando o concerto autonómico en plena carraxe recentralista e antidemocrática, e que debería ser suficiente condición de excepcionalidade como para dar chanzos meridianos, firmes e valentes nesa dirección. O camiño da reunificación progresiva do nacionalismo, reunificación integradora, solidaria e imprescindible nun contexto extremo coa xente en caída libre desde as fiestras das súas desafiuzadas vidas. Temos a obriga de testar ás vindeiras xeracións o relato da recuperación da ilusión dunha emancipación como motor do benestar desa Galiza emerxente que reza no imaxinario colectivo de todos e todas, xa que perder unha ilusión doe moito, máis perdelas todas é simplemente morrer en vida como zombis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.