Mercenarios

2000 persoas contra as touradas nas rúas da Coruña. Unha cifra ilusionante que amosa a capacidade da sociedade civil para organizase contra un espectáculo cruento cos animais como son os festexos taurinos. Porén, seguindo as verbas do manifesto que se leu ao remate desta convocatoria, as touradas sempre terán mercenarios que as defendan, de xeito directo, de fronte; ou indirectamente, a través da confusión e do mero proselitismo demagóxico.

As touradas sempre terán mercenarios que as defendan, de xeito directo, de fronte; ou indirectamente, a través da confusión e do mero proselitismo demagóxico

Determinados medios de comunicación ofrecen unha imaxe distorsionada da realidade dun xeito interesado. A defensa de bancos, a defensa dos directivos que marcharon con indemnizacións millonarias, a defensa da minaría salvaxe… e a defensa da tauromaquia, forman parte dunha base informativa que manipula, distorsiona e procura evitar as opinións que contradigan as súas ideas. Este simplismo editorial atrévese a monopolizar a información, a determinar quen dirixe ou mantén un movemento social transversal e imparable. Tentan buscar merda e tentan xerar merda.

Resulta ilusorio pensar que a tauromaquia pode vivir nunha cidade onde o 88% dos mozos dos 18 aos 30 anos rexeita os subsidios ás touradas

A crónica dunha morte anunciada xoga diferentes bolas de partido nunhas informacións nesgadas que se atreven a verter opinións personalistas, toques proselitistas, demagóxicos e falsos. Cuestionan a mobilización social, prefiren atemperar as nosas posturas, descualificalas e reducilas á mínima expresión. A risco de enfrontarse á sociedade, pois resulta ilusorio pensar que a tauromaquia pode vivir nunha cidade onde o 88% dos mozos dos 18 aos 30 anos rexeita os subsidios ás touradas, e unha porcentaxe aínda superior avoga pola abolición directa. Non son datos dos antitaurinos, nin das organizacións convocantes desta positiva manifestación. É material extraido dunha sondaxe de opinión realizado en 2010 por unha empresa con máis de tres décadas de experiencia neste campo. E non, nós tampouco ocultamos enquisas cando non interesan…

"Neonazis" é o novo cualificativo desta caverna sociomediática, que se ampara nas vellas estruturas e no inmobilismo natural do pedigree local para tratar de erguer un apoio invisible á tortura nacional

"Neonazis" é o novo cualificativo desta caverna sociomediática, que se ampara nas vellas estruturas e no inmobilismo natural do pedigree local para tratar de erguer un apoio invisible á tortura nacional. Unha táctica moi ben coñecida e practicada polos lobbies, que gañan cos cartos e o amedrentamento o que non gañan nas rúas. Lembrar a Ramón Suárez Picallo e a o benquerido Castelao pode servir para facernos unha idea do termo neonazi, da estupidez personificada. Deputados electos dende 1931 ata 1936 que deben fuxir da súa terra. E tamén de profundas convicións contrarias á festa nacional, aquela que ben lembraba Picallo (nunha carta en 1947) instituía os toureiros como heroes nun país onde se represaliaba os demócratas.

Máis sinxelo: Rexeitamos as touradas pola súa crueldade, polo seu desfase histórico e porque todas e todos temos que pagalas cos nosos impostos. Iso si, o importante é empregar os medios para desacreditar o imparable, o ilusionante. Unha auténtica loita de clases. O medo muda de bando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.