Mes e medio de folga nos xulgados de Viveiro*

O caos aséntase nos xulgados tras mes e medio de folga indefinida na Administración de Xustiza. O apoio do 100% do cadro de persoal viveirense fixo que, ademais da suspensión habitual de xuízos, tampouco se estean a celebrar con normalidade outros moitos trámites como declaracións penais (de persoas prexudicadas, testemuñas ou investigadas), comparecencias, apoderamentos, actuacións habituais non-urxentes do Rexistro Civil e información xeral.

Desde os dous Xulgados de Viveiro lamentamos fondamente o prexuízo que se lle está a ocasionar tanto á cidadanía como aos profesionais da avogacía e a procuradoría, que están sendo moi respectuosos coas nosas reivindicacións laborais a pesar de padecer de primeira man a parálise dos expedientes xudiciais. É de agradecer a educación que amosan con nós na súa gran maioría, debido á enorme perda de ingresos que lles supón este paro.

As traballadoras e os traballadores xudiciais seguimos pedindo a mediación da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais neste longo conflito, a quen os negociadores da Xunta botaron das reunións ás primeiras de cambio alegando a “ilegalidade” desta intercesión neutral, cando o artigo 162 da Lei de Función Pública de Galicia admite ese tipo de mediación para toda a Administración.

Tamén nos gustaría que os medios de comunicación puideran estar presentes nas negociacións, tal e como foron invitados nalgunha ocasión polos nosos sindicatos, pero a negativa dos representantes da Xunta fixo imposible que o colectivo de xornalistas asistira desde dentro á pantomima á que nos someten unha e outra vez os políticos responsables desta situación límite.

O certo é que os dirixentes do Goberno galego sempre tiveron unha actitude soberbia cara ao persoal da Administración de Xustiza, como cando entre os anos 2013 e 2016 o executivo de Feijóo descontou das nóminas dos 2.700 funcionarios xudiciais galegos unha media de 5.000 euros anuais, sendo a única comunidade autónoma que aplicou esta medida xunto aos recortes salariais a todos os empregados públicos aprobados desde Madrid. Onde irá todo ese diñeiro?

Por todo isto, e debido aos vellos tópicos sobre funcionarios que aínda hoxe non se cansan de repetir coma unha ladaíña, desde a Xunta nunca pensaron que o seguimento da folga podería ser masivo. Eses clixés, contaminados por un xeito de pensar arcaico, é o que os descoloca. Porque ésta é unha folga netamente feminina. O persoal dependente da Xustiza está composto por funcionarias na súa maioría. De feito, das 13 persoas chamadas á folga nos dous xulgados de Viveiro, un total de 8 son mulleres. E ningunha de nós (e tampouco ningún de nós) temos pensado claudicar.

 

*Nota: Aínda que a redacción deste artigo foi colectiva e consensuada polas funcionarias e funcionarios dos dous xulgados de Viveiro, responde da súa posible publicación o funcionario xudicial destinado no Xulgado nº 2 de Viveiro: Marco López López

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.