Messages in a Bottle

Ana Botella de Aznar, Major of Madrid City, subiu ó estrado de oradores con paso firme e sorriso amplo, pintada toda ela de vermello carmesí, e soltou de memoria un discurso en inglés en defensa da candidatura de Madrid ós xogos olímpicos de 2020. Con acento de Chamberí, abrindo a boca de cuarta e media e alongando eternamente algunhas sílabas, a alcaldesa gabou as excelencias da súa cidade e invitou ó mundo enteiro a pasear “el Madrid de los Austrias” ou a probar unha “relaxing cup of café con leche in Plaza Mayor”. Horas despois, o presidente do COI, o belga Rogge, subía ó mesmo estrado e con voz triste e apática farfallaba que “Madrid was eliminated “; nun santiamén, as redes socias petaban de entradas e comentarios burlescos sobre o discurso da alcaldesa; e na prensa do día seguinte, agás Paco Maruenda e Bieito Rubido, poñíana a caer dun burro e transmitían explícita ou implicitamente que “Madrid was eliminated because of relaxing cup”. Pero, por que?, que diría Yose Mouriño. Tamén subiran ó estrado o Príncipe Felipe, o presidente do COE, Pau Gasol, Mariano Rajoy, … Por que só batían nela?

Pero, por que?, que diría Yose Mouriño. Tamén subiran ó estrado o Príncipe Felipe, o presidente do COE, Pau Gasol, Mariano Rajoy, … Por que só batían nela?

Seica fora polo seu inglés trapalleiro. Vaia, ho! Ou sexa que, a sensu contrario, se Ana discurseara tal cal unha lady de Baker Street arestora Madrid 2020 sería unha realidade? Acaso alguén pensa que os membros do COI están agardando as derradeiras intervencións das cidades candidatas para tomar unha decisión definitiva? E aínda mais, centrando a súa atención na fluidez e perfección do inglés do orador? E logo, cando hai catro anos Río de Xaneiro lle comeu as papas a Chicago, acaso o inglés dos ribeiregos do lago Michigan non daba a talla? Supoño que moitos cadraredes comigo en que os tiros van por outro lado, e que as decisións do COI (o mesmo que a meirande parte dos organismos internacionais) responden a un xogo de poder, intereses e cariños varios; e por suposto, moito mais alá dunha pronunciación correcta do idioma de Shakespeare, que se fala en medio mundo e cadaquén como sabe ou como lle peta. A poeira que levantou aquí a intervención da alcaldesa, que seguramente pasou desapercibida na meirande parte dos países, responde mais ben a outros factores de clave interna.

Por exemplo, a controvertida figura da alcaldesa. Ana Botella é muller de quen é, e gasta a mesma prepotencia, afouteza e chulería ca o seu home. Antes distinguíanse un do outro polo bigote, pero agora que el o afeitou, xa nin iso. Son cuspidiños. Ana, o mesmo ca Josemari, non cae ben nin entre os propios, e xa non digamos entre estraños. Son desas persoas que reverencias e soportas namentres os tes enriba, pero non deixas de soñar co día de poder telas debaixo. Daquela, cando tropeza (ou nos parece a nós que o fai) pois aproveitamos para darlle ata no carné de identidade, aínda sabendo que a ela lle importan pouco ou nada as nosas chanzas e risadas.

Logo está o eterno complexo idiomático. Así como moitos galegos senten un complexo fronte ó castelán, ós casteláns pásalle o mesmo co inglés

Logo está o eterno complexo idiomático. Así como moitos galegos senten un complexo fronte ó castelán, ós casteláns pásalle o mesmo co inglés. E este complexo fai que sexamos demasiado exquisitos e só admitamos aquel inglés falado con acento vitoriano e fagamos chanza das aproximacións. Os idiomas teñen en cada intre da historia un nivel de prestixio social, relacionado fundamentalmente co poder (en tódalas súas manifestacións) acadado polos seus falantes. E non só os idiomas varían en prestixio, senón que dentro do mesmo idioma os acentos locais teñen diferentes niveis. Agás Paco Vázquez, cando un galego fala en castelán procura borrar calquera reminiscencia cantareira aborixe; e cando un madrileño fala en inglés fará o imposible por semellar de Chicago de toda a vida.  E se alguén nono consegue, ben porque non da ou porque non quere, vai e rímonos del. “Eu non falo galego (ou inglés) porque nono falo ben”, din. Mira ti, ho! Que llo conten logo ó “chin-chin” Alain AffLelou, que leva anos vendéndonos gafas en castelán afrancesado e aínda é hoxe o día que non entendo o que me di no anuncio? Ou ó exfutbolista Michael Robinson, que levamos vinte anos aturando sen chistar os avances milimétricos no seu castelán de Leicester?

Por todo isto, e só por isto, celebro e aplaudo que Ana Botella falara en inglés con acento madrileño, de onde ela é.  Outro debate serían as propiedades realmente relaxantes do café con leite na Praza Maior, que nunca probei e, xa que logo, pouco ou nada podo opinar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.