Un dos estigmas que arrastran os creadores culturais é a súa innata tendencia á metáfora. Un costume estrafalario que repugna á clase política, basicamente por dúas razóns: As súas enormes dificultades para a comprensión da metáfora (sempre preferiron a prestidixitación), e a súa incapacidade para confesalo publicamente. A metáfora é unha arma coa que os políticos xa non están afeitos a se enfrontar e non hai nada que amole máis a un responsábel político que a incerteza defensiva.
A metáfora é unha arma coa que os políticos xa non están afeitos a se enfrontar e non hai nada que amole máis a un responsábel político que a incerteza defensiva
Sabedores de tal carencia, os artistas teiman no uso da ironía. Algúns entre eles – os actores, os pallasos – gozan especialmente co estupor do gobernante. Diremos co estupor, porque, infelizmente, a xente da escena é incapaz de xerar pánico no político, que habitualmente os ignora e só muda tal actitude polo desprezo nos casos de pública desafección. É por iso que os cómicos padecen, como castigo ás súas indómitas actitudes, o ostracismo e a salvaxe persecución nos medios de comunicación baixo obediencia política.
En tempos, só o bufón ousaba cuestionar as decisións do tirano en público. A convención impedía a este lavar a súa humillación no sangue do pallaso
O papel esencial do cómico é a implantación dun mundo irreal que actúe como espello da realidade. É iso maxia? En tempos, só o bufón ousaba cuestionar as decisións do tirano en público. A convención impedía a este lavar a súa humillación no sangue do pallaso. Ao cabo, the fool era unha alma en teoría inocente, do mesmo xeito idílico que os privados de razón. Eliminar, facer enmudecer ao único que podía expresar a verdade sería unha crueldade e un xesto de brutal impotencia que ningún súbdito había comprender.
As regras do xogo teñen mudado. Se o creador non é absolutamente fiel ao poder este non terá o máis mínimo pudor en executalo publicamente. O actual Goberno Español ten demostrado até que punto esta máxima está por riba dun sector absolutamente estratéxico para un Estado coma o do cinema. A carraxe de que se fai uso de maneira directa ou indirecta contra ese colectivo non ten a ver só coa súa disidencia. Trátase, simplemente, dunha incapacidade para entender a metáfora.
Se fosen intelixentes, farían lembranza do Hamlet. Do xeito no que o arteiro príncipe danés utilizara os Cómicos de Italia para desenmascarar a traizón, convertendo a ficción nunha verdade insoportábel para os seus espectadores.
Pero a máis aceda verdade é que a chamada “alta política” ten decidido prescindir da cultura. Non só procurando esforzadamente a súa eliminación, senón relegando abertamente as humanidades nos planos de estudo, na procura de arrincar a raigame da planta. Impedir que prenda en terra. A argumentación non varía. A formulación do pensamento e a creación son un luxo absolutamente improdutivo, máxime en tempo de crise. Tanto ten que a cuantificación do peso económico do sector contradiga radicalmente tal afirmación. Tanto ten que a xeración dunha cidadanía culta e crítica sexa un dos esenciais parámetros que alicerzan a altura democrática dunha sociedade. Tanto ten que, efectivamente, a cobertura social, a atención sanitaria ou a propia formación académica públicas dos cidadáns parezan ser, asemade, luxos improdutivos.
Os profesionais das artes escénicas manifestáronse a semana pasada na Cidade da Cultura. De alí foron desaloxadoss polas forzas de seguridade. A metáfora era, neste caso, ben obvia. A Cultura expulsada da Cidade da Cultura
Os profesionais das artes escénicas manifestáronse a semana pasada na Cidade da Cultura. De alí foron desaloxadoss polas forzas de seguridade. A metáfora era, neste caso, ben obvia. A Cultura expulsada da Cidade da Cultura. A escenificación dunha contradición entre a cultura real e a concepción que da cultura teñen os actuais gobernantes.
Orfos de todo apoio público, só lles ficamos nós. Aqueles aos que a metáfora non só non nos ofende, senón que nos resulta imprescindíbel para manternos con vida
Encanto a estrutura socio-cultural europea como a coñecemos enfía a costa abaixo cara á súa desaparición, a prioridade do poder político semella ser a destrución dos elementos basilares da europeidade. Alguén ten decidido que o pensamento é inútil. Que só implica a interposición de atrancos, de inútiles condicionantes a unha acrítica interpretación da realidade desde a incuestionábel óptica do lucro.
Os cómicos seguirán co seu dignísimo oficio de vellos artesáns. Mexendo as nosas conciencias e impedíndonos virar o ollar cara latitudes máis agradábeis á vista. Orfos de todo apoio público, só lles ficamos nós. Aqueles aos que a metáfora non só non nos ofende, senón que nos resulta imprescindíbel para manternos con vida.