A urxencia do incendio. E aquí fico, abraiada aínda pola miopía perversa dos executores de manual de xestión de crise. Cando a marea negra, cheos de razón e de prepotencia, os gobernantes ousaron obviar as directrices que aprendes xa en primeiro de carreira de como afrontar comunicativamente unha situación de catástrofe. Desta volta, ben aprendidos, cumpriron as liñas máis básicas (dar a cara dende o primeiro momento, non negar evidencias, amosar solidariedade, ofrecer datos só fiables e veraces, descartar trolas, chamamento á calma) e foron a pola matrícula de honra no adoutrinamento das masas: o inimigo vén de fóra (Portugal), son elementos naturais incontrolables polo ser humano (o vento, as altas temperaturas, unha Ofelia desmandada) e, o máis larpeiro a nivel discursivo: estannos atacando.
Cualificar aos incendiarios como terroristas que veñen a atacarnos, a elementos de noso que queren ferirnos para causar mal, cousa que “toda Galicia o sabe” e pola que “toda Galicia chora” apela emocionalmente a un sentimento, non á razón. En consecuencia, acciónase a carraxe e paralízanse os mecanismos de reflexión colectiva. Así, os titulares lévannos a unha catástrofe causada por elementos humanos desprezables e por elementos naturais incontrolables, o que converte os incendios en algo inevitable do que todas somos vítimas e non hai máis culpable que quen prende. Con esta urxencia de a pé de urna elabórase un discurso terrible que inmobiliza, que non demanda respostas, que nunca reflexiona nin actúa con serenidade e cabeza fría. Que simplemente agarda a que veña a seguinte labazada como un mal inevitable. E a máxima expresión da resposta non é unha batería de medidas a medio e longo prazo no Parlamento senón unha bandeira a media asta durante tres días en sinal de dó. Con ela, fican as conciencias tranquilas, a duns porque non perderán votos e a de todos nós porque non é responsabilidade nosa. Segundo isto, choramos por catro mortos inevitables, e aínda grazas que non houbo máis desgrazas persoais. É así. E que se lle vai facer. Parece cousa do demo. E aínda menos mal que choveu.
Os titulares lévannos a unha catástrofe causada por elementos humanos desprezables e por elementos naturais incontrolables, o que converte os incendios en algo inevitable do que todas somos vítimas e non hai máis culpable que quen prende
Quen prendeu o lume é un delincuente e sobre esas persoas debe actuar con firmeza a xustiza.
Pero, xaora, hai máis culpables.
Quen nos goberna en primeiro lugar, pero eu e máis ti tamén.
Cómpre que abramos as orellas para escoitar ás persoas expertas que nos falan de que, a pesar das aparencias, na gran vaga de lumes de 2006 non houbo ningunha trama organizada; que os pirómanos son persoas concretas con nomes e apelidos que é moi difícil castigar coas medidas actuais pola dificultade de probas contundentes da súa autoría; que os equipos deberían actuar como o seu nome indica de “prevención de incendios” e non de “extinción”; que os chamados incendios de sexta xeración veñen para darnos labazadas con consecuencias imprevisibles; que o cambio climático está a mudar os paradigmas e non podemos apagar os lumes como nos anos noventa; que a “Galifornia” ten esta cara oculta trala exultante comparecencia para anunciar os milleiros de turistas que nos visitan atraídos polo bo tempo; que o abandono da xestión do monte reducido a masa forestal e negada a súa importancia como biodiversidade convérteo nun campo minado… Que xa que nin o pan de vedro nin o estrume son imprescindibles no noso modo de vida, haberá que reflexionar seriamente que facemos cos nosos montes microparcelados e abandonados a un monocultivo feroz ou, directamente á nada. Que as comunidades de montes son cruciais para o seu bo estado de conservación. Que é de soberbios urbanitas descargar todo o coidado dos montes nos propietarios –na súa maior parte persoas de idade (e non)- e deberiamos asumir a nosa responsabilidade colectiva como sociedade na xestión do noso patrimonio natural. Que quen ten as escrituras nos teña o monte limpo e xeitoso para irmos pasear a fin de semana! Que non cheiren a estrume as terras! Que as vacas non enchan de bosta as estradas nin os tractores nos obriguen a reducir a velocidade do coche cando imos cara á praia! Os culpables son os pirómanos de capucha e máis os propietarios que non limpan! E morra o conto.
Haberá que preguntarnos seriamente se nos últimos anos se está a orientar gran parte da nosa economía ao sector turístico, como é posible que só se reclamen fondos para a organización de eventos pirotécnicos efémeros e nin un só peso para o coidado paisaxístico
Haberá que preguntarnos seriamente se nos últimos anos se está a orientar gran parte da nosa economía ao sector turístico, como é posible que só se reclamen fondos para a organización de eventos pirotécnicos efémeros (concertos, ciclos, citas gastronómicas) e nin un só peso para o coidado paisaxístico.
Sería extraordinario algunha vez escoitar aos hostaleiros clamar: Queremos fondos para o coidado da Devesa da Rogueira! Destinen orzamentos ás Fragas do Eume! Conserven a lagoa de Valdoviño! En cambio, láianse porque disque non hai axudas para a organización dunha feira goyesca e suplican enrabechados que as compañías de baixo custe aterren no aeroporto máis próximo e non no que fica a 70 quilómetros do seu establecemento. Manda truco!
Se agora unha das funcións do monte é ser un fondo de selfie en instagram haberá que coidalo, mantelo, mimalo para que luza bonito, ouh? Ou alguén quere sacar unha foto nunha poeira de cinzas, por moito que o cheiro non chegue ás redes sociais? Esta parece ser agora unha das funcións do monte. Pero non debería, nunca, ser a única. Urxe unha xestión ordenada, planificada a medio e longo prazo para que ese monte teña outros usos e non só un pano de fondo no teatro da economía da banalidade. Que o monte, pode, quere e debe ser motor de economía produtiva e non só depredativa de píxeles.
Necesitamos baterías de medidas no Parlamento, non lamentos de "nuncatalseviu" nas alfombras de San Caetano. Por moi larpeiro e rendible electoralmente que sexa botarlle toda a culpa a “terroristas incendiarios”, Portugales e Ofelias, isto non deixa de ser unha canallada
Asumamos que o futuro, tal e como amosan os modelos, parece tender cara a un incremento térmico e redución das pluviosidade. Deberiamos logo pensar que consecuencias trae isto, como nos adaptamos á nova realidade meteorolóxica. Porque, ademais da tolemia ecolóxica que isto supón, os mortos de Portugal son un serio aviso do que pode suceder se non mudan as tornas. E non valerá logo laiarse nin botarlle a culpa ás Ofelias e tormentas ígneas, por moito que isto funcione a pé de urna. Estamos a recibir advertencias do que pode vir e o monte, xaora está a se rebelar.
Esixamos, pois, intelixencia e vontade política, non bandeiras a media asta que só amosan desleixo e covardía. Gran covardía. O despedimento de brigadistas, a man aberta ás recualificacións urbanísticas, as normativas e usos de chans queimados, a regulación do monte, as estratexias de planificación económica que alimentan outros usos posibles (agricultura ecolóxica, turismo sostible, roteiros deportivos e de lecer, tamén madeira, claro) son responsabilidade do goberno e demandalas, cousa de toda a sociedade. Necesitamos baterías de medidas no Parlamento, non lamentos de "nuncatalseviu" nas alfombras de San Caetano. Por moi larpeiro e rendible electoralmente que sexa botarlle toda a culpa a “terroristas incendiarios”, Portugales e Ofelias, isto non deixa de ser unha canallada. Limitarse a repetir que toda Galicia chora e a baixar as bandeiras equivale a renderse. E non precisamos derrotas covardes senón propostas firmes e decididas para que o futuro non se calcine nunha labarada anunciada. Todas as vítimas do pasado domingo merecen moito máis que solidariedade: o compromiso de medidas concretas que eviten que a catástrofe incendiaria se repita ciclicamente.