O miliario romano coñecido como 'O Marco' debe seguir sendo un elemento de unión entre os veciños das parroquias próximas, tal como foi ao longo dos séculos. A súa presenza non representa unha separación, senón un punto de encontro que forma parte da historia común deste territorio
O miliario romano coñecido como 'O Marco' debe seguir sendo un elemento de unión entre os veciños das parroquias próximas, tal como foi ao longo dos séculos. A súa presenza non representa unha separación, senón un punto de encontro que forma parte da historia común deste territorio.
Este miliario da vía XIX, datado na época do emperador Trajano, no século II, constitúe un elemento patrimonial singular, sendo o único que permanece na súa posición orixinal. Precisamente por ser un fito ou mouteira territorial conservouse no seu lugar histórico; doutra maneira, sería trasladado a un museo. Este feito está amplamente documentado.
Cabe lembrar que no ano 1931 o gobernador civil tentou trasladalo ao Museo de Pontevedra, iniciativa que non levou a cabo pola oposición dos veciños das parroquias de Vilar de Infesta, en Redondela, e de Louredo e Guizán, en Mos, quen defenderon colectivamente a súa permanencia no lugar: armados con apeiros de labranza, rodearon o miliario ao berro de que “O Marco non se move de aí”. Este episodio evidencia o valor simbólico e identitario que sempre tivo para ambas as comunidades.
A documentación existente desde o século XIX, momento da creación dos municipios, así como o levantamento detallado realizado polo Instituto Xeográfico en 1940, non deixan lugar a dúbidas: o miliario actúa como fito delimitador entre os concellos de Mos e Redondela, situándose polo tanto en ambos os territorios. Estes documentos describen ademais con precisión as súas medidas e os elementos gravados.
Respectar o Miliario Romano 'O Marco' implica respectar a historia e a memoria dos nosos antepasados. A súa función histórica como fito territorial non debe entenderse como un punto de división, senón como un símbolo de convivencia e relación entre comunidades veciñas, tal como demostra a propia historia.
O Miliario non é unha pedra que separa, senón un referente que nos une. Leva séculos no mesmo lugar, formando parte da vida dos veciños de tres parroquias, lembrándonos que a historia común permanece. Respectalo é respectar a memoria colectiva dun territorio compartido
Os erros producidos ao trasladar as antigas medicións aos sistemas modernos xeorreferenciados, tal como recoñece o Instituto Xeográfico, fan necesario que os municipios corrixan as imprecisións de acordo coa lexislación vixente nos procesos de deslinde correspondentes. Resulta importante actuar con responsabilidade e dilixencia por parte dos Concellos neste momento para evitar máis confusión, especialmente despois de anos nos que foron ambos os dous municipios, Redondela e Mos, e non os veciños, quen introduciron erros en documentos urbanísticos e publicacións.
Os concellos deben abordar con seriedade o traballo pendente e colaborar conxuntamente cos veciños para mostrar o que a historia evidencia: que se trata dun patrimonio situado entre ambos os municipios, un símbolo identitario das parroquias que teñen neste punto o seu límite común e que debe resolverse coa máxima dilixencia e respecto pola realidade histórica.
O Miliario non é unha pedra que separa, senón un referente que nos une. Leva séculos no mesmo lugar, formando parte da vida dos veciños de tres parroquias, lembrándonos que a historia común permanece. Respectalo é respectar a memoria colectiva dun territorio compartido.