Minas e versaletas

Hai pouco tempo unha revista cultural galega tivo a ben publicarme un artigo longo e sisudo, deses nos que as notas ao pé acompañan case cada páxina e o anexo final de bibliografía é longo e vai nun apartado. O típico artigo que, se fose de ciencias, chamaría científico, apelativo que me resisto a empregar para falar de crítica e estudos literarios, que, salvando honrosas excepcións, de científico teñen máis ben pouco.

Cando recibín o primeiro exemplar da revista e fun ver como quedara a miña colaboración, non daba crédito. Só baixo a máis declarada sabotaxe era posíbel que alguén editase un artigo tan rematadamente mal

Cando recibín o primeiro exemplar da revista e fun ver como quedara a miña colaboración, non daba crédito. Só baixo a máis declarada sabotaxe era posíbel que alguén editase un artigo tan rematadamente mal. Por unha banda, as notas a pé non coincidían nin de casualidade coas súas chamadas no texto, compoñendo referencias bibliográficas raianas no surrealismo. Claro que iso pouco importaba desde o momento no que as notas aparecían duplicadas en varias páxinas. Por se isto non fose abondo, tamén faltaban palabras aleatorias ao longo do corpo principal do texto, que en ocasións mudaban por completo o significado das oracións, alén de insinuar que o autor podería padecer algún tipo de deficiencia cognitiva. Mencionar despois de todo isto que as versaletas de rigor na bibliografía foran substituídas por sinxelas maiúsculas é fiar fino de máis. E porén hai poucos indicativos de descoido editorial tan evidentes como esas pequenas traizóns inconscientes ao libro de estilo.

Antes de desenvolver unha teoría da conspiración e deixar unha cabeza de cabalo na cama dalgún dos responsábeis, lembrei que nas interpretacións máis correntes de Marx todo ten unha explicación económica ou, por mellor dicir, unha explicación baseada na loita de clases. A crise global, nos últimos anos, funcionou como un cobertor tras o que facer menos evidente unha crise editorial paulatina pero inexorábel. Se nos guiamos polos datos da edición galega, o volume perdido nos últimos anos roza o cincuenta por cento na tirada, con perdas de facturación menores, pero constantes e progresivas. E iso para un contexto que, se ben sufriu os mesmos ataques políticos que o resto da nosa cultura, gozou tamén da protección da súa trincheira particular ante fenómenos que quitan o sono nos grandes sistemas culturais, como a demonizada piratería ou a irrupción no escenario de grandes compañías como Amazon.

Naturalmente, esta crise non pasa sen efectos. Calquera persoa próxima ao mundo editorial galego pode testemuñar a reestruturación de moitos dos seus proxectos, coas consecuentes perdas de postos de traballo. O prezo da resistencia, dirá moita xente. Un prezo sutil, pero demasiado alto, sobre todo cando do que se prescinde é da calidade no traballo de corrección e edición, ben eliminando directamente o posto, concentrando o traballo nunha soa persoa, ou recorrendo a xente sen un mínimo de formación, prácticas todas que se veñen dando con certa frecuencia no contexto cultural do noso país.

Calquera persoa próxima ao mundo editorial galego pode testemuñar a reestruturación de moitos dos seus proxectos. Un prezo sutil, pero demasiado alto, sobre todo cando do que se prescinde é da calidade no traballo de corrección e edición

E non falo só do meu faldado e anecdótico artigo sabotado. Nese tipo de consideracións que moi raramente caben na crítica literaria, poderiamos facer un apartado ás atrocidades editoriais máis notábeis dos últimos anos. Falamos de índices que non cadran coas páxinas que recollen, de notas ao pé desaparecidas, de restos ben notábeis dun orixinal noutra lingua polo medio do texto galego e de fallos obvios de puntuación. E en contra do que alguén podería pensar, non son un patrimonio dos pequenos proxectos ou grallas puntuais e excepcionais. Algunha das grandes editoras do noso país podería encher por si soa unha boa parte deste museo dos horrores.

O traballo de edición, e moito máis nun contexto tan complexo como o galego, é un traballo conxunto ou un crime compartido

O traballo de edición, e moito máis nun contexto tan complexo como o galego, é un traballo conxunto ou un crime compartido. Non ten sentido responsabilizar, como fai unha parte da crítica, a unha soa das partes, dos erros ortográficos e de edición. Como persoa que estivo nos dous lados da barricada, podo dicir que moitas cousas deste mundo explícanse polo combate a cara de can entre a persoa que escribe e a persoa que corrixe. A primeira non debe deixar de tentear os nervios da segunda explorando as posibilidades da linguaxe, polo menos até que esta se vexa tentada a tirarlle un dicionario á cabeza. A segunda ten que manter a calma e medir o terreo como un zapador que desactiva minas dunha guerra antiga. A edición galega camiña, nos últimos anos, por terreo minado que ninguén se molesta en limpar. E nin sequera son minas colocadas pola vontade experimental ou polas liberdades normativas dos autores.

A diferenza entre facer fotocopias dos textos para as amizades e editar unha publicación chámase traballo. Traballo. Xa dixen antes que sempre existe unha explicación marxista para todo

E realmente, no contexto político que vivimos, pode parecer un problema menor, un síntoma de que as cousas están peor do que imaxinamos, peor que hai uns anos, mellor que nos que temos por diante. Pero, como comentaba hai pouco a alguén con quen comparto un proxecto editorial: a diferenza entre facer fotocopias dos textos para as amizades e editar unha publicación chámase traballo. Traballo. Xa dixen antes que sempre existe unha explicación marxista para todo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.