Este ano, din os vaticinios, será duro. Xaneiro comezou co falecemento de Isaac Díaz Pardo, un dos grandes referentes da Galiza moderna, e continuou co de Manuel Fraga Iribarne, louvado pola transformación dunha ditadura franquista na actual democracia bananeira dos franquistas. En datas próximas, o corpo do poeta Rui Costa, de trinta en nove anos e considerado grande promesa da poesía portuguesa, foi encontrado morto na Afurada: “Fontes policiais assinalaram que o corpo encontrado é o de um homem que caiu ou se terá atirado da ponte da Arrábida”. Semella este último un argumento de Arthur Conan Doyle, mais non é así: conservo o último libro de poemas asinado por el, en Gaia, un ano antes. Tempos de morte, e datos que como runas a miña mente deita agora na mesa en que estou a escribir.
Ao tempo, ergo a vista e a crise da que non desexo falar mais da que non podo evitar escoitar arrastra cuestións moito máis relevantes que a perda paulatina de poder adquisitivo: a utilización desta falsa democracia para xustificar a explotación. Porque o máis grave non é errarmos a ruta, senón queimarmos as naves que nos han de levar a terras mellores. Antes o flaxelo caía nos países pobres mentres aquí desfrutábamos dun ben estar tan artificial como os decorados do Oeste Americano de Almería; agora os bimes xa caen no noso lombo encanto carrexamos o saco sen fundo da cobiza occidental. Que mexen ou que chova, queridas, é secundario.
Dirixo os ollos para a esquerda, e un grupo de atrevidos xornalistas decide, no medio da específica crise dos xornais, abrir un novo medio, para o que solicitan a miña colaboración. Como negarme a participar? O difícil será ser comedido e concreto cando hai tantas e tantas virtudes nun país como este para divulgar, xusto na hora en que o apartheid cultural cobra novas forzas desde a política institucional.
Ollo finalmente para a dereita e teño claro por onde comezar. A nosa cultura milenaria ten deixado innúmeros tesouros que falan de nós, ocultados intereseiramente por xeracións de académicos construtores do imperio. E ante isto de pouco serve agardar que o CSIC deixe de investir na arqueoloxía do Antigo Exipto para dedicarse a escavar unha maioría de castros galegos que habían de revelar o poder económico e cultural deste noso noroeste desde a antigüidade. Debemos apañar a pa e remover a terra nós mesmos, sen agardar por ninguén, porque nela hai algúns grandes referentes que merecen ser divulgados na comunidade, con moito coidado, como minas por levantar.