Mirar máis alá

No ano 1996 o Transnational Institute, un reputado centro de investigación con sede en Ámsterdam, que foi presidido a mediados dos anos setenta polo ex ministro de Defensa de Salvador Allende, Orlando Letelier, asasinado en 1976 en Washington, promoveu a edición dun libro titulado Compasión e cálculo, coordinado polo investigador David Sogge. Un par de anos despois a editorial española Icaria publicou a versión en castelán. A edición orixinal en inglés levaba como subtítulo "The business of private foreign aid”, que na edición española transformouse no mais politicamente correcto Unha análise crítica da cooperación non gobernamental ao desenvolvemento. Non debeu naquela altura parecer unha boa idea referirse as actividades das ONGDs como a un negocio, o que sen dúbida agora mesmo, vendo as formas de recadar fondos que se teñen imposto no sector, causaría menos reparos.
 
Aquel libro supuxo un revulsivo no mundo das ONGDs. Aínda que centrado nas de carácter multinacional, que manexaban, e manexan, anualmente orzamentos de centos de millóns de euros (Oxfam, Médicos Sen Fronteiras, Save de Children, Action Aid, World Vision…) os debates abertos involucraban tamén ás de tamaño medio e mesmo ás pequenas. As achegas recollidas na publicación, que apesares das dúas décadas transcorridas non perderon actualidade, mostraban aspectos pouco agradables do traballo destas organizacións.
 
Un dos artigos chamoume daquela a atención “Who owns the private aid agencies?” que podemos traducir como “De quen son as Organización Non Gubernamentais?”, obra de John Saxby.
 
Aquel artigo interesoume porque aplicaba ao mundo das organizacións da sociedade civil unha análise que se tiña desenvolto centrado no mundo da empresa, no management, pescudando o papel dos shareholders, os accionistas nunha sociedade anónima, os intereses dos stakeholders, os distintos colectivos involucrados na marcha da empresa pero que non son os seus donos (consumidores, goberno, traballadores, outras empresas vinculadas as transaccións comerciais da empresa principal como os seus provedores ou empresas de venda ao por menor…), e o que se denomina os “problemas de axencia”, os problemas que se dan, moi resumidamente, cando os directivos da empresa antepoñen os seus intereses persoais sobre os intereses da empresa que os contrata…
 
A análise pódese aplicar a calquera organización social, non só as empresas ou ás ONG para o Desenvolvemento, tamén aos sindicatos ou aos partidos políticos… a análise nestes termos, de intereses de diferentes colectivos, moitas veces intereses contrapostos e non sempre explicitados de forma clara, axuda a entender as decisións que moitas veces se toman. As propostas, e decisións, correctas deben ter en conta sempre a multiplicidade de actores, que participan na decisión ou ben que son afectados pola mesma, xa que dunha doutra forma, tal e como ;e doado de entender prodúcense múltiples retroalimentacións.
 
Neste marco case todos somos shareholders nalgunhas ocasións, e moitas mais veces somos shareholders mesmo sen sabelo.
 
Se o que se decidira nas primarias que celebra o Partido Socialista de Galicia-PSOE fora única e exclusivamente o nome de quen vai ser o seu secretario xeral nos próximos anos non estaría agora escribindo. Sería, para min, un asunto partidario interno, da exclusiva responsabilidade dos seus afiliados, os seus shareholders. Pero non é o caso. O que dentro duns días decide o PSdG-PSOE vai mais ala dun secretario xeral, decídese a capacidade para articular unha alternativa política ao Partido Popular en Galicia, hoxe por hoxe un partido que semella pode manter a maioría absoluta ata o fins dos tempos.
 
Dentro duns días os e as afiliadas ao PSdG votarán, e a cuestión transcendental é si votarán única e exclusivamente en clave de partido, ou dos intereses dalgunha das moitas familias mal levadas que o compoñen, que non son os intereses da organización como un todo, ou votarán pensando en clave de reconstruír a alternativa que un día, non tan lonxano, foron. A decisións que tomen non so afectan aos militantes que están chamados a votar, a súa transcendencia é moito maior.
 
Hoxe por hoxe a posibilidade de derrotar ao PP nas próximas eleccións autonómicas, e comenzando a traballar desde xa, pasa polo fortalecemento do PSdG, toda vez que as outras alternativas á súa esquerda van tomando decisións que as afastan, no caso de En Marea, dunha maioría dos seus votantes, e no caso do BNG redúceno á mera subsistencia, o que non é pouco visto en perspectiva, coa única aspiración de poder recuperar algúns milleiros de votos nacionalistas, hoxe en En Marea.
 
Neste momento a evolución da situación política a nivel de Estado é case imposible de prever, logo do cúmulo de erros, estratéxicos e tácticos, cometidos polo Partido Popular na xestión do desafío institucional formulado polo independentismo catalán. Un desafío independentista que recordemos ten o seus alicerces na denuncia do Estatut de 2006 ante o Tribunal Constitucional promovida polo partido de Mariano Rajoy. Con todo, o que pase nos próximos días e semanas tanto pode reforzar ao presidente do goberno como defenestralo politicamente, aínda que non semella, que esto último puidera ter un efecto electoral relevante en Galicia, no referente a perda de apoio dos populares, grazas ao nivel de adhesión do que goza a figura de Núñez Feijoo, como quedou demostrado, sen lugar a ningunha dubida, fai apenas un ano.
 
A persoa que escolla o PSdG vai ter que xogar nun escenario que pode mudar en moi pouco tempo ao seu favor. O secuestro de En Marea polo minúsculo independentismo galego aniñado en ANOVA como pon en evidencia a radicalidade do posicionamento da marca electoral no referente o referéndum catalán, non so lle restará atracción electoral, senón que pode levar á organización a maiores tensións das que xa vive hoxe en día, que semellan a converterán, si é que non o é xa, nunha mala copia da que xa era malo, a esquecible AGE. Diante unha oportunidade como nunca tiveron os socialistas nos últimos anos. Só teñen que aproveitala.
 
E ahí está a grande dúbida. É Gonzalo Caballero, mais que probable próximo secretario xeral  a partir do 8 de outubro, logo do pacto con Fernández Leiceaga, a mellor opción? É a persoa mais adecuada para liderar o camiño de volta do PSOE ao nivel de presenza social e apoio electoral que tivo un día, liderar a volta a ser o partido que vertebre unha alternativa progresista ao atroz goberno do PP en Galicia?. Pode Gonzalo Caballero encarnar a oposición a Núñez Feijoo?
 
Eu, un stakeholder calquera, un simple cidadán orfo de referentes partidarios, logo da deriva de En Marea cara a non sei onde, teño as miñas dúbidas. Témome que o PSdG, os seus militantes, como outras veces, van votar en clave dos intereses internos da propia organización, no mellor dos casos, moitas veces votaran en función dos seus intereses grupais, o que é aínda peor. Unha é outra cousa é respectable na medida que eles mesmos son os “donos” da sua organización, pero tal vez non sexa o mellor para o pais que queren representar, e tal vez non sexa o mellor para a propia organización a medio e longo prazo si non son capaces de tomar as decisións mirando mais ala dos intereses mais persoais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.