Mitin do alcalde Negreira ante a Virxe do Rosario

Carlos Negreira, alcalde do PP da Coruña, aparcaba durante dúas horas a campaña electoral tradicional para protagonizar o pasado domingo un mitin extra ante a Virxe do Rosario. Non é ningunha novidade porque a Función do Voto –lembra como a cidade da Coruña resistiu o asedio inglés en 1589 grazas a mediación da virxe–, a festa da Virxe do Rosario o 7 de outubro, a Semana Santa ou a inauguración de igrexas, foron utilizadas durante máis de trinta anos polos alcaldes Francisco Vázquez, Javier Losada e agora por Negreira para facer propaganda política.

A festa da Virxe do Rosario o 7 de outubro, a Semana Santa ou a inauguración de igrexas, foron utilizadas durante máis de trinta anos polos alcaldes Francisco Vázquez, Javier Losada e agora por Negreira para facer propaganda política

Vivimos nun estado confesional cunha violación continuada do artigo 16.3 da Constitución: “Ningunha confesión terá carácter estatal”. A relixión é utilizada como “opio do pobo”, propagando a idea de que os problemas do paro, da vivenda, das infraestruturas etc, son cousas que dependen, en última instancia, de deus, da virxe ou dos santos; non pode haber maior alienación! Por outra parte, os representantes do poder político aparecen sometidos ao poder da xerarquía eclesiástica, escoitando as intervencións das autoridades relixiosas, convertidos en moitas ocasións en auténticos mitins, cargados dun profundo contido ideolóxico e político. No apartado “Estado confesional, tamén na Coruña” do meu libro O poder na Coruña. De Vázquez a Negreira, recollo algunhas destas crónicas.

En definitiva, o alcalde Negreira non ten nada que ver cos máis de 22.000 parados e paradas que ten A Coruña, nin cos máis de 7.000 empregos perdidos na cidade durante o seu mandato. Eses problemas que os solucione a virxe

O alcalde Javier Losada aproveitaba a Función do Voto de 2010 para pedir á virxe axuda para infraestruturas, que se executen os investimentos prometidos e un rápido restablecemento do Rei (acababa de ser operado). Na Función do Voto de 2012 Carlos Negreira pedía axuda á virxe para derrotar o paro e crear emprego, seguindo o discurso da ministra Fátima Báñez, que confiaba a saída da crise á Virxe do Rocío. En 2013 insistía na axuda para saír da crise económica e para solucionar o futuro dos traballadores da Fábrica de Armas. En 2014 Negreira actualizada a referencia histórica de 1589 e lembraba que hoxe cambiou o inimigo e que “los corsarios que nos desvelan son el desempleo, las injusticias, la exclusión social”. En definitiva, o alcalde Negreira non ten nada que ver cos máis de 22.000 parados e paradas que ten A Coruña, nin cos máis de 7.000 empregos perdidos na cidade durante o seu mandato. Eses problemas que os solucione a virxe.

Os mesmos guionistas que redactaron a propaganda política que reparte o PP na Coruña nestas eleccións municipais, son os que escribiron o discurso de Negreira ante a virxe. O panfleto que reparte o PP nas rúa titula: “Hemos hecho mucho juntos”, “Hemos avanzado juntos”. E concretaba estas conquistas: “Juntos estamos construyendo una ciudad economicamente saneada. Somos unha ciudad con más gasto social que hace cuatro años”. A palabra “juntos” (canción de Juan Pardo, utilizada polo PP como himno electoral) era tamén utilizada por Negreira no mitin ante a virxe para subliñar os avances no económico e social durante o seu mandato. Así, Negreira dicía ante a virxe: “Juntos hemos conseguido lo que nos proponiamos. Más bienestar social, más bienestar económico. Juntos progresamos”.

Despois de participar nesta exaltación do estado confesional, continuaron a campaña electoral, lembrando que o PSOE está por un estado aconfesional. Unha farsa!

A Virxe do Rosario foi convertida nun tema de confrontación política. O partido do “galeguista” Carlos Marcos (era o número un na candidatura do Partido Galeguista nas eleccións municipais de 2007, cando é público o seu antigaleguismo), é dicir Unión Coruñesa, repartía chapas á entrada da igrexa co lema “Rosario festivo”, que lucía na solapa o ex–alcalde franquista José Manuel Liaño Flores, asistente ao acto. Negreira non quería perder votos e no seu mitin ante a virxe lembraba: “Fuimos, somos y seremos la ciudad de la Virgen del Rosario”. O PSOE no quería quedar á marxe desta batalla electoral e Mar Barcón, candidata á alcaldía, manifestaba tamén  que a Virxe do Rosario é de todos e non só do PP.

As concelleiras do PSOE Mar Barcón e Silvia Longueira participaron este ano no mitin de Negreira. Outros anos estiveron co PP nestes actos relixiosos as concelleiras e concelleiros socialistas: José Nogueira, Nieves Vázquez, Yoya Neira etc. E despois de participar nesta exaltación do estado confesional, continuaron a campaña electoral, lembrando que o PSOE está por un estado aconfesional. Unha farsa!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.