Mitos

Crise.Totalmente inmune á razón, o suceso da crise preséntase ante nós como unha outredade que experimentamos enmedoñados, no entanto hai quen a formula conceitualmente limitada no tempo. Un desastre con data de nacemento que os máis desmedidos e espléndidamente subversivos, como Rajoy, poñen data de clarividente e ufano vencimento. Mais, quen o decidiu? Quen determinou que a crise comezou no 2007 e non antes? Antes desa data, na España da Constitución cada vez que iamos a pagar impostos saíamos desiguais. Despois desa data, saimos máis desiguais. Nada é enteiramente o que é. E a crise que caeu das esferas siderais tamén é unha cuestión de ollada. Ao cabo, a crise é a verdade do capitalismo.

A crise non é apenas o resultado de prácticas de capitalismo salvaxe, de finanzas desreguladas, mas o proceso mesmo polo que se chegou a elas. O que semellaba o resultado da orxía bursátil é, máis ben, a causa dela. Certo é que o que vemos son os desagradables desafiuzamentos, as filas do INEM, os "expedientes de regulación" e mobilizacións de operarios. Mas todo iso xa o había antes de setembro de 2008. As reformas variadas que agora abocan a milleiros de persoas ao empobrecimento e á victimización devólvenos os corpos que sempre estiveron expostos e dispostos á explotación. Acaso a ideoloxía da crise non está informada pola desgastada ideoloxía humanitaria, aquela que alicerza nos “dereitos humanos” para drenar calquera proxecto político colectivo? A pasaxe entre marcos ideolóxicos e culturais en conflicto é moi anterior á data-fetiche. Entre outras pasaxes, a sobrevaloración do cultural, o ético e o económico fronte ao politico, entre outros desmembramentos e chamados como o da disolución da clase traballadora industrial. Lemos o mundo en función da cultura, da imaxinaria televisiva ou as estatísticas á carta. Porén, como é que non se tornou un oxímoro “crise do capitalismo”? Talvez porque o límite interno apenas ten mudado de posición. Nunca como agora se tiñan privatizado  os sucesos e os fracasos. Consumir non é decidir.Rachar este paradigma é repensarmos o nós e o eu. Ninguén só será salvo.

Torturas.No momento en que a relixión civil norteamericana -que é unha fe prometeica individualista- é instrumentalizada, permite exculpar en nome da nación formas de terrorismo e de tortura. Esas “técnicas de interrogatorio“ fan parte dunha liturxia da eficacia que traballa con materiais debruzados entre o “God bless America” e un individualismo radical. Individualismo que alicerza nun pragmatismo que no fondo implica que a sociedade non existe. Intre no que o poder, tirando do marco xurídico- como fixo Bush en 2002- limita tanto ao individuo como á vida social a un papel utilitario. Obama fica pasmado perante a impotencia de virar o estilo de goberno que quería superar para acabar exculpando vicária e gremialmente a George W. Bush, o presidente que lexitimou a “guerra santa” contra o terrorismo bastindo de legalidade a abominabel acción dos torturadores, ainda que a evidencia acabara por demostrar, como vén de facer o Senado, que os infames interrogatorios foron desnecesarios e ineficaces. Acreditarmos de máis nun mito impide ver que a realidade é máis complexa. O devalo moral dos EUA móstrase no desaxustamento, na confusión entre a defensa do mito emancipador que alimentou as súas orixes e a impunidade expresada polo fiscal xeral cando anunciou que non interviría. Entanto a senadora demócrata e presidenta do comité de intelixencia do Senado Dianne Feinstein afirmaba “O estudo mostra o que si que se pode saber: a CIA tirou información antes das torturas”, o director da CIA exculpaba aos seus malia recoñecer “erros aberrantes”: “os axentes fixeron o que tiñan que facer ao servizo da nación”. O Estado e o ultraliberalismo eluden mentar que o capital social que os alicerza é mais do que vincallos mercantís, alimentando a única idea de que a sociedade só é unha asociación de individuos orientados a acadar  fins utilitarios. Dick Cheney non se arrepinte. É o máis coherente con esa figura de Militaria, a súa patria, ao defender os interrogatorios e negar a tortura:”eu o faria iso de novo nun minuto”. Velaí a estratexia motivacional do invididualismo radical: activar o maniqueismo e a paifoca megalomanía que todos levamos dentro.

Cuba. Tiña escrito esas liñas cando Obama pon a disposición dos cubanos a grande saída do mercado: “todos somos americanos”. E Europa, como sempre, co paso cambiado por mor de seguir con Cuba a política da desmesura deseñada por Blair e Aznar. Para moitos cubanos, para alén da euforia, o camiño acaído sería o dunha pasaxe conforme a equidade que non se tornara unha simples anexación da illa polo capital de Miami. Mas hai xeracións de illeos que perceben a anacronismo en ambas beiras do estreito da Florida por moito que os protestos dos fundamentalistas conservadores teimen en seguir enguedellados na impostura como única fronteira da realidade. O contacto fará máis do que o bloqueo -que as cousas poidan continuar o que son por un tempo indefinido. . Incentivar a politica do peor pasa por atribuirlle a inmoralidade ao outro e provocar aí unha disposición hostil.Lembremos o que pensaban os fundamentalistas democráticos cando Aznar afirmaba aquilo de que España “tiña saído do recanto da historia” e que ainda reafirmaba hai un ano ao espetar ainda “que non se modifiquen as relacións coa illa”. O xesto vén de abrir un vacío no campo da ideoloxía hexemónica e será necesario tempo para preencher ese baleiro da mellor maneira. Os cubanos deben ser a mudanza que queren ver. Contrariando a Aznar, é un comezo non esperado que precisou comezar xustamente do aveso: primeiro reabríronse as relacións diplomáticas antes do que a democracia de partidos ou o remate do bloqueo comercial. A grande ironía desta historia é que a predación improductiva dos EUA ainda mantén na illa, para alén do alcance da lei, o non-lugar de Guantánamo

Lingua.Barreiro é o intelixente e provocador amanuense que leva anos na escudería de La Voz. Pasados os anos de resentimento co PP volve ao rego friki da indignación selectiva, aquela que se exerce dende o privilexio que outorga o castelán e a atalaia normalizadora de Fernandez Latorre.

Non hai falta de coherencia. Pola contra, Barreiro amósase como o maior esencialista de noso dende a publicación de “A terra quere pobo”. Coma bo rousseauniano diferencia entre “home da natureza” e “home do home”, incluídos todos os nesgos de xénero posíbeis. Para disimulalo, cómpre tirar dun disolvente universal que denomina “inversión da anormalidade”: así, por arte do demo, o mesmo pobo natural que preservou a “lengua madre” sen mácula padece agora a apropiación “engolada” e artificiosa dunha autóctona “caste intelectual” (expresión de moda que serve para denominar aos expropiadores de todo tipo) que o leva a abandonar a fala de seu. A clave está na inautenticidade excluinte da “caste intelectual” que ritualizou o galego profesionalizándoo fronte a "naturalidade" e "autenticidade" da fala do pobo, entre o que, obviamente, se insire Porque se non o sabiades, Barreiro sempre falou galego con total normalidade. Como en Berlin e en Trafalgar Square se falan e escriben alemán e inglés. E non será que a verdadeira “inversión da anormalidade” é a que establece o propio autor no seu escritorio ao convertir esa parte do pobo que teima en chamar “caste intelectual” a única responsabel da minorización do galego e non o supremacismo linguïstico español que tan ben alimenta a escudería de La Voz e os diletantes da Xunta?. Ao cabo, os supostos efectos adversos do intelectualismo que diagnostica Barreiro alicerzan en querer facer da fala unha lingua. Esa vontade é para o profesor de ciencia política máis determinante, sen dúbida, porque no fondo alimenta a idea de que o non intervencionismo é o sistema máis eficaz para todo. Milton Friedman facía un coñecido paralelismo entre a linguaxe e a economía sen tañeiras: non se terían producido. A Friedman saíalle un lapis. E a Barreiro, "el error del gallego". Mais a lingua non é un lapis. Porén, o autor ven a dicir que submeter o seu funcionamento a obrigas só pode ser contraproducente. Mais, para quen é útil o discurso de Barreiro? Barreiro é perfeitamente conscente que esquece dicir que ainda que a lingua galega é un "ben común", o uso que se fai dela - como de calquera outra linguaxe- implica relacións de forza, entre as cales, a que denomina  “caste intelectual” galaica talvez non sexa a máis forte nin a millor posicionada nin os seus intereses lexítimos tan ben parapeitados como os que profesa o propio profesor de ciencia política. Barreiro evita mencionar que o discurso no que ele se ubica constitue outra “caste intelectual” que desaba contra os discursos que non suscriban o non intervencionismo ou que están arringleirados, para o dicir cunha expresión da que gosto e que ten ficado fora de xogo, a emancipación.

Autonomía, aquel alvo que deberiamos perseguir dende a educación até a política, fronte as formas de obediencia cotiá moi brandas e ao tempo moi duras pois pasan por seren antidisciplinarias, mas xeran e reproducen moita obediencia. Darnos a própria llei, o xeito de estar e de vivir, de conducirnos, cousa que se ten que adquirir porque non vén de brazo dado.  Claro é que a língua e a palabra, como a moeda, son un ben común que lle dá máis poder ao que máis palabras ten. Porén, os mercados das línguas non sempre se autoregulan froito do libre xogo da oferta e da demanda.

Esquece Barreiro que as identidades non son apenas ilusións platónicas producidas polo fume da combustión. Por outras palabras, se ben pode ser lúcido en mostrar que os dados da perda de cidadáns con competencias plenas en galego escrito e falado levaría a reflexionarmos sobre unha certa revolución metodolóxica ou sobre formas máis seductoras de normalización, non abre especialmente os ollos o mostrar que esa perda é pola apropiación indebida dunha “caste intelectual” que seica nin sabe empregar os pronomes encíclicos e proclíticos. Acho que Barreiro fica atrapado na súa propia cilada, xa non por rendirlle contas ao adversario instrumentalizando o que chama "ben común", mas por ser un xeito absurdo de ficar atrapados no pasado diluindo responsabilidades. Ao cabo, o millor xeito de facelo é creando ad hoc o constructo "caste intelectual" para delir nela, en boa aliñeación con Feijoó, a situación de conflicto lingüístico e o impás político das institucións galegas. Elude o autor que a depredación non é menos natural que o "pobo natural". Mágoa que non trasladara esa observación á causa principal que evita. Mas, por que ia mentar a división do traballo nin o harmónico comercio de signos que temos co castelán e con España? Porque lle interesa tratar o galego como socio dunha troca equitativa co español cando a relación desigual de forzas se traduce nun intercambio desigual? Disolvermos galegos e institucións galegas en nexos de procesos pode ser útil se un pensa neles como mónadas solitarias, mas non resulta razonabel cando a seguir lle sirve para exculpar a propia responsabilidade e autonomía moral que se lles nega a uns e lles asigna completamente aos outros. Curioso xeito de velar polo ben común que ,ao cabo, non concreta en ningún momento adicándose a desbaldar con dureza ainda que todos sabemos que o ben común sempre se terá de acabar de definir cos outros. Porque se non voltaremos ao mesmo, ainda que muden os nomes, ainda que cambiemos de xeración e ainda que teñan mudado as propostas. O que está en xogo é reapropiarnos da vida colectiva, podermos pensar o espacio político como un espacio politico. E as palabras somos nós, mas poden ser neutralizadas nos seus efeitos de realidade. Dicía Montaigne "Non é brincadeira. Lixar papeis semella que é un síntoma dun século desaxustado". Imos ter que acabar distinguindo o bó do mau lixo. Mais o lixo é lixo. Pódese ser culto e desmedido. Pregúntenlle a Alonso Montero.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.