Moderados e radicais na esquerda destes tempos

Nesta etapa de crise que sendo económica faise social e que vén sendo tamén política, a esquerda en Galicia está en período de reconfiguración xunto co nacionalismo e neste proceso o vello e o novo non sempre se distinguen ben; tampouco o radical e o moderado. A crise é sempre confusión e por iso compre diagnosticala e pensala; asunto difícil cando aínda se está a desenvolver. Historia do presente chámanlle algúns colegas de profesión a ese complexo exercicio de pensar historicamente o presente, no que todos os esforzos son poucos.

Neste contexto xorden novas ideas, alternativas, propostas ou organizacións políticas novas, derivadas da lóxica dos tempos (AGE) e das necesidades actuais, algunhas propostas que estaban aletargadas ou viñan xestándose entre minorías toman carta de natureza (decrecemento)

Neste contexto xorden novas ideas, alternativas, propostas ou organizacións políticas novas, derivadas da lóxica dos tempos (AGE) e das necesidades actuais, algunhas propostas que estaban aletargadas ou viñan xestándose entre minorías toman carta de natureza (decrecemento) pero outras son vellas ideas da cultura política da esquerda, tan vellas como o mito da revolución ou algunhas das teimas da transición, traídas ás veces a este presente polos mesmos protagonistas de hai 35 anos ou polos ecos daqueles procesos pasados, tan fortes na nosa memoria social e familiar; na memoria en fin da esquerda galega actual.

Vén sendo tempo de principiar diagnósticos para análises capaces de propor alternativas

Nesta época hai moito que reflexionar. Ata o de agora abundan as análises de conxuntura, sobre a estrutura política, sobre o sistema de partidos e a súa necesaria transformación e mesmo sobre a forma de militancia pero vén sendo tempo de principiar diagnósticos para análises capaces de propor alternativas. Que ao cabo é o que compre para encarar a saída da crise a prol da maioría dos cidadáns, en vez de en favor das minorías poderosas.

Nesta conxuntura, compre preguntarse, á vista dos novos discursos e das novas propostas, se a nova esquerda parlamentaria seguirá camiñando, como aínda parece, pola vía iniciada cando o foco foi posto aló polo 2009 nos audis, nos mobles do despacho de Touriño, nos mojitos da Habana, na foto allada de Quintana no iate dun construtor... e nos gastos excesivos da clase política que non é clase nin debe selo para a esquerda. Con este enfoque preferente a dereita atópase na súa salsa e unha vella cultura popular antipolítica e antipolíticos, asentada en antigas e diferentes bases -de certo anarquismo ao fascismo- e consolidada no franquismo, tamén.

A esquerda autodenominada anticapitalista polo de agora só chama a resistir e a outra, a de raíz socialdemócrata ou mesmo comunista –de nome-, só coñece unha fórmula keynessiana do pasado que non pode aplicarse porque aquelas condicións que a propiciaron xa pasaron

Un enfoque que é compatible coa chamada á rebelión cívica e á resistencia colectiva contra as políticas de recortes do público, restritivas de dereitos e privatizadoras. Cabe preguntarse iso ou se, ademais, a nova esquerda en construción encetará a vía de afrontar os problemas da crise e os excesos do capitalismo depredador. A dereita europea neoliberal, e a española de toda a vida, xa che lle puxo nome a iso: os excesos do estado do benestar que non pode manterse. A esquerda autodenominada anticapitalista polo de agora só chama a resistir e a outra, a de raíz socialdemócrata ou mesmo comunista –de nome-, só coñece unha fórmula keynessiana do pasado que non pode aplicarse porque aquelas condicións que a propiciaron xa pasaron.

Nesta nova xeira é tempo de dicirlle á dereita que se quere aforrar e reducir o déficit pode empezar por parar a construción do AVE

Nesta nova xeira é tempo de dicirlle á dereita que se quere aforrar e reducir o déficit pode empezar por parar a construción do AVE, esa obra faraónica que interesa máis ás construtoras e subministradoras de equipamentos que aos países polos que pasa. Esa carísima concepción aristocrática do transporte pensada só para trasladar persoas (executivas) e non mercadorías,  nun país –o noso- que segue sen afrontar as súas necesidades de mobilidade por ferrocarril entre as sete cidades e co sur atlántico e o norte cantábrico, e depende case en exclusiva das estradas, autoestradas e do auto privado, xerando custes enerxéticos, públicos e privados insustentábeis. Pero estas propostas non pasaron aínda dos grupos ecoloxistas aos grupos parlamentares e o tempo apremia, especialmente para fornecer discursos con algo de miga. É tempo tamén de afrontar os excesos que a crise puxo ao descuberto, alén dos intereses localistas ou partidarios: por non falar das faraónicas obras valencianas, galegas ou madrileñas, de portos imponentes que ficaron sen operación urbanística complementaria, podemos falar de autovías perfectamente inútiles como a Santiago-Lugo coa que un auténtico ministro galego en Madrid quixo agasallar aos seus paisanos ou novas terminais aeroportuarias que en realidade son inmensos novos aparcadoiros con salas de espera enriba, ou dun continuado consumo do territorio nestas décadas de burbulla que degrada as capacidades agroganderias do territorio ou...

Neste novo século podemos empezar a reconsiderar o noso mito do atraso agrario

Neste novo século podemos empezar a reconsiderar o noso mito do atraso agrario, pola vía que aquí mesmo propuña X. C. Carreira de reparar en que a agricultura orgánica e realmente practicada no país é un sector de futuro en troques dun sector marxinal practicado por campesiños que como os sacos de patacas de Marx ou os rebeldes primitivos de Hobsbawm non están preparados –nin nunca o estarán- para situarse á altura dos auténticos revolucionarios cando se produza ese estalido social ou esa rebelión que ten que chegar antes que tarde. E podemos empezar a concibir as enormes capacidades que se derivan aínda do noso vello e exitoso complexo agrario galego (A. Bouhier, X. Balboa) para un futuro que debe ser sustentábel e no que os produtos alimentarios soben de prezo e aprecio. Por por só un exemplo que ven a conto.

Rachar os discursos herdados e as inercias coñecidas para construír e propor alternativas esa é a tarefa máis radical do momento

Nestes tempos, en fin, hai certa confusión sobre o que é ou non radical, como é propio dun intre de convulsión no que aínda estamos a intentar comprender que é o que está pasando, en que consiste esta crise, cal é a súa dimensión rexional e planetaria e, sobre todo, como lograr que as saídas da crise beneficien á maioría social en troques de crear unha nova oligarquía aínda máis forte. Pero empeza a ser importante que as palabras se acompañen dos actos ou, mentres non se poida, polo menos de propostas alternativas e discursos novos, acaídos a estes tempos e, se aínda iso non é posíbel, cando menos do intento de construílos. Vai sendo hora! O contrario é alimentar un discurso que a dereita aproveita para si e ao que lle ten collida a medida dende hai ben tempo. Rachar os discursos herdados e as inercias coñecidas para construír e propor alternativas esa é a tarefa máis radical do momento. Do contrario ficaremos compracidos na vella linguaxe agardando ata que escampe, mentres a dereita goberna para si, xaora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.