Montoro e as competencias locais

“Os classificadores de coisas, que são aqueles homens de ciência cuja ciência é só classificar, ignoram, em geral, que o classificável é infinito e portanto se não pode classificar”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Mira se é pícaro o señor Montoro, que mesmo aproveitou o primeiro día de traballo dos alcaldes que non comungan coas súas gaitadas, para felicitalos coa dentada de que debían ter moito coidadiño con adoptar resolucións sobre asuntos que non sexan da súa competencia. O ocorrente ministro está disposto a rillarlle as entrañas aos edís que teñan o descaro de rebulir no alzadeiro das viandas prohibidas, e se atrevan a gastar un só euro dos orzamentos, co pretexto de que é da súa incumbencia resolver necesidades e demandas urxentes da veciñanza máis desfavorecida, a pesar de non gozar da competencia legal para facelo. (Despois de ler semellante noticia nos xornais, refollei no dicionario da Real Academia Galega e atopei a definición da palabra trécola, coma unha persoa que fala moito pero con pouco sentido e sen xeito).

Se cadra é pola miña insufrible hernia de hiato, mais o caso é que a min revolveseme o estómago cada vez que este paladín da regra de gasto e do equilibrio orzamentario –el chámalle legalidade- se pon tan cacheiro, polas simples sospeitas de que algún representante veciñal pretenda gastar parte dos recursos dispoñibles en socorrer, verbi gratia, aos que carecen dun teito onde pórse a cuberto. E sen embargo non se moleste unha chisca en escribir un twitter, para tirarlle das orellas aos presidentes e deputados que xa manifestaron a súa disposición para duplicar e atender servizos e vicios que superan o elenco das competencias das deputacións provinciais.

Se cadra, o ofuscamento por tocarlle o nabo aos novos alcaldes, ansiosos de resolver os graves problemas que levan tempo abafando a unha parte da veciñanza, prodúcelle, a tan insigne representante do estado, tal grao de amnesia que nin sequera pode recordar que a lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, modificada, caprichosamente modificada polo señor Montoro, determina no seu artigo 31.2: “Son fins propios e específicos da provincia garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipais”, de paso que lle recorda aos xestores dos entes provinciais –e ao autor da pantomima dos alcaldes- que deben encamiñar o gasto cara aqueles concellos que non chegan aos 20.000 habitantes (artigo 36). 

Ah! Ao meu tío Lisardo seica está a piques de caerlle a alma aos pés, observando como significados políticos, con mando en praza ou responsabilidades de goberno nas principais cidades galegas, andan argallando presidencias e repartindo orzamentos, sen que os alcaldes e deputados provinciais que representan aos concellos máis pequenos teñan a intrepidez de preguntarlle ao preclaro Montoro e aos conspicuos negociadores urbanos, que carallo pinta na lei o artigo trinta e seis!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.