Morrer dúas veces...

Estamos inmersos na época do gran revisionismo/negación, xa sexa co holocausto, o franquismo e como non coa realidade da Violencia de Xénero. O instrumento da negación constitúe unha poderosa arma de invisibilidade da problemática, e por tanto da permanencia social desta lacra machista.

Falo disto, porque con ocasión dos tráxicos feitos deste verán no que chegamos a 25 vítimas mortais, e nas que en España morre unha muller vítima de violencia de xénero cada dous días, temos visto como funciona e como participan nesta negación/invisibilidade medios de comunicación, autoridades públicas, etc.

Os medios de comunicación teñen un papel moi importante nesta cuestión especialmente co emprego da “neolengua” ou cun uso maniqueo da linguaxe. Non faltan medios, como por exemplo a CADENA COPE ou 13TV que á hora de afrontar a cuestión de violencia de xénero buscan englobar a violencia machista, na violencia en xeral que vive a sociedade, relacionada coa perda de valores tradicionais/familiares, sendo unha expresión máis da violencia xeral propia de sociedade na que vivimos. Este tipo de argumentos non só son un erro, senón un paso atrás nun dos logros máis importantes do movemento feminista, xa que a violencia de xénero é un tipo de violencia específico, exercido contra a muller polo feito de ser muller e unha das principais causas de morte das mulleres en todo o mundo segundo a OMS. Este tipo de argumento buscan minimizar a cuestión fundamental deste tipo de violencia sustentada nun sistema sexo- xénero que perpetúa unha sociedade desigual na que a muller segue a sufrir unha sistemática discriminación.

A linguaxe dos medios sen dúbida é o que xoga un papel máis importante nesa invisibilidade e no “encubrimento” do agresor, falando constantemente de mortes e non de asasinatos ou empregando termos coma “violencia familiar” ou falando de “mulleres mortas”.

A linguaxe dos medios sen dúbida é o que xoga un papel máis importante nesa invisibilidade e no “encubrimento” do agresor, falando constantemente de mortes e non de asasinatos ou empregando termos coma “violencia familiar” ou falando de “mulleres mortas”.

Pero non só os medios de comunicación participan nesta estratexia, as institucións públicas ou partidos políticos con responsabilidade de goberno tamén favorecen á  “culpabilización” da muller ou axudan a minimizar esta lacra. O último exemplo ven de mans do PP que non contento cos recortes salvaxes que levou a cabo durante este catro anos nesta materia, agora a súa Fundación de muller, culpabiliza ás vítimas de violencia de xénero polos seu comportamento sexual. Pero lamentablemente non podo dicir que sexa algo que me sorprenda.

As institucións públicas ou partidos políticos con responsabilidade de goberno tamén favorecen á  “culpabilización” da muller ou axudan a minimizar esta lacra

Un exemplo claro que tivemos na cidade de Ferrol foi a anterior concelleira de muller Verónica Casal (PP) que dende a súa chegada ao cargo, converteu os 25N en días contra a Violencia (de novo a negación  específica da violencia de xénero) e isto complementado con agasallos abertamente sexistas; o último unha galleta co lema “sou doce, non sexas violento”. Pouco que engadir, a unha concelleira de muller que no día contra  a violencia de xénero emprega un agasallo que resume o que  chamamos a “mística de feminidade” un piar fundamental da construción socio cultural da imaxe estereotipada da muller.

Non é casualidade por tanto que nun ambiente como este no que a formación en igualdade e a inversión nas campañas de sensibilización e loita contra a violencia de xénero e a discriminación e case nula, as actitudes machistas e vexatorias contra a muller aumente sobre todo nos máis novos. Algúns estudos sinalan que entre o 12% e o 15% das mozas xustifica comportamentos sexistas e machistas das súas parellas considerando que son mostras de amor. Os celos, a ameaza, o paternalismo, a chantaxe emocional ou a posesión están a miúdo presentes nas relacións dos máis novos, establecendo a través dos micro- machismos e dos estereotipos relacións desequilibradas nas que as mulleres asumen un papel pasivo ou no peor dos casos de dominación. Todo isto especialmente favorecido polo emprego das redes sociais, nas que aparecen novas formas de acoso e violencia.

É agora ante este panorama cando aparecen os “expertos” que falan das falsas denuncias, ou aqueles outros que tentan negar a necesidade da existencia de medidas de acción positiva ou a formación en igualdade dende a infancia e a adolescencia.  E todo isto a pesares dunha realidade cruenta que trae case cada día un novo nome a aumentar na lista de vítimas da violencia machista.

O primeiro problema que temos todos, homes e mulleres, non é aprender senón desaprender” (Gloria Steinem)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.