Movementos de fondo

Mobilización do 15M en Vigo CC-BY-NC-ND Imagen en Acción

Forzas sociais de distinto tipo, relativamente converxentes, que marcan a última década da traxectoria política en España, demandando un novo pacto social, constitucional e territorial

Co século XXI, emerxeron da sociedade civil española, tres pulsións de fondo, vectores sociais ou forzas motrices que coas súas accións sobrepasan os acordos explícitos, implícitos ou posteriormente engadidos, da transición política, 1977-1978. Forzas sociais de distinto tipo, relativamente converxentes, que marcan a última década da traxectoria política en España, demandando un novo pacto social, constitucional e territorial. Refírome á memoria histórica, os indignados e ao novo nacionalismo catalán.

Memoria histórica. Unha das boas novas que trae a globalización -ten varias caras- é a mundialización dos dereitos humanos. No século XXI o dereito internacional insta á xustiza, a verdade e a reparación para as vítimas das ditaduras e as guerras, o que afecta de maneira directa a España (tamén a América Latina). As vítimas da ditadura de Franco foron, como é sabido, as grandes esquecidas da vella transición. A dereita española, co sostén do PSOE, reinterpretou a Lei de Amnistía de 1977, pensada para sacar dos cárceres aos presos políticos antifranquistas, para non xulgar aos represores do franquismo, confundindo a reconciliación dos bandos da guerra civil coa impunidade para os crimes franquistas de lesa humanidade, cometidos contra civís entre 1936 e 1977.

Houbo un silencio sepulcral, entre 1977 e 2000, sobre as vítimas da ditadura de Franco, ata que Emilio Silva, neto dun fusilado da guerra civil, abre publicamente en León, coa axuda de amigos e compañeiros, a primeira fosa de desaparecidos en España. O que deu lugar á creación da primeira Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Actualmente existe unha vasta rede de asociacións activas en favor da memoria histórica por toda España, a pesar da falta de apoios institucionais desde 2011 (primeiro Goberno de Rajoy). Malia a Lei de Zapatero (2007), foron ben escasas as políticas públicas para a escavación de fosas e demais tarefas a favor da memoria histórica. Nada que ver coa experiencia arxentina, ou mesmo chilena e brasileira. Por exemplo, en España non existe aínda unha Comisión da Verdade. No relativo á memoria histórica imos por detrás de América Latina, o que sinala unha vez máis a baixa calidade da nosa democracia. 

O movemento da memoria histórica, así e todo, ten vontade de continuidade e é cada vez máis influente. O seu maior éxito -simbólico- é lograr, o 24 de outubro de 2019, o desenterramento de Franco do mausoleo do Val dos Caídos, executada polo primeiro Goberno de Pedro Sánchez co sostén parlamentario de Podemos e os partidos nacionalistas. Queda todo por facer, oxalá se constitúa e perdure no tempo unha maioría de goberno que poida relanzar a tarefa histórica da memoria en España. 

Indignados. O segundo motor do cambio social na España recente que consideramos é o movemento dos indignados, que chamamos 15M porque se iniciou o 15 de maio do ano 2011. Ese día, de maneira máis ou menos espontánea, a través de móbiles e redes, reuníronse en Madrid, e noutras cidades, un gran grupo de mozos alarmados polas consecuencias que as políticas derivadas -a partir de 2010- da aceptación por parte do Goberno socialista das directrices de austeridade que viñan de Alemaña e a Comisión Europea. Os recortes e a recesión xeraron un desemprego espantoso que se cebou, especificamente, nos licenciados universitarios.

Un movemento novo, pois, de centenares de miles de mozos á calor da experiencia pioneira de Tunes e o Norte de África (que a prensa bautizou como “primavera árabe”), que arrastrou a outros sectores da sociedade e exerceu en España unha significativa influencia, até o día de hoxe. As enquisas daquel entón daban un apoio do 70-80 % da poboación española aos indignados. Criticaban á democracia representativa esixindo máis democracia.

Do movemento español dos indignados, a diferenza dos restantes países, xurdiu en 2014 un partido político denominado Podemos, que está a resultar clave en 2019 para a formación do Goberno de España.

Memoria histórica, indignados (historicamente, vector principal do cambio) e independentismo catalán converxen no mesmo: superar o chamado Réxime de 1978 alcanzando unha nova estabilidade que reconcilie á sociedade cos seus representantes políticos

Cataluña. Unha grande onda de presión social, política e ideolóxica xurdiu, en terceiro lugar, en Cataluña a partir do 11 de setembro do ano 2012, cando que se manifestaron un millón de cataláns a favor da independencia. Tratouse dun movemento abraiante porque Cataluña estaba, en principio, satisfeita -ou resignada, dirán outros- co autogoberno conquistado na transición. A poboación catalá evolucionou cara á independencia por mor dunha acumulación de agravios, principiada en 2006 cando en Cataluña redactouse legalmente un novo Estatuto de Autonomía, aprobado polo Parlamento autonómico, ratificado en referendo polos cataláns e despois apoiado maioritariamente no Congreso de Deputados de Madrid. O Tribunal Constitucional en lugar de validalo, rexeitouno, por entender que non cabía dentro da Constitución, moi nesa idea das dereitas españolas de reinterpretar de xeito conservador a Constitución de 1978. Confirmando xa que logo certa continuidade co franquismo nos altos tribunais españois, como consecuencia da falta de ruptura entre a ditadura e a democracia. 

A partir de tamaña frustración a xente en Cataluña, pasa do autonomismo a posicións independentistas, que acadan nalgún momento o 50% da poboación. O independentismo veu gañado as últimas eleccións, controlando a Generalitat de Cataluña. En 2017 organizaron un referendo ilegal a favor da independencia, e o Parlamento chegou a declarar a independencia de Cataluña. A resposta do Estado reduciuse á represión, o que mantivo vivo até a actualidade o movemento independentista, a pesar de non ter opcións de futuro. Detívose aos dirixentes máis importantes dos partidos catalanistas e as asociacións civís en pro da soberanía, sentenciados con dureza por sedición o 14 de outubro de 2019. 

Cataluña foi, e é, un factor constante de inestabilidade política en Cataluña e España, contribuíndo nas pasadas eleccións do 10 de novembro ao auxe inédito da ultradereita española (Vox), que pretende rematar co Estado das Autonomías e regresar a un centralismo de corte franquista. Situación que non se reverterá, pensamos moitos, mentres non se impoña a vía do diálogo e a negociación política para axustar ao século XXI o artigo 2 da Constitución do 78 sobre a plurinacionalidade española, onde vén a dicir que España é como a Santísima Trindade: unha e varias (nacións) á vez.

Memoria histórica, indignados (historicamente, vector principal do cambio) e independentismo catalán converxen no mesmo: superar o chamado Réxime de 1978 alcanzando unha nova estabilidade que reconcilie á sociedade cos seus representantes políticos. 

A primeira vitoria que consegue o movemento dos indignados, e as súas ramificacións políticas e mediáticas, directas ou indirectas, é a derrota da corrupción. Houbo nos últimos anos múltiples xuízos, de enorme impacto, que afectan ou afectaron aos dirixentes tanto da época do PSOE como -sobre todo- do PP. Unha especie de “mans limpas”, finalmente transversal. Fálase máis da corrupción que houbo que da corrupción que hai, dalgunha maneira os partidos máis afectados aprenderon da experiencia. Ao principio dicíase que non tiña efecto sobre os votos, resultou o contrario e tanto o PSOE primeiro, como o PP despois, perderon millóns de votos pola corrupción. Un éxito diferido da indignación que naceu nas prazas co 15M e impregnou progresivamente ao conxunto da sociedade, incluíndo parte da xudicatura e os medios de comunicación. 

O multipartidismo é, daquela, outro efecto irreversible das pulsións de fondo que atravesan a sociedade española nos albores do século XXI

O segundo efecto, así mesmo visible e revelador, é o cambio radical do sistema de partidos. Pasamos do bipartidismo do últimas catro décadas ao pluripartidismo, que reflicte mellor o pluralismo social, territorial e ideolóxico e impugna tamén as institucións da democracia, limitadamente representativa, que saíu da transición dos anos 70. En 2014 nace, segundo xa dixemos, o partido Podemos que provén do movemento do 15-M. No ano seguinte, 2015, nace o partido Cidadáns, que se dicía que ía ser o “Podemos da dereita” e quedouse en pura dereita. En 2019, vimos como aflora o partido ultra reaccionario Vox, unha caste de franquistas recalcitrantes que procurar copiar o que é agora a ultradereita no mundo (Salvini, Le Pen, Trump, Bolsonaro). Ponse así fin ao réxime de dobre “partido único” onde se alternaban no goberno o PP e o PSOE por medio dunhas maiorías absolutas que agora se foron para non volver como amosan, novamente, os recentes resultados das votacións do 10 de novembro de 2019.

O multipartidismo é, daquela, outro efecto irreversible das pulsións de fondo que atravesan a sociedade española nos albores do século XXI. A verdade é que hai tempo que en toda Europa o normal é o pluripartidismo e os gobernos de coalición. En España, pola contra, houbo fortes resistencias por parte dos beneficiarios políticos, económicos e mediáticos, da rixidez bipartidista. O PP adaptouse primeiro, dende o momento en que o seu espazo electoral fragmentase en tres partes. Non tanto o PSOE, que gozou, dende 1982, desa alternancia no goberno coa dereita: custoulle moito adaptarse á emerxencia dun novo partido á súa esquerda con millóns de votos. Viuse na negativa final no verán pasado a formar un goberno de coalición con Podemos: causa primeira da repetición de eleccións en novembro. 

Este proceso de cambio vén da sociedade civil e contaxia abondo á sociedade política, uns móstrense favorables e outros contrarios

Podemos aseverar que estamos ante unha nova transición en marcha, quéirase ou non. Para variar, os políticos van detrás da sociedade, salvo excepcións. Esta segunda transición dá pasos adiante na práctica, sen declaracións previas, a diferenza da transición 1977-1978, cando un pacto entre grandes figuras e representantes de tendencias distintas, mesmo contrapostas, negociaron a legalización do PCE, as primeiras eleccións e a Constitución democrática. Hoxe os cambios en curso non se están pre-programados polas alturas, fanse realidade mediante mecanismos democráticos, sexa manifestacións sexa eleccións, decisións parlamentarias e accións de goberno. Estamos, por tanto, ante unha transición a prazos, máis lenta, con progresos e retrocesos, sen que ninguén asegure os resultados. 

Este proceso de cambio vén da sociedade civil e contaxia abondo á sociedade política, uns móstrense favorables e outros contrarios. Intensa bipolarización na ideoloxía e as actitudes sociais que non se viu dende o tardofranquismo e a transición, como corresponde a todo cambio histórico verdadeiro, relativamente dilatado no noso caso. Unha transición a prazos, en suma, que concorda ben coa historia contemporánea de España. 

A revolución burguesa do século XIX non virou ao redor dun acontecemento fundador como no modelo francés (1789), senón a través de avances acumulativos e regresións que duraron todo o século XIX, dividindo á sociedade española en liberais e conservadores. No século XX a irrupción do movemento obreiro tamén xerou unha bipolarización entre esquerda e dereita que chega até hoxe. A bipolaridade existente na España actual continua deste xeito a tradición española dos dous últimos séculos, que nos permitiu chegar a prosperidade presente (desigualmente repartida, desde logo). O pesimismo dos intelectuais decimononicos sobre as “dous Españas”, esquece que a súa dialéctica conduciu finalmente a grandes progresos, por moito que os privilexiados e curtos de espírito, resistíronse.

En 2018 e 2019, calla de modo crecente e organizado esta bipolaridade esquerda / dereita, progresistas versus conservadores. Os agudos problemas sociais e políticos que sufrimos, e as súas alternativas, saen á luz extremando o voto, e non se trata só, nin principalmente, dun problema entre políticos como se pode pensar superficialmente. No último ano conformáronse dúas opcións políticas, mediante acordos e converxencias entre partidos, cara á resolución -ou o agravamento, co polo conservador- das tensións de fondo que exhortan a unha nova estabilidade fundamentada nun novo pacto social, político e territorial. Cara ás dobres eleccións de 2019 perfiláronse así unha alternativa de progreso e unha alternativa de “regreso”.

Acaba de anunciarse por parte do PSOE e de Podemos un preacordo de Goberno de progreso que habería de levar á práctica as reformas sociais e políticas demandadas neste novo século pola sociedade civil española. Así sexa, que cante o merlo

A alternativa de progreso nace na primavera de 2018 cando o Partido Socialista, Podemos e os nacionalistas “periféricos” ponse de acordo para botar ao PP do Goberno a través dunha moción de censura contra o presidente Mariano Rajoy. A partir de aí, e durante once meses, funcionou en España un Goberno do PSOE apoiado desde o Congreso de Deputados por Podemos e os grupos da moción de censura, que subiu o salario mínimo nun 22,30 % (900 euros) e sacou a tumba de Franco do Val dos Caídos, entre outras medidas progresistas. Experiencia “á portuguesa” que se esgotou pronto (tamén en Portugal) e obrigou, ante a imposibilidade de aprobar os Orzamentos, a convocar eleccións xerais para abril de 2019. A partir desa breve experiencia de Goberno máis ou menos de esquerdas, o tres dereitas reunidas na Praza de Colón de Madrid (PP, Cidadáns e Vox), xuntáronse nunha fronte nacionalista español de carácter reaccionario -nunca mellor dito- a fin de recuperar o Goberno, asegurar os intereses dos grandes poderes, prolongando a impunidade do franquismo e restrinxindo liberdades e dereitos recoñecidos na Constitución, cando non volvendo ao Estado centralista anterior á transición á democracia, so pretexto da situación en Cataluña. 

Acaba de anunciarse por parte do PSOE e de Podemos un preacordo de Goberno de progreso que habería de levar á práctica as reformas sociais e políticas demandadas neste novo século pola sociedade civil española. Así sexa, que cante o merlo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.