Mover os marcos, tecer redes, para preservar a comunidade

Dominio Público

O crecente individualismo da nosa sociedade está debilitando o tecido comunitario, priorizando o “eu” sobre o “nos”, o que acaba resultando en illamento social, perda do ben común, relacións interpersoais fragmentadas, baleiro emocional...

O crecente individualismo da nosa sociedade está debilitando o tecido comunitario, priorizando o “eu” sobre o “nos”, o que acaba resultando en illamento social, perda do ben común, relacións interpersoais fragmentadas, baleiro emocional... Esta tendencia xera falsas sensacións de autosuficiencia e competencia, transformando a cooperación en competencia. 

Vivimos nunha sociedade atomizada onde a comunidade esvaece, transformando ao outro en competencia ou en ameaza para o pracer persoal, o que acaba provocando soidade e illamento, a pesar da conexión (inda que sexa ficticia, efémera...) que aportan as tecnoloxías, illándonos das estruturas colectivas. 

En relación ás tecnoloxías, botemos unha ollada do pasado á actualidade: trala invención dos televisores, so algunhas casas tiñan un, polo que as familias, a veciñanza, as amizades.. xuntábanse para poder velo. Despois chegou o televisor familiar, compartido xa so polos integrantes da vivenda. Máis adiante, cada membro da familia tiña o seu televisor no seu cuarto, e despois, chegaron os dispositivos persoais: portátiles, móbiles... Cada quen vive agora no seu microuniverso dixital: a súa serie, o seu videoxogo, a súa rede social... ¿É progreso? si, pero non libre de consecuencias, como o illamento social, a perda do sentimento de pertenza, a perda de comunidade. Nesa busca incansable de independencia, desconectámonos non so dos demais, senón tamén de nós mesmos: Comer sos, vivir sos, entreternos sos.. volveuse o normal. O que antes era grupal, colectivo, agora fragméntase. Durante décadas o fogar foi o lugar de encontro emocional: as familias comían xuntas, conversaban, discutían, rían.. hoxe na maioría das familias cada membro come so, ou no seu cuarto, ou fronte a algunha pantalla. A comunicación familiar foi substituída por mensaxes de texto, stickers e reaccións en redes sociais. Nenos e nenas crecen vendo maioritariamente pantallas en lugar de rostros, os adolescentes séntense máis cómodos falando con descoñecidos por TikTok que cos seus proxenitores, e os adultos chegan tan esgotados do traballo que prefiren desconectarse en lugar de conversar, de tecer redes, crear vencellos... 

Cando desaparece a comunidade a institucionalización deixa de ser excepción para converterse en destino

Cando desaparece a comunidade a institucionalización deixa de ser excepción para converterse en destino. 

Pensemos por exemplo nunha persoa de 60 anos, cun trastorno de saúde mental, ingresos económicos suficientes para soster unha vida autónoma e un desexo claro: vivir no seu propio domicilio. A súa traxectoria, sen embargo, está marcada por anos de hospitalización, recursos residenciais pechados, conflitos relacionais e decisións vitais atravesadas por estruturas xurídicas e administrativas que acaban definindo o seu futuro máis que o seu propio proxecto de vida. 

 

A problemas médicos medidas sanitarias, a problemas educativos solucións educativas, pero, e ¿a problemas sociais? Demasiadas veces tentamos dar a problemas sociais respostas xudiciais, administrativas ou institucionais, que cronifican a exclusión en lugar xerar outras alternativas reais

Este percorrido non pode explicarse so desde o clínico, xa que aquí operan factores profundamente sociais: vencellos familiares rotos, ausencia de rede comunitaria, dificultades no acceso á vivenda, burocratización crecente dos coidados, etc. O sufrimento non nace so do clínico, senón da soidade, a falta de redes, a precariedade, a vulnerabilidade, a ruptura de vencellos, etc. Pero séguese respondendo, maioritariamente, desde o enfoque biomédico, que tende a individualizar problemas que son profundamente sociais. O que sería desexable abordar desde modelos comunitarios, acaba resolvéndose desde a urxencia e a contención. No exemplo inventado citado: hospital, residencia, expulsión, novo ingreso, espera de praza para institucionalización prolongada... favorecendo un modelo de “intervención de trincheira” baseado en apagar lumes estruturais sen transformar as condicións que os xeran. 

A problemas médicos medidas sanitarias, a problemas educativos solucións educativas, pero, e ¿a problemas sociais? Demasiadas veces tentamos dar a problemas sociais respostas xudiciais, administrativas ou institucionais, que cronifican a exclusión en lugar xerar outras alternativas reais. 

Cando desaparecen os barrios como espazos de vencello e pertenza aparecen os dispositivos totais (hospitais, centros, residencias, etc). Cando se debilita o tecido comunitario e se privatizan os servizos públicos, a intervención social perde capacidade preventiva e convértese en xestión de riscos. Entón volvemos a patoloxizar o que tamén é social: a soidade, a pobreza relacional, a falta de redes, a exclusión residencial... 

O modelo comunitario promove a participación activa na vida dos barrios, vencellos naturais e redes de apoio mutuo, acceso a vivendas dignas como base da recuperación, acompañamento profesional e protagonismo da persoa nas súas decisións

Por suposto que hai problemas individuais que requiren medidas individuais, enfermidades que requiren respostas asistenciais, pero tamén hai que mover os marcos e atreverse a pensar, a facer algo distinto para que os resultados non sexan sempre os mesmos: Se moito do sufrimento é social, as respostas non poden seguir sendo individuais, reatribuíndo a orixe do malestar ao individuo. A crenza de que cuestións como a soidade, o desemprego ou a vivenda son so individuais oculta a necesidade de solucións comunitarias e estruturais. 

Recuperar o comunitario non é nostalxia nin romanticismo. É unha decisión técnica e política baseada na evidencia: prevención fronte a contención, autonomía fronte a tutela permanente, comunidade fronte a institución total. Cando se deixa de invertir no que preserva a comunidade, deixase de crer nas persoas que viven e apostan por ela. 

O modelo comunitario promove a participación activa na vida dos barrios, vencellos naturais e redes de apoio mutuo, acceso a vivendas dignas como base da recuperación, acompañamento profesional e protagonismo da persoa nas súas decisións, así como espazos colectivos de reflexión.

Integrar o comunitario non é so un ideal de profesións como Traballo Social ou Educación Social, é unha condición para que a nosa saúde mental sexa sostible no tempo 

Integrar o comunitario non é so un ideal de profesións como Traballo Social ou Educación Social, é unha condición para que a nosa saúde mental sexa sostible no tempo, pois as cifras son alarmantes: ansiedade, depresión, trastornos do sono, ideación suicida, etc. van en aumento e inda que son moitos os factores en xogo, a soidade é un dos comúns. Non todo está perdido pero hai que espertar, non fai falta cambiar o mundo dun día para outro, pódese comezar por cousas pequenas, porque o tecido social non se recompón con grandes discursos senón con pequenos xestos repetidos con constancia: É necesario mover os marcos e valorar alternativas como reconectar co comunitario, o que require ser mais consciente (ou superar) a narrativa individualista que nos atravesa a todas as persoas na actualidade, formando alianzas, cooperando e entendendo que a vida ten máis sentido cando a tecemos xuntos, en grupo, en comunidade, inda que saibamos, como dicía Séneca, que non loitamos para vencer ao mal, senón para que non triunfe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.