Mudanzas inmutables

Se as cousas fossem diferentes, seriam diferentes: eis tudo./ Se as cousas fossem como tu queres, seriam só como tu queres. (Poemas inconjuntos, Alberto Caeiro).

Os egrexios e infalibles oráculos do noso País, autosituados na esquerda auténtica, empeñados en converter desexos en dogmas, para pontificar que chegou a hora de encetar o melón dun proceso constituínte

Despois do acontecido nas pasadas eleccións europeas, emitiron ditame –e aínda seguen porfiando- os egrexios e infalibles oráculos do noso País, autosituados na esquerda auténtica, empeñados en converter desexos en dogmas, para pontificar que chegou a hora de encetar o melón dun proceso constituínte, aparcado sine die dende a morte do outro. Hai que pensa que xa se dan as condicións obxectivas para mudar o inmutable. Mais, ren de ren! Home, algo está mudando. Muda todo o que ten que mudar para alancar cara a atrás. A pesar do cuspe que gastan os predicadores do conto, pretendendo convencernos do contrario, cada mutación que promoven os gardiáns do sistema é unha navallada no medio e medio do fígado das liberdades, da xustiza, das conquistas sociais e do dereito a saber a verdade das cousas que acontecen.

As mudanzas son para iso, para darlle unha capa de pintura á fachada, sen rasparlle antes a cotra acumulada, e así evitar que a podremia do chintófano, instalado no sistema, deixe de feder durante algún tempo para perpetuarse in saecula in saeculorum. O pintado de fresco sempre cheira a novo do trinque, aínda que a cerna siga podrecendo. A actitude austera –e a supervivencia- do goberno e compañía recomendan non gastar cartos nos milleiros de vascullos de arame que cumprirán para acabar coa couza.

O pai abdicou do cargo (agás das prebendas) para deixarlle a praza da xefatura do Estado á súa propia estampa. Iso si, o de agora camiña máis teso. O Pesoé substituíu a Rubalcaba por un tipo máis novo –en anos- e tan español ou máis có propio Pablo Iglesias. O fulano presume de ter sintonía xeracional co novo/vello monarca. Hai que goderse! Rajoy –e o Pepé- seguen mudando as leis vixentes, a base de decretazos cheos de veleno ( e de prebendas) para que o respectable público se vaia empondo a que, para saír da crise, non se precisan parlamentos nin deputados nin farrapos de gaitas.

Na tribo nacionalista tampouco está a festa para tirar foguetes. O asunto non colle trazas. Tamén mudaron as cousas. Antes a culpa dos males era dos outros e agora hai un novo culpable: o irmán que foi vivir fóra da casa

Na tribo nacionalista tampouco está a festa para tirar foguetes. O asunto non colle trazas. Tamén mudaron as cousas. Antes a culpa dos males era dos outros e agora hai un novo culpable: o irmán que foi vivir fóra da casa. Os nostálxicos botan de menos a unidade organizativa, esquecéndose de que, forzar a convivencia de matrimonios mal avidos, non é o mellor remedio para resolver os problemas da familia. Outra cousa sería levarse ben para facer algo polos fillos.

Ah! Díxome o meu tío Lisardo que xa é hora de que vaiamos pensando en buscar algún modo -e alguén- que sexa capaz de atinar no espazo nacionalista/galeguista para que o País sexa País, no canto de Terra queimada e sen identidade. E sen xente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.