Muller, non espertes a fera

As pasadas semanas algúns medios de comunicación daban a coñecer as manifestacións do Delegado do Goberno en Aragón, nas que responsabilizaba a Soraya, a muller asasinada pola súa ex parella en Zaragoza, do seu  tráxico final.

Cando fun quen de conter a duras penas o noxo e a carraxe ante este novo maltrato que se lle estaba a inflixir a esta muller mesmo despois de morta (porque eso, “Sr.” Gustavo Alcalde é o que vostede está a facer: maltratar!), teño que confesar que me vin somerxida nun estado de total impotencia.  De novo sentín esa indefensión aprendida que as vítimas de malos tratos sentimos, ou, mellor dito, nos fan sentir: Fagamos o que fagamos, loitemos o que loitemos, pouco ou nada acadaremos mudar, porque neste xuízo, un xuízo no que están en xogo as nosas vidas e quizais as das nosas crianzas, o veredito xa está decidido de antemán: Es muller e maltratada, ergo ti es a culpable e a única responsable da tua supervivencia.

Neste xuízo, un xuízo no que están en xogo as nosas vidas e quizais as das nosas crianzas, o veredito xa está decidido de antemán: Es muller e maltratada, ergo ti es a culpable e a única responsable da tua supervivencia.

O caso de Soraya non e, por desgraza, nin insólito nin infrecuente no eido da violencia machista. Soraya foi asasinada non soamente pola súa ex parella, se non por un sistema ineficaz, destrutivo, que a deixou a mercé do seu verdugo.

Ela, coma moitas  mulleres que están a vivir no inferno, coa espada de Damocles enriba das súas cabezas, levou a práctica esa prevención da que tanto se fala, pero que a vista está, de pouco ou nada serve. Fixo o correcto, denunciou, pero malia ter unha orde de afastamento, unhas mentes sisudas, desas que estudan moito, acumulan títulos, dominan estatísticas e que aínda por riba din protexernos, porque  sempre actúan, como debe ser, seica, “polo libro”, pero que non teñen nin a mais mínima idea de cal é a realidade, a dura e terrible realidade dunha vítima da violencia machista, decidiron que o risco que esta muller corría era “mínimo” Que eles saben moitísimo de baremos e valoracións, faltaba mais!

Insisto, este non é un caso illado nin a única evidencia de que as vítimas da violencia de xénero nin estamos protexidas nin, e isto e tanto ou mais grave, se nos toma moitas veces en serio, polo que non é de estrañar que se nos siga matando dun xeito atroz e case indiscriminado.

Este non é un caso illado nin a única evidencia de que as vítimas da violencia de xénero nin estamos protexidas nin, e isto e tanto ou mais grave, se nos toma moitas veces en serio, polo que non é de estrañar que se nos siga matando dun xeito atroz e case indiscriminado

Por poñer un exemplo, e sen ir mais lonxe, a Si, hai saída, o colectivo contra a violencia de xénero que presido, non hai moito que nos chegou un caso no que o agresor, un virtuoso no maquiavélico arte do maltrato psicolóxico, que vén exercendo dende hai moitos anos,  e que é obvio que representa un perigo tanto para a súa ex-parella como para seus fillos,  que calquera pode ver que é un barril de pólvora a piques de estalar., pero que se atopa semella que blindado pola súa profesión e o seu status social.

Pois ben, o letrado da muller, letrado que, por certo, cobra unha substanciosa minuta por “defendela”, cando esta se decide, despois dun longo e doloroso proceso para tentar asumir a súa situación e saír dela, a tomar as medidas oportunas, reunindo un valor que lle custou anos conseguir,  comeza, por fin, a propoñerse a posibilidade de denuncialo, novamente se atopa totalmente afundida ante a actitude do  seu avogado, que lle recrimina duramente a súa decisión, e a culpabiliza de “provocalo”... Mellor deixalo estar!.

Dito doutro xeito: Se finalmente te mata, a ti, ou aos teus fillos, que che quede clariño, a culpa será túa e soamente túa, por ter a ousadía de tentar defenderte, de tentar impedir que a vida de dous menores quede marcada para sempre, de exercer esa prevención que che aconsellan cando hai foto, cando unha muller máis perdeu a vida nas mans dunha mala besta, con perdón,  e cómpre poñer cara de circunstancias diante das cámaras.

Unha vez que a cámara se apague, cando retornes a realidade, unha realidade  ben diferente, traxicamente diferente, daraste de bruzos coa mensaxe real, con esa mensaxe que se tenta disfrazar diso que se chama eufemisticamente prevención: “Muller, denuncia, pero que saibas que se espertas a fera, se te mata, a culpa será túa e soamente túa... Por provocalo, e a quen provoca, non se lle protexe, se acaso, e como moito, se lle aplica un baremo”.

Perdoade se soa moi duro, sinto. Se algo desexaría de corazón, sería albiscar un chisco de esperanza que me permitise expresarme doutro xeito,pero non son quen de velo. O peor de todo e que a quen cala, a quen consente, a quen, en definitiva tamén maltrata, tamén mata coa súa permisividade, co seu “buenismo” hipócrita, non se lle chama culpable. Sinxelamente actúa “correctamente”. Non hai dereito!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.