Mulleres, máis aló do 25N

CC-BY-SA Praza Pública

En pouco chega o 25 de maio. É dicir, nun ano, xusto o anti 25 N, xusto o dia con características contrarias a aquel que se emprega para lembrar (ou era festexar?) á muller, o 'Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller'... Seis meses diso que lle chamamos pandemia por ser unha enfermidade que afecta de golpe a todo o largo do mundo. Ó 'da muller' non se lle chama pandemia.

Si, un ano máis, o 25 de novembro ten pasado por diante de nós. Pasou tempo, de novo, para velo en perspectiva: un ano máis queda entre a inutilidade dunha celebración perdida entre os 365 día do ano e a necesidade dunha lembranza, aínda que sexa anual.

No plano persoal, un ano máis, lembro como na miña vida profesional os compañeiros pasaron no tempo dun xeito evidente de ser iso, sobre todo compañeiros, en masculino, a, tamén dun xeito evidente, ser compañeiras. Unha transformación que coido positiva en conxunto, aínda que non en todos os aspectos. Así, lembro tamén cando arredor do ano 1993, no escenario de formación para a daquela nova lei educativa (si, unha delas), ocorréuseme dicir nunha posta en común que o incremento relativo do número de mulleres no profesorado no ensino medio ía paralelo a unha perda de consideración do papel do propio ensino medio e do status social do seu profesorado. A que se armou... ata que comprenderon que a relación estatística existía, aparte de cal fose a causa e cal o efecto, e dos condicionantes externos que daban lugar a esa correlación. O feito está estudado en diversas profesións, non só no ensino.

Os tempos cambiaron dende aquel 93, e máis dende antes. Na miña vida levo visto o ascenso da consideración da muller como grupo e a nivel individual. Estou falando de finais do século XX, non dos comezos do XXI. Porque o certo que nesa mesma vida, pero noutro período, neste século, máis ben vexo un retroceso no mesmo campo. Non tanto no que poderíamos chamar a fachada, como pode ser a letra das normas legais, como no que sería o fondo, a aplicación (por unha beira) e uso (pola outra) desas mesmas normas. Así, mentres a 'muller floreiro' gana cota de pantalla (por certo, algo que tamén lle pasa ó 'home floreiro'), por algures xorden situacións como que un ministro deste estado reclame presenza feminina para participar nunhas xornadas, como ten pasado nos arredores da última celebración do 25 N. Situacións encontradas que manifestan a potencia dunha ou outra tendencia.

O tempo vai pasando neste ano 2021 diferente. E mentres xa se divisa no horizonte anual outro 25 N, lembro ver un vídeo no que unha manifestación festiva nunha cidade española, o ano pasado, contra a violencia de xénero, se vía atacada por un home cun coitelo... un elemento perturbador que non di nada concreto, pero que é unha cousa máis no mesmo sentido que moitas outras: non só queda camiño por recorrer na igualdade, senón que moitas veces parece que imos como cangrexo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.