Municipalismo: en clave de movementos

Se as elites controlan os medios de comunicación que constrúen o sentido común da maioría da xente. Se controlan tamén as escolas e universidades impoñendo un sentido mercantilista da educación que serve para crear man de obra especializada para os mercados, ademais de adoutrinarnos. Se empregan o Estado para rematar coas nosas liberdades e transferir o noso diñeiro a mans privadas a través do mecanismo da débeda. Se lexislan en favor dos intereses dunha minoría de privilexiados. Se os tribunais e a súa xustiza serven para condenar as persoas que loitamos por un mundo mellor ou a aquelas outras que se atopan en situación de exclusión. Se ese mesmo Estado serve para atacar a autonomía das mulleres e o seu dereito a decidir por si mesmas. Se a legalidade actual está baseada no racismo institucional que permite a existencia dos novos campos de concentración (CIE) e as políticas migratorias asasinas que converten os mares nun gran cemiterio. Se a única lóxica de desenvolvemento que entenden os que nos gobernan é a do crecemento económico, onde cada vez haberá maior desigualdade social e máis persoas sobrevivindo na exclusión. Se levamos anos, décadas, construíndo alternativas dende abaixo e de xeito autónomo que non terminan de socializarse en favor das grandes maiorías que continúan a mercar no Lidl, o Mercadona, Inditex e Ikea ou a ver o mundo e opinar a través da realidade que presentan os grandes medios nas mans dos banqueiros.

Chegou o momento de asaltar as institucións para levar as axendas dos movementos, disolvelas e construír (ou non) as de todas? Resulta que temos alternativas, sabemos e queremos facer as cousas doutro xeito

Chegou o momento de asaltar as institucións para levar as axendas dos movementos, disolvelas e construír (ou non) as de todas? Resulta que temos alternativas, sabemos e queremos facer as cousas doutro xeito, polo menos temos claro como non facelas. Pero temos que arriscar e artellar novos xeitos de facer política, tamén no plano institucional, chegou o momento de mudar as regras, de rachar coa lóxica dos sistemas políticos actuais, é o tempo de concretar as novas culturas políticas que levan anos desenvolvéndose nos colectivos autónomos e nos movementos sociais.

Dende estes, sempre houbo moitas dúbidas, mesmo rexeitamento, a participar nunhas institucións que non deixan de estar baleiras de soberanía popular e rexidas polos intereses egoístas das elites. Sempre tivemos claro que nos seus petos non caben os nosos soños, que non nos representan, que é fundamental construír alternativas dende as bases sociais, implicando ao maior número de persoas, que é preciso ir amodo porque imos lonxe, que na autoxestión está parte da solución ao sen sentido capitalista. Pero sempre deberiamos ser conscientes do contexto no que estamos a vivir, sen caer en dogmatismos e guettos revolucionarios onde non conseguimos construir, ou non de xeito transversal, para as maiorías das que tantos falamos nos espazos políticos (non institucionais).

Dentro dos movementos xa leva tempo falándose sobre a hipótese de tentar construír novas candidaturas de corte popular baixo procesos de confluencia, amplos e abertos, asumindo as contradicións e enriquecéndonos coas diferenzas

Neste sentido, dentro dos movementos xa leva tempo falándose sobre a hipótese de tentar construír novas candidaturas de corte popular baixo procesos de confluencia, amplos e abertos, asumindo as contradicións e enriquecéndonos coas diferenzas, pero sempre pegadas á rúa e cun horizonte rupturista. Porque a casa do amo non se bota abaixo coas ferramentas do amo, pero tal e como ten montado o amo a casa hai que entrarlle ás institucións para, como dicía, clausuralas e construír outras (ou non) radicalmente participativas nas que todas as persoas, e digo todas, teñamos voz. Así xurdiron Guanyem Barcelona ou a Marea Atlántica, e máis tarde outros procesos.

Nos últimos tempos, á calor do 15M e doutros proxectos que xa levaban anos traballando nos barrios e nas vilas, recuperouse o traballo veciñal que supón un terreo moito máis fértil para que a democracia dende abaixo, a das persoas non a dos mercados, poida intervir garantindo ao tempo conquistas concretas e evitando as perversións intrínsecas ao xogo electoral. Se nalgún espazo a potencia política que ten caracterizado todo o último ciclo de movementos ten posibilidades de xerar un proceso de institucionalización radicalmente democrático é no plano local.

A cita do próximo ano preséntase coma unha oportunidade para artellar candidaturas sociais de base

Por iso, a cita do próximo ano preséntase coma unha oportunidade para artellar candidaturas sociais de base. Isto non quere dicir que teñamos que vincular o futuro á toma do poder institucional ou deixar de facer e propoñer no plano concreto das alternativas autónomas: temos que seguir a crear alternativas nos centros sociais, nas cooperativas integrais, na nosa vida cotiá, en calquera ámbito e espazo. Ese traballo debe continuar e reforzarse, debe seguir sendo a hipótese para construír unha alternativa radical a este mundo neoliberal que está a caer, para non depender de salvadores mesiánicos, e para conseguir acadar a xustiza social e a emancipación popular. Pero, ao mesmo tempo, hai que entrarlle á loita institucional, nestes tempos de urxencia temos que pelexar en todos os lugares, aquí e agora, compas!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.