Xa se acabou o curso político? Pois iso parece. É momento de recapitular e de coller enerxías para comprender o que volverá comezar en poucas semanas. Mesmos retos e novas ameazas. Durante este ano, nesta columna, relacionei algúns produtos audiovisuais coa actualidade política. Apareceron por aquí a Á Oeste da Casa Branca, Thanos e os heroes de Marvel, Sucesor designado ou a película In Time, entre outros. Por sorte, este curso acaba cunha excelente noticia: o goberno español concedeu un indulto parcial e condicionado aos presos políticos cataláns. Por fin puideron durmir nas súas casas, xunto ás súas familias. Unha boa noticia mírese por onde se mire, que se debe interpretar con prudencia e esperanza a partes iguais.
Emigrar non é unha moda nin un capricho: é froito da necesidade e da fame. En ocasións, nos medios fálase de inmigrantes coma se non fosen persoas, coma se unhas siglas puidesen condensar o drama das súas historias persoais
O certo é que hoxe non falarei sobre Cataluña. Hai uns días acudín ao cinema a ver In the Heights, unha película dirixida por Jon M. Chu, producida e creada por Lin-Manuel Miranda, autor do famoso musical de Broadway, Hamilton. A obra de Broadway é maxistral porque narra as peripecias vitais dun dos federalistas pais dos Estados Unidos de América. ‘Outro musical?’, dirán algúns pensando no Rei León ou outras producións similares. Hamilton ten política, historia, perspectiva crítica e hip hop. É un musical rapeado, onde personaxes como George Washington -primeiro presidente dos Estados Unidos-, Aaron Burr -vicepresidente de Thomas Jefferson- ou o propio Alexander Hamilton explican pasaxes de relevancia para a fundación daquel país. Iso si, tamén hai espazo para o drama: e é que o protagonista morreu en duelo a pistola co vicepresidente Burr.
Pero Lin-Manuel Miranda non fala en In the Heights -traducida no Estado español como Nun barrio de Nova York- sobre historias afastadas no tempo. Miranda aproxímase á súa propia historia persoal e á realidade dos barrios mixtos culturalmente, onde reside maioría de poboación con orixes en países latinoamericanos. Concibida orixinalmente como musical -de éxito-, esta película expón os soños e as ameazas das clases populares americanas. Non sei avaliar a proposta en termos musicais -só sei que me gustan os ritmos latinos e a mestura en clave de hip hop, pop e outros xéneros- pero a parte política está aí. Ben presente.
Non é casualidade que a política sexa presente na obra de Miranda. Gañador de varios premios Tony, Grammy e até dun Pulitzer, o seu pai Luís Miranda traballou durante décadas como consultor político para políticos demócratas como o actual líder da maioría no Senado, Chuck Summer ou a excandidata presidencial Hillary Clinton. Se cadra por esa razón, In the Heights plasma á perfección os sentimentos, o rexeitamento e as dificultades de vivir á marxe da sociedade. Na película, algúns personaxes desexan retornar á terra dos seus pais -un soño idealizado-, mentres que outros atopan moitos obstáculos para progresar nunha terra que aínda lles é allea. A xentrificación, os inmigrantes sen papeis, o clasismo ou o racismo aparecen dun xeito ou outro no filme.
Non hai que esquecer de onde procedemos nin tampouco enterrar as nosas orixes, aínda que debamos abrazar novas realidades e facer compatible máis dunha identidade. A pluralidade ten moitas arestas, pero en ningunha delas debería caber o odio ao diferente
As persoas que tivemos que irnos do noso lugar de orixe sentimos especialmente interpeladas por historias como esta. Emigrar non é unha moda nin un capricho: é froito da necesidade e da fame. En ocasións, nos medios fálase de inmigrantes coma se non fosen persoas, coma se unhas siglas puidesen condensar o drama das súas historias persoais. A correlación de forzas actual obríganos a defender aos inmigrantes dos ignorantes que ornean odio e eructan racismo. É a nosa responsabilidade recoñecernos como demócratas e como defensores dos dereitos humanos, pero tamén ser conscientes que non sempre tivemos o privilexio de poder gañarnos a vida dignamente preto dos nosos seres queridos.
Non hai que esquecer de onde procedemos nin tampouco enterrar as nosas orixes, aínda que debamos abrazar novas realidades e facer compatible máis dunha identidade. Eu teño o orgullo de sentirme, por completo, tanto galego como catalán. Débolle moito ao meu país de acollida, así como aínda manteño importantes lazos afectivos coa terra dos meus pais. A pluralidade ten moitas arestas, pero en ningunha delas debería caber o odio ao diferente.
O mellor, para este verán, é gozar das cancións de In The Heights, que achegan moito máis -mesmo politicamente- que os que levantan muros ou estigmatizan comunidades.