Na defensa da vida digna, dos servizos públicos e do estado do benestar. Contra o neoliberalismo

Manifestación celebrada en Compostela o pasado 19 de novembro ©

O presente documento serviu de base a intervención final da Manifestación celebrada en Santiago de Compostela o 19 de Novembro de 2022. O texto foi pactado polos colectivos convocantes e contén un resume de maioría das reivindicacións partilladas por todas elas.

 

A loita social é o único camiño

O pasado 15 de outubro miles de persoas manifestábanse polas rúas de Madrid convocadas polo movemento de pensionistas, o sindicalismo de clase combativo e numerosos movementos sociais. Poucos días despois máis de 600.000 persoas saíron novamente á rúa para dicir que a saúde non se vende, e en defensa da sanidade pública. Hoxe un bo número de organizacións sociais saímos de novo de xeito descentralizado en diferentes lugares de todo o estado pero con un mesmo obxectivo: defender unha vida digna, o ben común, os servizos públicos e avanzar na mobilización conxunta dos movementos sociais en defensa dos servizos públicos.

 

Salarios, pensións e rendas dignas

As persoas traballadoras e pensionistas non podemos seguir perdendo poder adquisitivo. Non podemos aceptar ter traballo pero seguir sendo pobres. Chegar á xubilación e ser pobres. 356.000 galegas e galegos, 46,3% do total, reciben pensións inferiores ao chamado limiar da pobreza. A suba dos salarios e das pensións ten que facerse de xeito proporcional ao IPC real. A suba das pensións mínimas e do salario mínimo ten que chegar ao 60 por cento do salario medio, como recomenda a Carta Social Europea.

As mulleres asalariadas traballamos case un de cada catro días gratis se comparamos os nosos ingresos cos salarios dos nosos compañeiros homes, pois a fenda salarial de xénero neste ano 2022 está nun 24%. A fenda de xénero, tanto en salarios como en pensións, debe ser eliminada. O traballo reprodutivo ten que ser recoñecido e valorado, e cómpre acabar coa precariedade e explotación laboral, tanto en traballos por conta propia como sendo persoas asalariadas.

Estamos totalmente en contra tamén dos plans de pensións privados de empresa, que en realidade son un xeito de privatizar o sistema público de pensións.

Esiximos que o Parlamento Español abandone a ilegalidade. A Lei 21/2021, de 28 de decembro, marca a obriga legal de realizar unha Auditoría das Contas da Seguridade Social. Abonda xa de enganos e de ilegalidades. Que se identifiquen dunha vez por todas todos eses “ gastos impropios” que se lle están a atribuír dun xeito fraudulento ás Contas das Seguridade Social.

Todas as persoas temos dereito a ter unha vida digna polo simple feito de nacer. Porque erradicar a pobreza non só é posible senón que é unha obriga moral, e debe ser tamén unha obriga legal. Porque unha renda básica para todas e todos é posible.

Manifestación celebrada en Compostela o pasado 19 de novembro ©

A loita pola soberanía alimentaria e o dereito á saúde. 

Estamos a vivir día a día a ameaza das políticas neoliberais sobre os nosos dereitos fundamentais. Un deses dereitos ameazados é o dereito á saúde, por unha banda polo desmantelamento da sanidade pública e, por outro, pola crecente dificultade de amplas capas da sociedade para acceder a unha alimentación saudable, suficiente e nutritiva.

Non podemos ignorar que no momento actual enfrontámonos a retos moi importantes como a crise enerxética, o cambio climático ou a desaparición continuada da pequena e mediana agricultura, que é a que historicamente garantiu a nosa alimentación. Aquela idea de que non importa que se abandone o rural, que desaparezan en Galicia os labregos e as labregas porque xa se traerán os alimentos de miles de quilómetros é unha grave irresponsabilidade.

Os produtos da agroindustria enferman os nosos organismos e enferman o planeta. Defender a terra agraria, modelos de produción sostibles e que moitas labregas e labregos poidan vivir dignamente producindo a alimentación saudable e accesible que a sociedade precisa é estratéxico no momento actual.

A defensa da Sanidade Pública

Deben garantirse os dereitos básicos de todas e de todos, como o dereito á saúde. Os sucesivos ataques á Sanidade Pública nos últimos tempos resultan insoportables. A última “ocorrencia” da Xunta de Galicia son os PAC sen persoal médico. E sería unha ocorrencia, se en realidade non fose un feito gravísimo e unha gran irresponsabilidade. Unha Sanidade Pública, de Calidade e Universal é o piar fundamental e irrenunciable do estado de benestar. As demoras actuais tanto na atención primaria como na especializada son intolerábeis e incompatíbeis cunha sanidade pública, eficaz e resolutiva. Na Sanidade Pública o tempo de resolución dos problemas non debe ser superior aos 3 meses dende o contacto inicial do usuario co sistema.

É imprescindible un “Plan Especial de Incorporación de Novo Persoal en Atención Primaria”. Que non nos conten contos. A causa fundamental das dificultades para encontrar profesionais, incluído persoal facultativo e de enfermería, son as precarias condicións laborais que ofrece o SERGAS. O 25 por cento do orzamento sanitario debe dedicarse á atención primaria. Queremos dicir alto e claro que estamos contra todas as modificacións lexislativas que fomentan a privatización da Sanidade Pública.

Esiximos a derrogación da Lei 15/97 de Novas Formas de Xestión do Sistema de Saúde. As institucións sanitarias de titularidade pública que hoxe teñen cedida a súa xestión a empresas privadas deben retornar a unha xestión e provisión plenamente pública.

Faixa de Modepen na manifestación celebrada en Compostela o pasado 19 de novembro ©

Atención á Dependencia

Ao longo da nosa vida, todas as persoas somos en determinados momentos vulnerables e precisamos coidados. Os coidados son imprescindibles para a vida, polo que teñen que deixar de ser dunha vez por todas invisibles e precarios. O coidado da vida non pode ser unha mercadoría máis. O gasto en servizos de dependencia debe subir do actual 0,7 % do Produto Interior Bruto a cando menos o 1,7 %, que é a media dos países europeos, e ir logo achegándose á media dos Países Nórdicos, situada por riba do 3% do PIB.

Basta de privatizacións e de que as empresas traten de maximizar os seus beneficios a costa de maltratar aos nosos maiores e persoas dependentes. Como sociedade temos unha enorme débeda coas persoas maiores, pois moitos dos dereitos que desfrutamos na actualidade débense ao intenso traballo e as duras loitas das xeracións que nos precederon. É de xustiza que as persoas maiores teñan os coidados axeitados, e podan envellecer rodeados da súa xente querida e de amor.

Por todo isto, o Servizo de Atención no Fogar (SAF) deber ser o núcleo fundamental do Sistema de Atención á Dependencia. Os concellos deben remunicipalizar e asumir a xestión directa e a provisión dos Servizo de Atención no Fogar (SAF), recorrendo a servizos supramunicipais no caso dos concellos de pequeno tamaño.

O goberno galego debe abordar un “Plan Especial de Construción de Novas Residencias” de financiamento, titularidade, xestión, e provisión totalmente públicas. Debe satisfacerse a alta demanda de prazas públicas de residencias que existe, para o que se estima que no ano 2030 deberán estar dispoñíbeis 10.000 novas prazas de residencias de maiores e dependentes. As residencias de titularidade pública e xestión privada deben pasar a unha xestión e provisión públicas.

Educación Pública e de Calidade

A Educación Pública de Calidade é outro piar fundamental do estado de benestar. Non se poden seguir permitindo centros educativos ou estratexias que exclúan ao alumnado, segregando por sexo, motivos económicos, capacidades, ideoloxías, diagnósticos e trastornos diversos ou calquera outro motivo. Non se pode financiar con diñeiro público centros que discriminan ao alumnado. Cómpre destinar máis recursos ao ensino público para que este sexa de calidade e inclusivo e a aposta polas Universidades e Centros de Formación Públicos debe ser firme. Non queremos Universidades Privadas vinculadas a bancos.
 

O dereito á Vivenda

Nas últimas décadas produciuse unha especulación sen límites coa vivenda, que deixou de ser un dereito fundamental para converterse nun activo económico máis, atendendo unicamente a criterios de mercado. Todas as persoas teñen o dereito a unha vivenda digna segundo o artigo 47 da Constitución, polo que a vivenda debe deixar dunha vez por todas de ser un recurso para especular e ser considerada un recurso social. É necesario regular os prezos dos alugueiros, actuar sobre o parque de vivendas baleiras e, sobre todo, ofertar vivenda social. Resulta imprescindible o desenvolvemento urxente dun parque público de vivenda en réxime de alugueiro social. A SAREB, sociedade que xestiona os inmobles procedentes da chamada reestruturación bancaria, debe iniciar xa a cesión ao público do seu patrimonio, que medrou nalgunha cidade galega ata un 17% nos últimos catro anos. É urxente a creación dun Consorcio Autonómico e Municipal de Vivendas Sociais, en réxime de alugueiro e distribuídas polas cidades e polos distintos barrios e parroquias, destinadas a persoas que teñan ingresos por debaixo do salario mínimo interprofesional, persoas perceptoras de prestacións sociais e familias en situación de pobreza con fillos e fillas a cargo.

 

En defensa dunha Vida Digna e os Servizos Públicos !!!

Mobilicémonos en defensa do Estado de Benestar !!!

A nosa vida e os nosos dereitos non se venden, deféndense !!!

Goberne quen goberne, os servizos públicos deféndense !!!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.