Na praia de Coroso observo un home pouco máis maduro do que eu a xogar ás raquetas cunha moza. A rapariga, de catorce ou quince anos, se cadra é a súa filla, mais a xulgar polos seus cadrís, polos seus peitos e polo modo en que fai danzar o seu longo cabelo castaño é en moitos sentidos unha muller. Entendo que os meus ollos reparan nela precisamente porque mostra con rotundidade unha sorte de plenitude enerxética que se traduce en evidente atractivo erótico. Reparo nela e reflexiono como esta historia se repite desde que o mundo é mundo, mesmo desde antes de que a Historia existise e só eramos animais a devorar bestas e a amarnos sen memoria.
É un ámbito a praia en que case ficamos totalmente espidos, sen deixar de ser un lugar en que abundan os disfraces
A praia, é inútil calalo aínda que teña sido mil veces repetido, é un lugar para a exhibición dos corpos: os absolutamente e os relativamente sans, os belos e até os amorfos. Un espazo para mostrarmos as nosas aptitudes físicas potenciais, e máis aínda para evidenciar o modo en que nos xulgamos a nós mesmos, ás veces a partir dalgunha inhibición pouco recoñecida. Ollo para as mulleres novas e para as incipientes, para as xa vellas e para as de media idade e non podo evitar me comparar con os seus pares masculinos, uns emanaren unha enerxía para min incalculábel, outros a calcularen a enerxía que lles resta, algúns a mostraren un poder máis aparente que real.
É un ámbito a praia en que case ficamos totalmente espidos, sen deixar de ser un lugar en que abundan os disfraces. Un Carnaval, máis apolíneo do que dionisíaco, dos moitos nos que participamos, mesmo sen sabelo, ao longo do ano.