Na pública vainos a vida

Oito da tarde e xa se oen os aplausos nas rúas das cidades e vilas do país. Aquela homenaxe que comezara a prol do persoal sanitario esténdese agora a todas as persoas que, co seu esforzo e poñendo en risco a súa saúde e a das que as rodean, traballan por manteren os servizos esenciais nesta situación que nos toca vivir. 

Unha das reaccións máis curiosas desta pandemia é a viraxe ideolóxica de moitos “intelectuais”, políticos e demais persoeiros en xeral, cun xiro neokeynesiano do máis sorprendente. En efecto, estamos a ver estes días acérrimos neoliberais defender o Estado do benestar, pedir máis intervención na economía e laiarse de que non haxa máis recursos nos hospitais e centros sanitarios.

Máis alá de personaxes esperpénticos como Juan Ramón Rallo, que semella que pasou de Milton Friedman a Ernesto Guevara en apenas unhas semanas, coas súas louvanzas á China e ó sistema sanitario público, após defender firmemente a súa privatización, vemos como a meirande parte dos responsábeis políticos tamén soben ó carro da defensa de sanidade pública. E tamén soben a ese carro, sen ruborizárense, aqueles que a recortaron en persoal, recursos e material durante os últimos anos dende os seus cargos nas administracións. Non podemos esquecer as declaracións do conselleiro de sanidade Vázquez Almuiña, que no 2016 declaraba cun cinismo insultante que, nun dos países máis envellecidos de Europa, as camas dos hoteis eran máis importantes que as dos hospitais, para xustificar os recortes acometidos polo seu goberno dende que chegou ó poder. 

As máis inxenuas da casa poderían aledarse desta rectificación pública daqueles que, rozando o criminal, recortaron recursos á sanidade, educación e asistencia públicas. Mais é difícil non pensar que se trata dun mero exercicio de oportunismo, dun retroceso momentáneo daqueles que temen perderen a manda nuns intres de incerteza no que se está a ver que o único que nos pode salvar da pandemia son os sistemas públicos de sanidade tantas veces desprezados como ineficaces, innecesarios e até ineficientes (!). 

Así pois, non é casualidade que un dos consensos xerados por esta situación é claramente a necesidade dun sistema sanitario forte, de calidade e, sobre todo, público, isto é, que non deixe atrás a ninguén, que se guíe unicamente co criterio de salvar vidas e preservar a saúde da poboación, e non por intereses espurios. 

Digámolo xa: o sistema económico e social no que vivimos, o capitalismo, antepón os beneficios económicos ós dereitos fundamentais. Non abonda un artigo para achegar todos os exemplos que se poderían expor para xustificar esta afirmación. Porén seguramente un dos máis gráficos sexa o da sanidade privada. Todas temos na cabeza o exemplo dos Estados Unidos, onde cada ano morren milleiros de persoas por non contaren cun sistema de sanidade público, de calidade e universal. E todo isto é, se non apoiado, consentido pola súa poboación, coa xustificación da liberdade empresarial e a cultura do máximo beneficio. Seguramente sexa alá onde máis forte acabe afectando a traxedia que estamos a sufrir, tempo ó tempo. 

Outro exemplo máis á orde do día é a negativa do Goberno español de deter todas as actividades produtivas non esenciais durante o Estado de Alarma. Non ten sentido que todas teñamos que quedar na casa por imperiosas razóns de saúde pública, restrinxíndose así o noso dereito fundamental á liberdade se movemento -ó cal están asociados moitos outros, como o libre desenvolvemento da personalidade propia-, pero que os empresarios poidan seguir obrigando ás traballadoras a pór en risco a saúde, propia e pública, para non perderen os seus beneficios empresariais. Mellor dito, si que ten sentido, ese sentido, lóxica ou dinámica que antes comentabamos: a constante tensión no capitalismo entre as ganancias e o benestar da poboación; aquilo que moitas xa exemplifican como capital vs vida

Mais incluso no marco dun sistema económico capitalista, no occidente europeo vemos que hai institucións que non obedecen a esta lóxica. Son, efectivamente, as institucións públicas, a sanidade, as pensións, a educación... que obedecen a un principio de solidariedade e comunidade, non de ganancia individual. Por iso resulta tan rechamante que moitas das críticas a estes sectores fose que son ineficientes, pois é intentar trasladar a lóxica do capital a unhas institucións que se desmarcan por natureza dela. 

Non, señores, a sanidade pública non ten que ser o máis eficiente posíbel, ten que salvar vidas e preservar a saúde da poboación. A educación pública non debe reducir ó máximo o gasto por alumna, senón garantir unha formación crítica e de calidade para todas por igual, independentemente da súa clase ou orixe. O sistema de pensións non cae por deixar de ser rendíbel, pois o seu obxectivo é garantir unha vida digna as nosas maiores, e evitar a desprotección das persoas máis vulnerábeis e nos momentos máis difíciles da súa vida. 

É obvio que non queremos sistemas sen control sobre os cartos que se gastan, con dilapidacións innecesarias e cargos inútiles. Mais, en todo caso, a eficiencia debe ser un dos obxectivos secundarios destes sistemas públicos, nunca unha prioridade absoluta. E se o sistema de pensións ou a sanidade pública non son rendíbeis é porque non é o seu obxectivo xeraren beneficios, senón garantiren dereitos fundamentais da cidadanía. Pero que non sexan rendíbeis non quere dicir que non sexan sostíbeis, claro que o son, pois na sociedade hai recursos abondos para mantermos sistemas públicos universais e de calidade. Outra cousa é que eses recursos sexan titularidade de grandes empresas, de bancos, de fondos voitre ou do santificado Amancio Ortega, e que haxa fortes intereses para que sigan na man duns poucos e non ó servizo do ben común. Pero iso non implica que non existan. Nas facultades de ciencias sociais o primeiro que se ensina sobre economía é que estamos nun mundo con recursos escasos e que hai que saber distribuílos. Mais ese mantra tan elemental serve moitas veces para agochar a dinámica que se leva a producir dende os anos oitenta en Occidente: cada vez o sector público ten menos recursos, e estes están cada vez máis en mans privadas. O conto, como ven, élles ben diferente.

Penso que a estas alturas xa é difícil negar no noso país que a pública é a única alternativa a unha sociedade salvaxe e ultraindividualizada, na que se abandona ós máis vulnerábeis e se adora -cun fervor practicamente relixioso- ós persoeiros máis ricos. Quedou amplamente demostrado o de que cadaquén que loite polo seu é un grande fracaso colectivo. 

Fica claro que é necesaria e conveniente a sanidade pública, onde a prioridade sexa salvar vidas; tamén debe ficar claro, por certo, que en todo este entramado de sistemas públicos a figura da funcionaria é esencial. Precisamos de persoas que non se poidan ver presionadas para ofreceren os tratamentos máis baratos, rematárenos antes ou alongárenos para sacar o máximo proveito do paciente, senón unhas profesionais sanitarias que obedezan estritamente a criterios científicos e de idoneidade. O mesmo acontece coas mestras e profesoras, que non poden ver perigar o seu posto de traballo por ensinaren contidos -feministas, antirracistas, democráticos, etc.- que non gusten ó dono da escola. Vémolo tamén nos xuíces, nos inspectores de traballo e mesmo na policía: o funcionariado é a mellor ferramenta para o mantemento dos sistemas públicos e a súa incorruptibilidade. 

Destas liñas, penso, podemos sacar dúas ideas en claro. Por unha banda, que o capitalismo é un sistema que contrapón constantemente os dereitos fundamentais máis elementais á obtención de lucro privado. Pola outra, que a pública é o único modelo institucional capaz de lle pór freo a esa dinámica salvaxe. Mais, que acontecería se non só a educación, sanidade e pensións estivesen guiadas por estes mesmos principios, pola anteposición do benestar colectivo ó beneficio privado? Cal sería ese sistema no que a produción de todos os bens e servizos da sociedade se decidise democraticamente baixo criterios de idoneidade, e non de máxima obtención de lucro? 

Pois ben, ese é o sistema que nós, como tantas outras dende hai máis de dous séculos, propomos. É o sistema tantas veces aldraxado, desprezado, calumniado e rexeitado tantas veces por persoas que decote nin sequera sabían en que consistía. É aquela arela de cambio pola que tantas deron a súa vida: o socialismo. 

E non podemos deixar de pensar na predición da pensadora alemá que dixera aquilo de socialismo ou barbarie, porque cada vez se ve máis claro. O socialismo é a extensión da pública a todos os ámbitos da sociedade; é a democracia e a racionalidade contra o individualismo e o egoísmo. É, en definitiva, o mundo novo que moitas levan nos seus corazóns sen sequera sabelo, cando defenden a educación, sanidade e pensións públicas. Porque no socialismo, e na pública, vainos a vida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.