Na roda da explotación

Dicía Marx no Capital que o proceso capitalista de produción non xeraba só capital, gañancias, beneficios -plusvalías- se non que xeraba en sí mesmo unha continuidade do propio proceso. Unha roda na que a obreira ou o obreiro pertencía ao propio capital antes sequera de empregarse -vender a súa forza de traballo ao capitalista-.

Este pretecepto teórico básico foi manexado ata hoxe polo propio capitalismo para manterse e perpetuarse. Os grandes poderes síntense seguros,-e ás veces nolo lembran como fixo o señor Warren Buffett- neste sistema económico. Efectivamente a clase traballadora debe empregarse para sobrevivir e nun modelo liberal que reduza o emprego público e a economía social á mínima expresión, esa clase traballadora vai depender sí ou sí da iniciativa privada.

A crise económica foi -coma sempre sucede- a oportunidade para refundar o modelo, para recrualo, para perfeccionar os seus mecanismos de control. O incremento do paro é, para o capital, unha oportunidade de obter man de obra disposta a cobrar menos, traballar máis e en peores condicións que antes. Só así se explican as políticas cíclicas e a redución das partidas para xerar emprego.

Dende a chegada do PP ao Goberno galego perdimos un 13% do emprego, voltando aos niveis de ocupación de 2.001. A taxa de actividade -53,33%- é a segunda peor do Estado español e perdemos poboación activa a mans cheas. E sen embargo, o Partido Popular recurtou en Galicia o gasto social que sostén o emprego público -641 millóns de euros- nos últimos anos e 215 millóns -un 51%- o orzamento para políticas activas de emprego.

Gracias ás reformas do señor Zapatero primeiro e do señor Rajoy despóis, obtivemos unha enorme masa de paradas e parados. A contención do gasto receitada pola Europa do Euro e os seus recortes derivados, fixeron o resto. O obxetivo: unha pobreza que sometese ás clases populares a aceptar o emprego precario.

A temporalidade medra con forza, situánose xa no 25,5%, sendo as mulleres as máis precarias. E de elas, as mozas. A protección social acada mínimos históricos -máis de 160.000 persoas carecen de prestación no noso País-. O 13% das traballadoras e traballadores en Galicia son pobres. E segundo o Consello Económico e Social de Galicia o risco de pobreza incrementouse un 60%, especialmente entre nenos, nenas e mocidade, que segue véndose condenada a emigrar.

O panorama non é moi alentador se consideramos a oferta que trasladaron PSOE-C´S en materia laboral e económica. De levarse a cabo suporía non só a continuidade das políticas laborais actuais, se non incluso o seu empeoramento. Unha terceira reforma laboral para garantir que prosegue a roda do sistema no que está circulando a clase traballadora.

Debemos rachar coa forza centrípeta. Frear a roda. Reverter a pobreza e comezar a conquistar os dereitos laborais perdidos. Non vai ser doado, pero, cando o foi?

No 72 eran asasinados en Ferrol Amador e Daniel. A loita polo convenio colectivo en Bazán era tinguida de sangue pola policía franquista, que tras desaloxar aos obreiros do astaleiro, reprimiu a súa mobilización na rúa, disparando contra obreiros que contaban só con pedras e coas súas mans para se defender. En torno a 40 traballadores foron feridos e Amador e Daniel pasaron a engrosar as listas dos asasinados polo Réxime por loitar por motivos laborais, sindicais ou sociais.

Foron esas loitas obreiras as que acadaron para todas e todos os dereitos que agora esa outra ditadura -a económica- nos arrebata. Máis de 300 sindicalistas por todo o Estado agardan xuízo por exercer o dereito á folga. Sen a súa loita, moitas e moitos de nós nunca teriamos alternativa á pobreza, á precariedade.

As rodas nunca deixan de rodar soas. Só podemos poñerlle freo contando co exemplo da loita do sindicalismo de clase, a ensinanza que todos os Amadores e Danieles nos deixaron a quenes cremos nunha auténtica democracia na que as maletas ou a pobreza deixen de ser as únicas alternativas para milleiros de galegas e galegos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.