Deixou escrito o certeiro Castelao que se aínda somos galegos é por obra e graza da nosa lingua. Foron, de feito, as Irmandades da Fala as que puxeron en 1919 en Compostela a semente para que o 25 de xullo se convertese (de novo, en palabras do mestre de Rianxo) na festa maior de todos os galegos. A primeira celebración foi en 1920 na Coruña e, por exemplo, 10 anos máis tarde tería lugar en Vigo. Folga dicir que a celebración de 1936 foi frustrada por mor do Alzamiento do 18 de xullo que, non por casualidade, estaba inicialmente programado para o propio 25.
A magnitude da significación que adquiriu o 25 de xullo transcendeu as nosas propias calendas: durante o Franquismo tentouse redirixir a súa enerxía facendo festivo a nivel estatal o "Día de Santiago el Mayor, Patrón de España". Durante ese triste episodio da historia, foi a nosa diáspora quen continuou a cultivar a proposta orixinal das Irmandades da Fala, como de novo Castelao deixa maxistralmente patente no seu senlleiro "Alba de Groria", en 1948, desde Buenos Aires. Mentres, en Galicia, mantívose a súa semente latente baixo protección relixiosa na forma dunha misa na honra de Rosalía de Castro en San Domingos de Bonaval.
Xusto 20 anos despois, en 1968, tomóuselle un pulso á ditadura cunha convocatoria nacionalista para a celebración do 25 de xullo en Compostela, na que naturalmente a policía do réxime deixou a súa pegada. Non sería ata unha década despois que o 25 de xullo iría tomando a forma na que chegou aos nosos días. En 1977 tivo lugar a primeira celebración en democracia e en 1979 instituíuse no segundo número do DOG como "Día Nacional de Galicia", denominación oficial da que xa no século XXI tan só o Goberno Bipartito fixo uso dende San Caetano.
No 25 de xullo de 2015, a catro anos do centenario da súa primeira celebración, festexamos con entusiasmo o Día Nacional de Galicia, tamén abondo coñecido como Día da Patria Galega, no que latexa o sentir dun pobo que sen descanso procura e atopa xeitos para superar os atrancos e manter viva a chama da súa identidade. Queremos, amais, render especial tributo a unha nova xeración de emigrantes que vivirán a festa maior de todas as galegas e galegos desde a diáspora ou, co fugaz permiso do estío, na calor temporal da familia e as amizades. Por unha nación á que poidan voltar, viva o 25 de xullo!