Nacionalismo e unidade

Penso que nós os galegos, somos un pobo maioritariamente de esquerdas. Incluso penso que somos maioritariamente nacionalistas. O problema radica nas connotacións que carrexa consigo a palabra nacionalismo, e o rexeitamento que en moitas persoas produce.

O pasado domingo fomos chamados ás urnas, e votamos en marea coma nunca antes se votara en favor de forzas que teñen a súa orixe na nosa nación, porque moitos estamos fartos de ver como partidos con intereses e obxectivos moi lonxe de aquí, teñen o atrevemento de dicirnos como vivir, sen sequera pararse a preguntar que é o mellor para nós. Eu, humilde ignorante, penso que o nacionalismo é facer política para o noso pobo, loitar polo sector agrario, pesqueiro, gandeiro; loitar pola difusión da nosa cultura, do noso idioma; loitar polos nosos pequenos empresarios, e polos grandes tamén; loitar porque se invista na investigación e desenvolvemento das nosas universidades; loitar porque Nunca Máis a xustiza nos deixe de lado se outro Prestige volve tinguir a nosa belísima costa de negro… En definitiva, loitar porque a vida na nosa Galiza sexa mellor do que xa é.

Feita esta reflexión, creo que como nacionalistas estamos deixando pasar unha oportunidade única, ou polo menos non a estamos a aproveitar o suficiente. En Marea debe formar agora un grupo parlamentario propio, que lle dea voz a Galiza nese afastado lugar dende o que se dictan as reglas. Pero Nós debería formar parte dese grupo, ou é que aínda pensamos que a confluencia é inviable? De termos xuntado, seriamos un grupo de oito e non de seis deputados, e cunhas posibilidades infinitas de cara ás eleccións autonómicas do próximo ano.

É momento de deixar os nosos egos de esquerdas a un lado. A unión fai a forza, e non hai nada no que teña máis fe que na forza do pobo galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.