Nadal e consumo responsábel

Tradicionalmente, cada Nadal, os pais e nais teñen que comparar prezos e determinar, por unha banda as informacións axeitadas sobre diferentes produtos que axuden no cálculo do custo económico total destas festas e por outra son bombardeados por múltiples campañas publicitarias que teñen por obxecto promover a compra de alimentos, adornos, abetos, agasallos e demais produtos relacionados con estas datas.

Observo con preocupación os últimos datos e estatísticas que, polo seu carácter xeral non tenden a ser demasiado axustados á realidade concreta e xeran, ao cabo, confusión, e non axudan á defensa do consumidor fronte a agresividade das campañas publicitarias que tenden a suscitar a falsa necesidade de adquirir cada ano novos produtos, marcas e, en definitiva a promover un consumo esaxerado, compulsivo e ausente de valores

Con todas as cautelas expresadas, o certo é que nestas datas, prodúcese un relevante consumo de materiais e produtos relacionados coas devanditas festas e boto en falla, que se incida desde as institucións, medios de comunicación e, en xeral, desde toda a sociedade, en promover un consumo sensato, consciente, responsábel e marcado por certos valores.

Fronte á avalancha de anuncios e campañas destinadas a promover un consumo masivo de produtos relacionados co Nadal, a adquisición de marcas e, mesmo de alimentos, creo que as familias debería asumir a tarefa de inculcar valores de responsabilidade no consumo aos seus fillos

Así pois, fronte á avalancha de anuncios e campañas destinadas a promover un consumo masivo de produtos relacionados co Nadal, a adquisición de marcas e, mesmo de alimentos, creo que as familias debería asumir a tarefa de inculcar valores de responsabilidade no consumo aos seus fillos. Este esforzo debe transmitir a idea de que non é necesario facer un gran desembolso económico na compra de agasallos e que a súa actividade como consumidores debe realizarse con criterio e de acordo a certos principios que considero primordiais.

Desexo facer unha reflexión e unha petición en favor dun consumo responsábel e guiado por valores que, ademais de permitir un certo aforro económico, permita inculcar aos nosos fillos valores de solidariedade, xenerosidade e responsabilidade cara á súa formación como persoas que terán de desenvolverse nunha sociedade de consumo.

Fronte ao aluvión de marcas, publicidades e demais mensaxes emanados dos medios de comunicación, os adultos deben trasladar aos seus fillos a responsabilidade polo coidado do medio ambiente e a sostenibilidade. Deben, por exemplo, explicarlles que cada libro de contos, quebracabezas de cartón, boneco de madeira,... proveñen da tala de bosques e que, en consecuencia, deben coidar devanditos materiais para que poidan ter unha vida máis longa. Igualmente debemos conciencialos para que se eduquen en costumes como a reciclaxe, a separación de vertidos, etc.

Con frecuencia a dinámica do consumo social lévanos a ter que estrear cada Nadal un novo abeto; debemos se conscientes do gasto ecolóxico e social que iso supón

Con frecuencia a dinámica do consumo social lévanos a ter que estrear cada Nadal un novo abeto. Debemos se conscientes do gasto ecolóxico e social que iso supón. É por iso que desexo convidar á xente a usar unha arbore de Nadal natural. Unha arbore natural contribúe a limpar e descontaminar o aire no seu proceso de converter gas carbónico en osíxeno, (un piñeiro natural por exemplo, prové osíxeno a 18 persoas todos os días). Poderemos gozar da súa frescura e perfumar a casa de xeito natural durante o Nadal. Se compramos unha árbore viva e coas súas raíces intactas, poderemos plantalo no noso xardín (si o temos) despois das festas. Axudaremos a preservar o ecosistema natural durante o seu ciclo de vida. Debemos ter en conta, ademais, que se mercamos unha árbore de Nadal nun viveiro debemos asegurarnos que foi cultivado de maneira ecolóxica, isto quere dicer que durante o seu ciclo de crecemento non se usaron  fertilizantes, praguicidas, nin se consumiu demasiada auga. A industria do cultivo de árbores de Nadal estima que por cada árbore cortada, seméntanse outros tres (dato que non está contrastado).

De todas maneiras, utilizar unha árbore nada no bosque (e máis aínda se se tala para iso) como árbore de Nadal caseiro, é unha acción anti-ecolóxica que atenta contra o ecosistema, pois a devandita árbore prové albergue a moitas especies como paxariños e insectos. Non paga a pena facelo por dispoñer dun enfeite no fogar por uns poucos días...Hai moitas persoas que escollen artificiais no canto de árbores naturais xa que estes veñen practicamente listos, decorados e iluminados; mesmo hainos con lámpadas LED. Un dos beneficios das árbores artificiais é que poden durar máis de 10 anos e poden gardarse e reutilizarse ano tras ano. Porén, malia que poderemos utilizar o mesmo árbore durante varios anos os impactos relacionados coa súa fabricación son demasiado importantes e, lamentablemente, trátase de impactos nocivos xa que entre os materiais que se requiren para a súa elaboración están os plásticos, PVC (policloruro de vinilo) e aluminio, en cuxa produción e procesamento consumen gran cantidade de recursos naturais e xeran gran cantidade de residuos e contaminación.

Respecto dos xoguetes é bo que se reutilicen e intercambien e para poder reutilizalos é preciso que os cativos coiden as cousas

Respecto dos xoguetes é bo que se reutilicen e intercambien e para poder reutilizalos é preciso que os cativos coiden as cousas. Deben ser conscientes de que teñen un custo e que eles, os seus irmáns ou amigos poden gozar deles máis tempo, sen que sexa necesario estrear cada certo tempo. Con este esforzo inculcaremos nos nosos fillos valores como a solidariedade, a responsabilidade e a xenerosidade.

Un feito repetidamente demostrado que se produce en calquera compra é que o prezo dun mesmo produto pode oscilar notablemente en función do comercio onde se adquira. Por iso, é preciso comparar prezos antes de efectuar a compra optando por aqueles comercios que teñan mellores ofertas. As diferenzas poden ser significativas. Calquera acto de consumo non debe procurar só a satisfacción dunha necesidade, senón que ten que implicar unha colaboración nos procesos económicos, medioambientais e sociais que posibiliten o ben ou produto consumido. Por iso afirmo que debería terse en conta, no momento de elixir entre as opcións dispoñibles no mercado, as que menos repercusións negativas teñan.

Como salienta a autora e activista Esther Vivas : “como consumidores podemos optar por facer un consumo responsábel, comprar nos mercados locais e nas tendas de barrio, pero máis aló da nosa opción individual é moi importante actuar colectivamente implicándonos en campañas de boicot e participando en cooperativas de consumidores de produtos ecolóxicos que establecen relacións de compra directas cos productores da súa contorna. Asemade é necesario traballar en campañas máis amplas como no movemento altermundialista, ecoloxista, feminista...nunha perspectiva de loita e transformación social e política global.”

O noso esforzo de compradores responsables debe levarnos a educar tamén aos nosos fillos e a entender que o traballo que existe detrás de calquera xoguete, adorno, ou calquera outro produto debe terse realizado en condicións xustas. Así debemos rexeitar produtos nos que non queden claras as condicións de traballo nas que se fabricaron e facer especial fincapé en repudiar a explotación infantil.

Opino que, cando realicemos as nosas compras do Nadal, debemos considerar o impacto ambiental desde o punto de vista do ciclo de vida do produto, valorando os procesos de produción, transporte, distribución, consumo e residuos que deixa o devandito produto. Determinar a pegada ecolóxica que determinado estilo de vida e consumismo producen. Considerar que empresas, produtos e servizos, respectan o medio ambiente e os dereitos humanos para escollelos fronte a outros que non cumpran cos mencionados requisitos. Suscitar o tipo de comercio que se desexa favorecer e, finalmente, asegurarnos da calidade do comprado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.