Nadia

Nadia © Moncho Iglesias Míguez

Nadia é un nome común en Palestina, onde significa anunciadora ou persoa que chama

Nadia é un nome común en Palestina, onde significa anunciadora ou persoa que chama. A súa raíz fai pensar no optimismo dun comezo esperanzador e serve de inspiración e guía cara a unha boa nova que berra por nós. Aínda que non hai ningunha Nadia famosa que mudase grandes momentos da vida, existen mulleres así chamadas que si serviron de inspiración e son baluarte dunha Palestina construída con moita fama, mais tamén con moito silencio. A xenerosidade do nome, con sona ou non, entronca coa fecunda terra Palestina, berce ás veces silandeiro de diferentes pobos que nela creceron e anunciaron historias que cambiaron o mundo dende que sabemos del e empezamos a nomealo.

Heródoto, no século v a.C., foi o primeiro historiador en describir Palaistinê, como unha rexión multiconfesional entre Fenicia e Exipto. Mais é posible topar o actual nome de Palestina catro séculos antes, en inscricións cuneiformes en táboas de arxila, nas que é posible ler: Palashtu, Palastu ou Pilistu. Variantes desta repítense na literatura clásica grega e latina, como na Ars Amatoria de Ovidio, na que se menciona a festa dos setes días que practicaban os sirios de Palestina, ou na Silvae de Publio Papinio Estacio, ao facer referencia aos viños palestinos. Con todo, os escritos biblistas colonialistas rebautizaron as crónicas e mudaron os discursos a prol de novos dogmas ahistóricos. 

Battir © Moncho Iglesias Míguez

Os relatos teolóxicos difiren das probas arqueolóxicas, como argumenta Zeev Herzog, profesor da Universidade de Tel Aviv, quen sostén que os israelitas nunca estiveron en Exipto nin vagaron polo deserto nin conquistaron o territorio nunha campaña militar que tampouco fixo que logo herdasen as doce tribos de Israel

Os relatos teolóxicos difiren das probas arqueolóxicas, como argumenta Zeev Herzog, profesor da Universidade de Tel Aviv, quen sostén que os israelitas nunca estiveron en Exipto nin vagaron polo deserto nin conquistaron o territorio nunha campaña militar que tampouco fixo que logo herdasen as doce tribos de Israel. Así a todo, o discurso da descendencia de Xacob, quen loitou con Deus e os homes, Israel, conquistou o imaxinario do século xx e grazas a el, o sionismo tivo un nome para o estado creado en 1948; a data que serviu de colofón á Declaración Balfour de 1917 ou á publicación do Libro Branco de 1939. Co primeiro xustificábase a creación dun fogar nacional para o pobo xudeu; co outro, limitábase a inmigración ilegal a Palestina, pero radicalizábase a loita contra a administración británica.

Seica é en Palestina onde se concentran os lugares do mundo que levan máis tempo habitados. Quer segundo datos arqueolóxicos, quer segundo escritos relixiosos, cidades como Hebrón ou Xericó dominan a devandita clasificación de cifras outrora concentradas en vítimas. De feito, a primeira destas urbes está disputada pola fe, ao toparse nela a tumba de tres parellas importantes para as tres grandes relixións monoteístas: Abraham e Sara, Isaac e Rebeca e Xacob e Lea. Amais, a tradición xudaica sitúa nese mesmo enclave a cova de Macpelá, onde están enterrados Eva e Adán. A outra cidade, Xericó, é un oasis a carón do Mar Morto e do río Xordán, un manancial que acubillou peregrinacións de comerciantes dende o inicio dos tempos, o que levou a que se convertese na primeira cidade amurallada da Terra.

Hai outras urbes, como Belén e Xerusalén, centros neurálxicos da actualidade dos últimos vinte séculos, que aumentan a concentración de persoas sobranceiras na histórica Palestina. A fe e a arqueoloxía defenden que as pegadas de Xesús de Nazaret están impresas en cada recuncho destas cidades. En Belén naceu e en Xerusalén morreu, e arredor destes momentos semellan agromar eventos e festexos, amais de construcións e, derredor de todas estas, destrucións. Valla de exemplo a demolición do Segundo Templo, o de Herodes, no ano 70 d.C., durante a gran revolta xudía contra o imperio romano. Cómpre lembrar tamén outro asedio: o da Igrexa da Natividade, en Belén, no 2002, o cal provocou a fuxida de parte da poboación autóctona, como no outro conflito, aínda que con imperios diferentes.

Do Segundo Templo só se conserva parte da plataforma sobre a que se asentou o edificio relixioso que na actualidade representa o lugar máis sagrado para o xudaísmo: o Muro das Lamentacións. O feito de ser este o sitio máis próximo ao sagrado fai que sexa tamén o máis propenso a altercados, xa que no Monte do Templo está a mesquita de Al-Aqsa, dende a que os musulmáns cren que o profeta Mahoma ascendeu ao ceo. De aí que a zona adoite ser un fervedoiro de fes e movementos políticos e que se coñeza como o punto de ignición da Segunda Intifada, a de Al-Aqsa, no ano 2000. Daquela, o líder da oposición israelí, Ariel Sharon, visitou a explanada das mesquitas, nun acto provocador que desencadeou disturbios que enseguida excederon os límites de Xerusalén.

Praza do Pesebre, Belén © Moncho Iglesias Míguez

O exilio é a quintaesencia de Palestina dende o século xx. Xa hai cen anos, boa parte da poboación dos arredores de Belén abandonou o territorio para establecerse en diferentes países do mundo

A Igrexa da Natividade é unha construción que acubilla a espenuca na que se cre que naceu Xesús. Permanece case intacta dende a reconstrución que levou a cabo Xustiano i, no século vi, sobre a destruída basílica do século iv, iniciativa de Constantino o Grande, fillo de Santa Helena. Custodiada polas igrexas ortodoxa grega, católica romana e apostólica armenia, é máis ca unha edificación relixiosa, pois os mosaicos ou a cova de San Xerome, onde traballou na primeira tradución da Biblia ao latín, a Vulgata, son pezas de museo. Amais, serviu de refuxio para unhas duascentas persoas durante a Operación Escudo Defensivo en 2002. Xacando, a ofensiva militar rematou tras 39 días, con varias persoas mortas e exiliadas.

O exilio é a quintaesencia de Palestina dende o século xx. Xa hai cen anos, boa parte da poboación dos arredores de Belén abandonou o territorio para establecerse en diferentes países do mundo, como en Chile, onde crearon un equipo de fútbol que conserva o espírito deses primeiros emigrantes: o Palestino. Esas vagas de desprazados converteron Chile nun dos países con máis descendentes de Palestina no mundo. Calcúlase que hai medio millón, entre eles Vera Baboun, alcaldesa de Belén entre 2012 e 2017, e embaixadora de Palestina en Chile dende 2022. E aínda que as cifras amosen que hai máis xente de Beit Lehem (Belén), Beit Yala e Beit Sahour fóra, nestes tres núcleos urbanos conectados continúan a vivir moitas outras persoas: arredor de 60.000, algunha delas co nome de Nadia.

Beit Yala significa alfombra verde, pois está nun outeiro cuberto de oliveiras e viñedos, nun dos cumios de Palestina: o Everest, de case 1000 metros. Moi preto desa cima dende a que é posible contemplar Xerusalén vive unha Nadia: Nadia Docmac

Neste triángulo cristián conviven diferentes igrexas e mesquitas. De feito, o centro neurálxico, a Praza do Presebe, está rodeado de edificios emblemáticos, entre os que destacan o concello e mais a Igrexa da Natividade e a Mesquita de Omar, unha fronte a outra, como símbolo de coexistencia e respecto. E entre as rúas que separa a dolomita, a pedra de Xerusalén, os camiños levan ben a Beit Sahour ben a Beit Yala, nun histórico mapa empedrado entre outeiros e desertos, oliveiras e amendoeiras.

A orixe da palabra Belén, Beit Lehem, ten raíces no arameo ou no hebreo, cuxo significado é casa do pan, o que fai pensar na importancia dos cereais dende hai séculos. Amais diso, nun sentido metafórico fai referencia a Xesús, como pan de vida, e segundo unha posible orixe árabe significaría casa de carne. En canto a Beit Sahour, semella provir do arameo, en alusión ás moitas covas que servían de recollemento para os pegureiros que pastoreaban durante o día. Por último, Beit Yala significa alfombra verde, pois está nun outeiro cuberto de oliveiras e viñedos, nun dos cumios de Palestina: o Everest, de case 1000 metros.

Beit Yala © Moncho Iglesias Míguez

Todo mudou dende o 48. O pai tivo que deixar o traballo preto da actual Tel Aviv e a nai, enfermeira, dedicouse a coidar e tratar xente que ía á casa

Moi preto desa cima dende a que é posible contemplar Xerusalén vive unha Nadia: Nadia Docmac. Esta naceu en Beit Yala o 16 de decembro de 1939, como demostra o seu libro de nacemento, no que figuran tamén os nomes da mamá, do papá e das dúas irmás e dous irmás que tivo. Ela lembra a infancia na súa vila natal con nostalxia, con moita xente que logo marchou e outra nova que chegou, por mor da Nakba, en 1948, desprazada das zonas bombardeadas. De feito, a propia Beit Yala sufriu bombardeos constantes que Nadia, unha nena daquela, padeceu ata o punto de naturalizalos: «era pequeniña, mais lembro que nos deron as vacacións de verán por tres meses. Logo volvemos á escola, o 1 de setembro de 1948».

Nese tempo, os autobuses que ían de Beit Yala a Xerusalén facían o camiño con asiduidade. Había xente que incluso pasaba dun lugar a outro a pé e durante moitos anos as carnicerías de Beit Yala eran un atractivo turístico e gastronómico máis para a xente do outro lado. Así a todo, Nadia recorda que durante unha desas visitas a Xerusalén, as bombas comezaron a caer no autobús no que viaxaban: «Dixéronnos que non fixésemos ruído e así pararían as bombas. Entón fomos á casa do meu tío pola Porta de Damasco. E que pasou? Volveron bombardear Xerusalén Oriental, a que era capital de Palestina, sendo Xerusalén unha soa, unida.» Aínda que trataron de animala e de que non tivese medo, era unha cativa e por iso lembra con pavor eses instantes eternos, como cando entraron na oficina do pai, que traballaba como tradutor do árabe ao inglés, ou como durante un tempo quedaron sen electricidade e tiveron que se valer do lume que facían fóra da casa para cociñar.

Nadia © Moncho Iglesias Míguez

O arrecendo do lar chega ata os balcóns da casa de Nadia, que poden confundirse coas terrazas de Battir e parecen unha prolongación do muro de separación, un burka de cemento que a afasta de Beit Yala al-Fauqa, hoxe o barrio hierosolimitano de Giló, onde ata 1967 había cultivos e terras de propietarios con nome propio, como o é o Mosteiro Ortodoxo grego de Mar Elías

Todo mudou dende o 48. O pai tivo que deixar o traballo preto da actual Tel Aviv e a nai, enfermeira, dedicouse a coidar e tratar xente que ía á casa. Como non había traballo, todo era moi barato, pois a xente comía do que cultivaba e traballaba: «por exemplo, agora un quilo de carne custa 100 shekels [uns 25 euros], ás veces 120; mentres daquela un quilo non era máis duns 3-5 arus [moeda na que se dividía a libra palestina durante o Mandato Británico].» E aínda así, Nadia puido estudar e unha vez graduada comezou a traballar como mestra, seis anos na primeira escola e outros 40 despois, na luterana. Entón comezou a dar clases particulares na casa, onde recibiu moitos estranxeiros durante un tempo, algo que agora non lle dá de comer, pois non hai xente para as pasantías nin á que ofrecer algunha das lamberetadas que sempre garda na cociña: un té con maramieh, xarxa; un café con cardamomo; unha limoada fresca e natural cunhas follas de na’na, menta; ou un pastel acabado de sacar do forno.

Beit Yala © Moncho Iglesias Míguez

Nadia, como Palestina, é unha casa sempre chea de xente. Ambas permanecen enraizadas na esperanza de que a aprendizaxe ha darnos máis momentos de felicidade e permitirá manter os nomes propios. Malia non seren sinónimos, remiten á mesma idea de paz e xustiza

O arrecendo do lar chega ata os balcóns da casa de Nadia, que poden confundirse coas terrazas de Battir e parecen unha prolongación do muro de separación, un burka de cemento que a afasta de Beit Yala al-Fauqa, hoxe o barrio hierosolimitano de Giló, onde ata 1967 había cultivos e terras de propietarios con nome propio, como o é o Mosteiro Ortodoxo grego de Mar Elías. A casa, como Nadia, segue en pé, a dar fe da existencia dun pobo e dun lugar, fieis ao que o nome de Palestina significa, por moito que a historia se empeñe en trocar os nomes por adxectivos e, no proceso, argumenta o poeta Mohamed el-Kurd, «despoxalos de millóns de capas de significado. Talvez sexa iso a vida despois da morte. O derradeiro destino de cadaquén é que o seu nome, ao final, signifique unha soa cousa, que a súa complexa vida se converta nun simple punto na memoria da xente.» 

Nadia, como Palestina, é unha casa sempre chea de xente. Ambas permanecen enraizadas na esperanza de que a aprendizaxe ha darnos máis momentos de felicidade e permitirá manter os nomes propios. Malia non seren sinónimos, remiten á mesma idea de paz e xustiza, e ao observarmos as súas pegadas podemos descubrir historias paralelas, eventos que levou o vento e gardou a terra, e instantes que recollen imaxes como as que Nadia mima a diario coa súa mirada e coas súas mans, libres como a terra na que naceu.

Battir © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.