Nanas para adormecer unha lingua

Acción propagandística, si. Non foi outra cousa a publicitación da Cesta Benvida que, sen ser máis ca unha caixa de mostras, desde a Xunta se encargaron de que se comparase coa caixa finlandesa. Esa coa que no país nórdico se garanten sustento e abrigo básico para os primeiros meses de vida e que, ademais, vai acompañada de axudas sociais e económicas ata a maioría de idade. 

A medida con que desde a Xunta quixeron comezar a campaña electoral pronto foi desenmascarada en reportaxes coma a que fixo Praza ou, sobre todo, cando a xente comezou a ver que en realidade consistía nunha camisola, unha manta, un libro e algúns produtos de propaganda (un par de cueiros, unha colonia e pouca cousa máis). Aínda que é ben certo que iso abondou para entrevista a beneficiaria en portada no medio escrito de maior difusión. Titular: “A caixa finlandesa está ben chula, vén cun pouco de todo, polo menos é algo”. Xa está. Traballo feito. Obxectivo cumprido.

Algo. Só algo. Pero cando menos esperariamos un algo que non fose contraditorio coa responsabilidade que a Xunta ten de poñer en valor o propio

Mais, nese “polo menos é algo” caín tamén eu cando lin nas redes sociais do secretario xeral de política lingüística -en plena e activa campaña electoral do PP- que “todos os bebés que nazan a partir de agosto recibirán unha caixa con agasallos en galego”, o que se concretaba na prensa en “un cedé de nanas cantadas en galego e un libro tamén escrito no idioma propio da comunidade”. E quixen ver unha mínima oportunidade onde pouco se podía rañar. Polo menos todas as persoas que acababan de ter un bebé poderían coñecer algúns cantos de berce na nosa lingua, algo ben interesante para o comezo da transmisión lingüística a través da música, do cariño, do afecto... Pouca cousa, si, que xa sabemos que para incentivar e contribuír á socialización da infancia en galego está ese tal proxecto Apego que, sen ningún tipo de apoio supramunicipal, desenvolven cooperativamente 23 concellos. Agora ben, esoutra cousa da Xunta “polo menos é algo”.

Algo. Só algo. Pero cando menos esperariamos un algo que non fose contraditorio coa responsabilidade que a Xunta ten de poñer en valor o propio. Que fose minimamente acorde co Plan xeral de normalización da lingua galega. Que non botase por terra as escasas, illadas e raquíticas iniciativas de dinamización do galego da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Un algo que, como mínimo, non contribuíse a diminuír a ínfima porcentaxe de falantes da nosa lingua na primeira infancia, que non chega ao 10%.

Os títulos das cancións da Cesta Benvida son: “Nana para Xacobe y Roque”, “Nana de los peques”, “Apagando la luz”, “Vals de Vilanova dos Infantes (arreglo)” e “Por si nos despertamos”

Pero non. E un que é inocentón ten por castigo que lle quede cara de pasmón cando ve que o obxectivo aínda debe ser esmagar ese 10% que, eu que sei!, será moito. Demasiado galego. Que nin sequera para a música lles quede!

Os títulos das cinco cancións dos CD de nanas que van na Cesta Benvida son: “Nana para Xacobe y Roque”, “Nana de los peques”, “Apagando la luz”, “Vals de Vilanova dos Infantes (arreglo)” e “Por si nos despertamos”. Así, tal cal.

Mentira e borrado do propio como folla de ruta. Nanas para adormecer unha lingua. O moito que din cun simple CD e a responsabilidade de evitarmos que o poidan seguir a facer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.