Nas xerfas da Marea

Define o Gran Xerais a palabra xerfa como a "superficie escumosa que se estende no mar inmediato á costa, producida polo bater das ondas contra as rochas". Estamos agora aboiando nas xerfas, tralo subidón da Marea que se manifestou o pasado 20D contra as mafias da corrupción e a esquilma sen taxa.

A coalición EN MAREA obtivo uns excelentes resultados que ninguén (asisado) se atreveu a negar, e mesmo hai indicios razoables de que poderán mellorarse nas próximas eleccións ao Parlamentiño. Unha das encomendas será precisamente darlle neste ano a esa institución o valor representativo e a utilidade política que agora mesmo ten só nun sentido formal.

Pero tanto os alentadores apoios sociais recibidos por EN MAREA como as expectativas que se abren, están provocando xa múltiples reaccións e posicionamentos. O PP, ben seguro, ha poñer a súa quincalla clientelar a toda máquina pra evitar a perda da maioría absoluta e a súa expulsión do goberno da Xunta. O PSOE en Galicia semella máis ca nada un corpo aterido e sen rumbo, camiño de confirmarse como terceira forza e mesmo chegar a caer por debaixo do 20%.

Podemos Galicia comezou a dar síntomas de certa tensión interna entre dous polos cuxas diferenzas se mantiñan en estado latente. Por unha banda (minoritaria), a dos que pensan que Podemos debe actuar en Galicia exactamente igual ca en Guadalajara, recean da esquerda nacionalista e discuten a conveniencia de continuar coaligados dentro de EN MAREA. E pola outra (maioritaria), a dos que entenden que o camiño da confluencia é o correcto, non contravén os postulados esenciais de Podemos e garante as mellores condicións pra acometer a misión principal, ou sexa, vencer a Feixóo, Rueda e Baltar de forma rotunda.

No BNG comezan a cristalizar poscións e a facerse visibles as discrepancias. O colectivo Abrente, Aymerich, Vence e os camilistas, inclínanse agora a prol dos cambios sociopolíticos que calquera que tivese a cabeza fóra da tobeira podía ter percibido hai meses ou mesmo anos. Reclaman, non foi sen tempo, un auténtico aggiornamento do BNG e avogan pola confluencia coas Mareas.

A UPG, coa súa dirección case intacta dende 1976, amósase disposta pra entrar na marxinalidade. E faino sobre dúas conviccións politicamente estériles. Primeira: que as eleccións e polo tanto a representacións nas institucións carecen de importancia, pois a visión resésiga da sociedade galega que a UPG defende non precisa de respaldo maioritario (nin, xa postos, de ningún respaldo significativo). Segunda: que a confluencia coas forzas federalistas supón traizoar o ideario do nacionalismo. E pra iso non dubidan en cuestionar a Castelao e Bóveda por ter levado o Partido Galeguista en 1933 á unidade da esquerda na Fronte Popular contra o fascismo.

Mentres tanto, dende as Mareas vanse dando pasos pra o artellamento dunha Marea Galega que teña cabeza, corpo e extremidades. Tentouse xa antes das municipais, pero non callou, ou quizais non houbo vontade pra que callase. Medio se volveu tentar sen folgos de cara ás eleccións xerais. Esa indeterminación ou incapacidade deu lugar e sentido transitorio ás convocatorias do chamado Encontro por unha Marea Galega, que tampouco logrou os seus obxectivos e foi superado polos acontecementos.

A Marea Atlántica tomou agora a iniciativa e convocou o pasado 16 de xaneiro na Estrada a gran parte das Mareas de toda Galicia. Alí puidemos participar unha vez máis nas novas dinámicas de comunicación política que a xente da Atlántica domina con soltura. Todo o mundo tivo ocasión de intervir e as propostas das persoas asistentes foron recollidas metodicamente ao cabo da xornada.

As Mareas representadas na xuntanza da Estrada queren:

Que a esquerda rupturista (sen distinción) se una por abaixo pra vencer a dereita en Galicia. Que se aproveite con intelixencia o camiño andado. Que os partidos dean un paso atrás pra facilitar a creación da Marea Galega. Que o proceso arranque sobre a base das Mareas municipalistas. Que o poder das asembleas e a democracia horizontal sexan incuestionables. Que a Marea se organice e coordine a nivel de Galicia, con continuidade e transparencia. Que se elabore un programa de cambio rupturista implicando a cidadanía. Que a nova política se feminice mediante a participación e a igualdade real. Que se convoquen primarias abertas de cara ás autonómicas. Que a Marea se espalle e consolide en todas as comarcas do país a partir das asembleas xa activas na vilas e cidades. E que todo se faga sen dar moitos arrodeos, pois a conta atrás xa comezou.

Queren, queremos todo iso, e temos o apoio explícito de máis de 400.000 persoas. Volvelo deixar esmorecer pra logo criticar os acordos entre as cúpulas dos partidos sería un acto fallido imperdoable. As oportunidades históricas non se presentan acotío. E a dereita traballa sen descanso, coma sempre, pra facernos máis pobres e infelices.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.