NCG Banco, La Voz e Cataluña como medida de todos os males

Do máis surrealista que puiden ler nos últimos meses teño que confesar que gaña con creces a nova coa que nos deleitaba esta semana La Voz de Galicia sobre unhas presuntas presións políticas da Generalitat para a venda de NCG Banco a La Caixa, “a cambio de paz” política para Rajoy. Só dende unha paranoia anticatalanista e provinciana se pode chegar a facer crer que o presidente Artur Mas estaría disposto a renunciar á maior aposta política que o pobo catalán fixo en tempos contemporáneos, para que La Caixa se fixera co control das nosas antigas caixas. Es que nos tienen manía.

Non é nada novo na liña editorial do diario coruñés botar a culpa aos gobernos nacionalistas cataláns dos males de Galicia, con non pouco éxito de audencia, todo hai que dicilo

Non é nada novo na liña editorial do diario coruñés botar a culpa aos gobernos nacionalistas cataláns dos males de Galicia, con non pouco éxito de audencia, todo hai que dicilo. Contrasta esta postura, ás veces tan descarada e surrealista, coa bondade ou no mellor dos casos indiferenza coa que se trata dende este xornal e en xeral dende as elites dominantes autóctonas a concentración de poder económico e político na capital madrileña. Para mostra a nova que saíu tamén vai pouco tempo en La Voz co titular de “Los bancos con sede en Barcelona y Madrid concentran el 85 % del negocio”.

Pasa no sector financeiro e pasa en moitos outros grandes sectores, en moitos casos fortemente regulados, que acaban pasando á órbita de poder madrileña e onde só Cataluña e en menor medida Euskadi, actúan como contrapeso ás forzas centrípetas

Había que ler a letra miúda para ver como Madrid é quen realmente concentra o negocio bancario en España, con máis do 60% do total, o cal non se corresponde co seu peso económico nin de lonxe, e que foi este territorio o principal beneficiado do proceso de reestruturación que se produciu nos últimos 4 anos no sistema financeiro español. Pasa no sector financeiro e pasa en moitos outros grandes sectores, en moitos casos fortemente regulados, que acaban pasando á órbita de poder madrileña e onde só Cataluña e en menor medida Euskadi, actúan como contrapeso ás forzas centrípetas.

As elites galegas estiveron historicamente e seguen a estar aliñadas co poder centralista madrileño, o cal constitúe sen dúbida un dos grandes lastres deste país

As elites galegas estiveron historicamente e seguen a estar aliñadas co poder centralista madrileño, o cal constitúe sen dúbida un dos grandes lastres deste país e que non só leva ao absurdo de defender dende a periferia posicións centralistas senón que remata por fagocitalas a elas mesmas. Non coñecemos cal vai ser o resultado da acelerada venda de NCG Banco e mesmo podería darse a negativa circunstancia de que rematara en mans de La Caixa. Hai que traballar para que non sexa así e que se impoña a lóxica do plan Castellano, que garante que Galicia siga a ter a súa entidade de referencia e que pasa, digámolo claro, porque NCG Banco non caia en mans de ningún outro banco español. Mais, pase o que pase, non esquezamos que Bankia seguirá a ser sistémica e madrileña, e nós seguiremos a velas vir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.