Necesidade urxente de mudar o rumbo

“É evidente que cando se lle dá ás forzas do mercado máis e máis liberdade unha pequena minoría colleita enormes beneficios mentres que a maioría enfróntase co deterioro das condicións do traballo, a inseguridade social e o desemprego. Polo tanto na sociedade, a elevación excesiva dos poucos é á custa da privación dos moitos”.

Lembrei esta cita de Katarina Apelqvist, cooperativista e feminista sueca que presidiu o comité das mulleres na Alianza Cooperativa Internacional, cando hai unhas semanas lía a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia do ano 2015 editada polo Consello Económico e Social. Neste documento destacaba, máis alá de pequenos datos positivos, o progresivo aumento da desigualdade no noso país: unha de cada catro persoas encóntrase en risco de pobreza ou exclusión social. A perda continua de poboación, producida en grande medida pola emigración, sobre todo de xente nova, e o consecuente envellecemento da poboación. Velaís dous dos retos máis preocupantes aos que nos enfrontamos como pobo.

Aos poucos días de se presentar a memoria do CES publícase a Enquisa de Poboación Activa correspondente ao segundo trimestre de 2016. Neste período en Galicia existen máis de 37.700 fogares sen ningún tipo de ingresos o que supón o dobre que no ano 2007. Un dato que, pese a non nos sorprender ás persoas que traballamos a pé de rúa, amosa con toda a crueldade a situación á que chegamos. Esta situación é produto do paro que non ten fin, do remate das prestacións de desemprego e, sobre todo, da redución das coberturas de protección social e de non implementar medidas que axuden ás persoas a afrontar situacións desesperadas nas que unha vez que se entra é moi complicado saír.

Katarina escribiu a devandita cita hai máis de vinte anos e xa naquel momento era claro que canto máis libre mercado máis se beneficiaba a uns poucos e se empobrecía á maioría. Despois de escribir esas liñas viñeron os denominados anos de suposta bonanza, que máis ben foron de barra libre para o poder financeiro e o IBEX 35, porque para as xentes do común non significaron máis que ter traballo e unha hipoteca para toda a vida, no mellor dos casos. E parecía que o mercado funcionaba. A miraxe, daquilo que din que existiu, rematou e chegou o “crash”, a crise, a grande depresión, denomínese como se queira, o que para moitas de nós foi e é desemprego, máis precariedade, emigración, desafiuzamentos, pobreza, exclusión…

Son necesarias institucións valentes que non se deixen gobernar polas forzas dos mercados e que se poñan xa ao servizo das persoas que verdadeiramente as precisan para, así, arrombarmos definitivamente coas políticas que o único que conseguen, como dicía Katarina, é a elevación excesiva duns poucos á custa da privación dos moitos.

Falouse entón de reformulación do modelo económico mais as solucións dadas dende os gobernos foron vellas coñecidas aplicadas con máis dureza que nunca materializadas en recortes, eliminación de dereitos e o empeoramento dos servizos públicos ou o que é o mesmo: seguir empoderando aos mercados. As consecuencias están aquí e descritas por organismos nada sospeitosos de alarmar socialmente: a desigualdade social medra máis do que nunca o fixo e, por primeira vez, o emprego non é garante de saír do círculo da pobreza e a exclusión.

Fica claro que as cousas non varían vinte anos despois e que as receitas empregadas nos noventa teñen os mesmos resultados no 2016. Precisamos polo tanto mudar o rumbo con urxencia, rectificar o feito até o de agora e pór freo ao aumento da desigualdade para así deixar de afondar nesta sociedade que está esquecendo a moita da nosa xente. Precísanse políticas para o 99% que poñan ás persoas no centro dos seus intereses e que polo tanto axuden a camiñar cara unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e que elimine definitivamente os privilexios duns poucos. Son necesarias institucións valentes que non se deixen gobernar polas forzas dos mercados e que se poñan xa ao servizo das persoas que verdadeiramente as precisan para, así, arrombarmos definitivamente coas políticas que o único que conseguen, como dicía Katarina, é a elevación excesiva duns poucos á custa da privación dos moitos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.