Cando nos anos 80 do século pasado o neoliberalismo, ou capitalismo neoliberal, pasou a ofensiva esta non se circunscribiu exclusivamente a esfera económica senón que puxo o foco nos eidos políticos, sociais, sindicais e culturais
Cando nos anos 80 do século pasado o neoliberalismo, ou capitalismo neoliberal, pasou a ofensiva esta non se circunscribiu exclusivamente a esfera económica senón que puxo o foco nos eidos políticos, sociais, sindicais e culturais. Se no eido económico os obxectivos foron liberalizar, desregular e privatizar no resto foron a eliminación de todas aquelas regulacións e prácticas que caracterizaban as democracias avanzadas poñendo un aceno especial na redución do poder do movemento sindical e dos partidos das esquerdas.
O novo modelo de acumulación
O novo modelo de acumulación esixía unha total liberdade de movementos do capital para así conseguila buscada e necesaria concentración que demanda unha mundialización capitalista neoliberal. Un sistema que está conducindo a maior concentración de riqueza e renda xamais coñecida, cando menos, a ámbolos dous lados do Atlántico. Unha concentración de riqueza que se ve favorecida polo enorme auxe do capital financeiro, maiormente especulativo, que pasou a seren hexemónico e que, compre subliñalo, ten no segredo e na falta de control as bases do seu éxito.
O novo modelo de acumulación esixía unha total liberdade de movementos do capital para así conseguila buscada e necesaria concentración que demanda unha mundialización capitalista neoliberal
Unha concentración de riqueza que se apoia nunha redución dos soldos e os salarios reais, un desmantelamento do publico, con especial acento nas funcións de benestar, unha rebaixa fiscal concentrada nas rendas e patrimonios mais altos. Unha concentración de riqueza tal que cada día que pasa resulta mais incompatible coa democracia algo que estes últimos anos estamos comprobando cando algúns grupos sociais teñen adquirido un poder tan grande que non admite límites nin regras e que para asegurar a súa propia supervivencia precisan de percorrer cada vez mais a políticas autoritarias.
Os custos do triunfo neoliberal
Centrándonos nisto último, a estas alturas xa non debera quedar dúbidas de que para o triunfo do neoliberalismo foi necesaria a derrota dos partidos de esquerdas e do movemento sindical quen, con maior ou menos intensidade, cuestionaban a novo modelo de acumulación. Unha derrota que se estendeu tanto no terreo sociolaboral como político e tamén ideolóxico.
No terreo político esta derrota afectou tanto a familia comunista (coincidindo coa caída do muro de Berlín) como posteriormente a socialdemocracia (coa aparición das chamadas terceiras vías que, como acertadamente as definiu Eric Hobsbwan, eran vías mortas). No sociolaboral provocou a mingua do papel intermediario do movemento sindical (mediante a aprobación de medidas laborais que debilitaron a negociación colectiva e restaron protagonismo aos sindicatos nas empresas e nas administracións públicas). No espazo cultural esta derrota veuse acompañada polo impulso ás iniciativas individuais e insolidarias quen se viron favorecidas e estimuladas polo forte avance das novas tecnoloxías (INTERNET.....).
Derrotas que levaron aparelladas o desmantelamento do estado social e de dereito que caracterizara a Occidente nas décadas posteriores a II guerra mundial. Un modelo de estado que está sendo substituído por outro de carácter claramente autoritario e escasamente democrático pero que garanta unha distribución da rendas e patrimonios enormemente desigual que é unha característica do novo modelo de acumulación. Un reparto que favorece ao capital financeiro a quen lle estorban unha democracia con partidos e sindicatos de esquerdas, con políticas fiscais redistributivas que combatan a desigualdade, con pactos de rendas e con estados de benestar.
O neoliberalismo provoca desafección cidadán
O neoliberalismo non so trouxo unha captación do estado polo capital financeiro senón a dunha clase política vinculada a partidos que dependen financeiramente dos bancos o que supón que nunca porán en cuestión o poder dos mesmos. Esta instrumentalización que tamén se da na maioría dos grandes medios de comunicación e opinión está favorecendo unha moi preocupante fractura social por que a cidadanía xa non confía en que os partidos tradicionais lles ofrezan solucións aos seus problemas pero tampouco se fía dos medios de comunicación e opinión tradicionais. Velaí que non poucos busquen outros partidos e outros medios que, en moitos casos, se sitúan no populismo e na extrema dereita.
Así agora asistimos ao aparente paradoxo de que si no mundo hai seguramente mais réximes democráticos que nunca poucas veces houbo tal descontento cidadán con esta democracia como mostran os elevados índices de abstención nas distintas convocatorias electorais e a xa citada desafección cos partidos tradicionais. Desafección que pon en evidencia un indiscutible rechazo ao funcionamento actual da democracia que non a democracia. Velaí o citado paradoxo da actualidade: cando hai mais democracias no mundo tamén é cando hai mais desafección e desconfianza cidadán no sistema.
O neoliberalismo favorece os totalitarismos
Fronte a esta ofensiva neoliberal, fronte a esta enorme concentración de poder, a única resposta, a única forza que pode mudalo rumbo das cousas é a mobilización social e a desobediencia civil, en definitiva a forza da xente
Agora estamos vendo como os “novos amos do mundo” refugan dunha democracia que, por caso, persiga a fraude fiscal, procure unha mais xusta redistribución das rendas, turre polo público e o benestar, se preocupe dos menos favorecidos, poña límites e fronteiras aos movementos de capital, se preocupe polo medio ambiente, estimule o aforro e o investimento produtivo. Por que os obxectivos que perseguen tales como unha intensiva explotación dos recursos naturais, un brutal desequilibrio de rendas, un crecemento imparable das desigualdades e da pobreza non se poden acadar sen un paralelo deterioro das democracias e dos seus contrapoderes. Porque para asegurarse este dominio, esta hexemonía expansionista, “os novos amos do mundo” precisan acudir cada vez mais a prácticas autoritarias.
Velaí que o auxe da mundialización capitalista neoliberal camiñe paralelo ao dos totalitarismos, Unha dinámica que agora coa policrise se acentúa e se manifesta no forte ascenso das forzas de extrema dereita en practicamente todo o Occidente como no ano que ven de pasar (2024) puidemos, por caso, comprobar coas eleccións parlamentarias europeas e as presidencias estadounidenses entre outras.
A imprescindible mobilización social
Fronte a esta ofensiva neoliberal, fronte a esta enorme concentración de poder, a única resposta, a única forza que pode mudalo rumbo das cousas é a mobilización social e a desobediencia civil, en definitiva a forza da xente. A historia nos ten demostrado abondo que cando nin os Gobernos nin os Parlamentos son quen de mudar estas derivas totalitarias e inxustas, cando as esquerdas renuncian a defender a liberdade, a democracia, a xustiza social, e igualdade de oportunidades, os dereitos humanos e a paz, a única forza que pode cambialo rumbo é a mobilización social, o poder popular pacífico e democrático.