O realmente relevante desta operación é que Netflix abre as hostilidades nas streaming wars que levaban anos nunha especie de guerra fría. A importancia do movemento é dupla: Netflix medra de súpeto un vinte e cinco por cento, absorbe a un competidor e colle distancia en tamaño económico e subscritores cos competidores e, ademais, impide a compra por outras corporacións que son rivais directas
Na sexta feira da pasada semana o mundo das plataformas audiovisuais recibía unha nova que, non por agardada, era menos sorprendente: o xigante Netflix sacaba o talonario para facer unha oferta polos os estudos e o catálogo de Warner Bros - Discovery, incluída a súa plataforma HBO por máis de oitenta e dous mil millóns de dólares (se o regulador o aproba, pois, malia o publicado, a compañía da gran ene vermella aínda non mercou nada).
Embora, como nos filmes de Hollywood, onte, a súa rival nesta partida de caza, a Paramount Skydance, contraatacaba cunha oferta de cento oito mil millóns de dólares. As cifras son mareantes, só por dar unha pista: a primeira oferta é máis ou menos o PIB nominal de Luxemburgo, a segunda é case o de Angola segundo o Banco Mundial (2022).
Nesta operación tamén se libra unha batalla de superricos: a empresa de Ted Sarandos gañalle a partida á Paramount Skydance de David Ellison, o fillo de Larry Ellison, propietario da tecnolóxica Oracle e, recentemente, coroado como a persoa máis rica (en cartos) do mundo.
Se algo caracteriza o novo ecosistema audiovisual baseado en plataformas é a magnitude das cifras. Segundo as propias corporacións, a nivel global Netflix rolda os trescentos millóns de subscritores e HBO anda polos cento vinte e oito. O xigante audiovisual que xorde desta adquisición será inmenso: arredor de catrocentos trinta millóns de usuarios e un catálogo que ten clásicos como Casablanca, o universo de superherois de DC Comics e algúns dos títulos máis prestixiosos da televisión estadounidense: Os Soprano, The Wire ou Xogo de Tronos, por citar só tres.
As plataformas naceron cun requisito estrutural para que o seu modelo de negocio funcione: precisan medrar en escala e, consecuentemente, tenden a converterse en monopolios. O capitalismo tende á concentración de medios e iso, raramente, trae cousas boas para os usuarios
Pero o realmente relevante desta operación é que Netflix abre as hostilidades nas streaming wars que levaban anos nunha especie de guerra fría. A importancia do movemento é dupla: Netflix medra de súpeto un vinte e cinco por cento, absorbe a un competidor e colle distancia en tamaño económico e subscritores cos competidores e, ademais, impide a compra por outras corporacións que son rivais directas.
A razón máis evidente desta xogada é que as plataformas naceron cun requisito estrutural para que o seu modelo de negocio funcione: precisan medrar en escala e, consecuentemente, tenden a converterse en monopolios. Este modelo basease, por unha banda, no evidente: producir e distribuír contido para vender subscricións e publicidade e, por outra, nunha dimensión menos visíbel pero esencial: a expropiación dos nosos datos nunha escala nunca vista que, mediante o procesamento algorítmico e a enxeñería condutual son usados para varios fins: coñecer con precisión os gustos dos clientes para segmentar mellor a publicidade, empaquetar os datos para seren vendidos a terceiros e, sobre todo, influír e modificar as preferencias do público. Si, o capitalismo de plataformas (Srnicek), dixital (Schiller), da vixilancia (Zuboff) ou o tecnofeudalismo (Durand), chámeno como queiran, hai tempo que sabe que é máis doado moldearnos o gusto para que consumamos os seus produtos que producir contidos que realmente respondan ás nosas expectativas.
O capitalismo de plataformas hai tempo que sabe que é máis doado moldearnos o gusto para que consumamos os seus produtos que producir contidos que realmente respondan ás nosas expectativas
Para alén desta nova, salvo que posúan moitas accións dalgunha destas compañías, pouco lle ha cambiar a vida no inmediato, o que nos di a experiencia é que o capitalismo tende á concentración de medios e iso, raramente, trae cousas boas para os usuarios. Haberá que agardar para saber que farán Paramount, Apple, Youtube e, sobre todo Disney e Amazon Prime Video (que hai apenas tres anos mercou a Metro Goldwyn Mayer por uns, agora ridículos, sete mil douscentos millóns de dólares).
Non obstante, gustaría de pechar este texto deitando unhas preguntas abertas: Se vamos a unha concentración sectorial mediante fusións e adquisicións que pasará cos prezos? Alguén terá que pór os dólares para pagar a festa; que pasará a nivel económico, cultural, social e político nun escenario no que dúas grandes plataformas, poñamos Netflix e Disney, monopolizan o mercado global; e nos mesmos niveis, que acontecerá cando eliminen os competidores fortes e decidan ir a polos febles, é dicir, os europeos?
Aliás, habería que preguntarse que pasará coa miríade de plataformas, como as das televisións autonómicas, paramecios en comparación con estes monstros, cando a diferencia de tamaño e capacidade sexa aínda máis descomunal do que xa é? Cando vamos repensar seriamente estes servizos? Será sostíbel e útil un sistema audiovisual europeo baseado nunha constelación de minúsculas plataformas illadas? Veremos unha gran plataforma transnacional europea capaz de rachar estas dinámicas?
A individualización das sociedades occidentais segue case imparábel e vivimos inmersos nunha verdadeira burbulla de pantallas, contido e ruído audiovisual. Fagan a súa propia enquisa entre as amizades e comproben cal é a plataforma maioritaria e cal é o modelo de audiovisual hexemónico. De seguro que lles saíran dúas respostas moi conectadas, Netflix e o cinema industrial norteamericano
Si, sei que pode soar apocalíptico, pero vaian sumando: asistimos a unha acelerada privatización da esfera pública, as corporacións públicas están sendo enfraquecidas desde posicións conservadoras/liberais mediante a manipulación e ameazadas co peche desde a ultradereita; o sector audiovisual está acelerando a súa globalización, o imperialismo económico, cultural e político volve ser o obxectivo central da administración estadounidense, que actúa como unha auténtica apisoadora, homoxeneizando culturas e impondo un marco de pensamento que prioriza criterios económicos e individuais sobre valores socioculturais e colectivos. Mentres tanto, a individualización das sociedades occidentais segue case imparábel e vivimos inmersos nunha verdadeira burbulla de pantallas, contido e ruído audiovisual.
Se non me creen, fagan a súa propia enquisa entre as amizades e comproben cal é a plataforma maioritaria e cal é o modelo de audiovisual hexemónico. De seguro que lles saíran dúas respostas moi conectadas, Netflix e o cinema industrial norteamericano.
Quo vadis Europa?