Nico Hirtt na Galiza do Rei Micomicón

Podemos convir (acordar, que sempre é un xeito prudente de comezar un artigo, malia que xa haberá tempo de que se rompa o convenio) que case ningún dos ideais históricos da esquerda arraigou nos paradigmas políticos e económicos actuais e menos inda no inconsciente colectivo (que habelo haino, xaora!) dos países occidentais durante a segunda metade do século vinte e o que vai do vinte e un, se atendemos ao esvaradío e subxectivo eido das crenzas e dos comportamentos das persoas dentro da esfera pública. Xa Lenin encallara nun mitin aló no Valadouro, a finais dos setenta, cando á acendida proclama dun político dende o palco berrando aquilo de Viva Rusia Comunista! un dos vellos do lugar retrucoulle: pero que cada un pague o seu!

Iso si, mal que ben e baixo constante ameaza dos grandes poderes neoliberais producíronse, no entanto, algúns dos sucesos que caracterizaron o avance das democracias europeas logo da II Guerra Mundial (noutras latitudes tomou o seu tempo, somos un país demorado) que non son menores: a idea do benestar social, o ensino obrigatorio ou a salvagarda da traballadora e do traballador (o da traballadora, lamentábel e obviamente é unha cortesía da escrita ben lonxe aínda da triste e inxusta realidade machista) así como no traballo, que tamén se considerou no seu momento un distintivo propio do mundo civilizado.

Mais hoxe en día, a cuestión está como está, que é un xeito elegante de dicir que está coma o carallo. Estimamos que nin os que non son de Monforte libran xa, malia o que cantaba Siniestro Total no seu día: que esta canción no te importe, no somos de Monforte;  pero a Neodereita sufrímola todas, incluído Monforte, aquí no noso país e baixo unha insoportábel variante a monte, comportamento onde non abonda xa con reproducir as directrices recibidas dende fóra, senón que incorpora graves trazos de amábel canibalismo zombi: coidar os mortos e enterrar os vivos. Tres fotos zombis para a audiencia escéptica, xa entrados en gastos: a día de hoxe tres altos cargos do Sergas enfróntanse a xuízo por lles negar os medicamentos a persoas que os precisaban para non morreren, cousa que finalmente aconteceu; desviáronse partidas orzamentarias para pagar a luz de xente sen recursos á subvención de estudos publicitarios, o que se deu en chamar historicamente propaganda; ao “sucesor” na liña de sangue do anterior presidente da Deputación de Ourense acúsaselle de pedir sexo por traballo, será por ese burning love que arden os montes atrás del cando da os mítines, ferve o ambiente coma unha pota de callos... E iso que ofrecía champaña! Que Temis abstemia sen corazón! Así calquera pode ir coa venda nos ollos termando da espada e da balanza! Mais a fin de contas, para un amante do trombón sempre é un orgullo que saia un fillo sexofonista.

Estamos inmersas no Teatro da Cultura da Dereita onde ao ver o elenco sinte un aquelo que tan ben definira o Luís de Cospeito, cando traballaba empoleirado a trinta metros do chan nunha antena de telefonía, mirou para abaixo e dixo: aflóxanselle a Cristo. Non é pra menos, no libretto están a dereita económico-política, a das finanzas, a mediática, a da maxistratura e a dos medios de comunicación, es un auténtico círculo mediático! dixera o alcalde aquel.

O telón de fondo é unha clase obreira que se eslúe a cada paso neste entroidar permanente de que falaba Bajtin. A eventualización permanente da nosa vida, as datas e as citas contribúen á falsificación da vida, isto é, a Non Vida, e por tanto aquí cobra moito sentido a actitude deste noso goberno na Xunta, a Celebración do Non Ser.

Pero este proceso está tan capilarizado que non precisamos máis que ver os medios, vivir e mirar arredor nosa; asistimos aqueloutrados a esta agonía de Ersatz, onde o mesmo vale non-vivir ca vivir, emular vale o mesmo que tentalo de verdade e por tanto o ficticio suplanta a realidade, pero hai graos: sabemos polos nosos maiores que non é o mesmo morrer de morte que de morte morrida. O ficticio e o falso eslúense, rodeados como estamos polas cámaras ubícuas do Monstro Amábel de Simone.

E se a realidade é falseada é grazas á linguaxe (abonda revisar o feliz símil d’ O Rivas falando da Neolinguaxe de Orwell, onde unha palabra significaba unha cousa e o seu contrario). E dende aquí, e xa entramos no terreo das vagas conclusións, é máis doado o acoso e derrube de eidos esenciais da vida en sociedade: os dereitos sociais, a sanidade. O ensino público.

Nico Hirtt é un teórico, físico e sindicalista belga que leva adicado moitos anos da súa vida á investigación do xeito en que a dereita neoliberal e os grandes poderes foron deturpando o verdadeiro significado das palabras na linguaxe no eido do ensino e da pedagoxía, que cristalizou na asunción por gran parte do mundo académico do discurso das competencias, a instancias da política. O ensino non é alleo a este proceso anteriormente descrito e nel teñen lugar feitos absurdos, só un trazo sintomático deste falseamento da realidade: o propio idioma do país foi desprezado sistematicamente pola Xunta de Feijoó no sistema educativo, que non ten reparo ao tempo en traer o caldo cociñado (calloubeira ou caldufada) importado dende Andalucía para ser servido nos comedores escolares. Isto si que é xiro narrativo e non Pinter!

Nico Hirtt leva anos xirando polo mundo, escribindo, divulgando e producindo discurso que poida servir de contrapeso ás constantes agresións e ameazas que acosan a escola pública dende hai xa uns anos. Este venres día 17 de marzo falará no Auditorio da Casa do Saber da USC en Lugo, dentro das I Xornadas de Debate Pedagóxico que organiza o STEG (Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino de Galiza), onde tamén estarán durante o sábado Jurjo Torres, Mini Rivas, Alexandra Cabana, Ramón Leal, Branca Guerreiro, Augusto Serrano, Olalla Rodil, Luca Chao e Luís Álvarez e a xente poderá gozar coas músicas da nosa gran cantora, a Uxía Senlle, acompañada do magnífico Sérgio Tannus.

Nunha das escenas máis memorábeis da adaptación ao galego d’A Cabeza do Dragón o Rei Micomicón manda chamar a Fierabras para que certifique se a Cabeza do Dragón é auténtica. A expectación é máxima e para saber o que acontece cando aparece, o mellor é ir velo aos teatros do noso país. Nesta primeira  e histórica adaptación do Valle Inclán ao galego, gozamos cunha lectura plena de talento do mellor Cadaval, que coma un sutil e namorado xogador de xadrez resolve cada escena con sinxeleza, recreando para o noso maxín reminiscencias do universo de Valle, da Comedia delle Arte italiana, o mundo manga e o teatro xaponés, e percibimos que o representado só é apariencia dunha linguaxe oculta adrede, que agocha un panorama máis sombrío e profundo, alí onde o teatro nos pon en contacto coas verdades da vida e aluma coa beleza do lirismo e a través do humor as sombras do camiño, e sorrimos e saímos reconciliados co mundo, preparados para repensalo. Bravo polo Quico!

Forzando un pouco a parábola e, volvendo ao eido do ensino, constitúe unha obriga ética ser quen de artellar dende posicións diversas discursos e accións que contribúan a desenmascarar os usos perniciosos da linguaxe desta dereita nosa (que máis ca neocom, parecese máis dereita neolacón, operando segundo o Principio do Pernil: comer na asadura a feito) no convencemento de que a unidade de acción a partires das reflexións compartidas é un imperativo que pode axudarnos a saír deste lameiro escuro dos tempos. Nico Hirtt está no noso país por vez primeira para falar de educación. Non sexamos indiferentes a esta circunstancia. Escoitémolo entre o ruído!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.