Conseguiuse poñer en marcha En Marea gracias a moitas persoas que traballaron arreo e amosaron unha gran xenerosidade inda que tamén, claro está, a fórmula non contenta a todo o mundo nin o proceso que nos levou a implementala. O feito de que non permitiran ter grupo propio no parlamento foi un elemento definitivamente perturbador. Agora ben, pactando o PSOE con C´s e, posiblemente, co PP, enténdese mellor o porque.
En calquera caso hoxe hai un patrimonio de incalculable valor, que se chama En Marea, construído coa ilusión de máis de 400.000 galegas.
A tarefa que hai por diante é complicada, sen dúbida. Temos un novo proceso electoral, quizais dous, en realidade, onde debemos mellorar os procesos de participación, conformación de listas e elaboración dos programas. Por iso todas as persoas e organizacións van ser precisas, sen exclusións de ningún tipo. Só a construción dunha gran intelixencia colectiva fará que se multipliquen as forzas en grado suficiente para desaloxar ao lado escuro. Imos precisar das mellores, das rebeldes competentes, en palabras de Boaventura de Sousa Santos, independentemente da súa procedencia ou adscrición, sen exclusións e, aínda así a loita vai estar difícil, máis se se consolida o tridente terminator. Por esa razón non podemos andar con xogadas tácticas nin cálculos estratéxicos entre as que debemos poñer toda a nosa intelixencia ao servizo colectivo. A honestidade e a transparencia deben guiar todos os nosos pasos, por iso a teoría de xogos entre nós non leva a ningures: competir polo trono, neste contexto, é completamente irresponsable. É, ou debera ser, o momento dos bos e xenerosos.
Polo tanto debemos coidar o que temos e facelo medrar. Creo que para iso o camiño máis apropiado é afondar precisamente no xa construído, En Marea, a través de 1.- A consecución dun regulamento de funcionamento, de participación e ético que satisfaga a todas e que, ao mesmo tempo, tampouco sexa un corsé que nos oprima ata a inacción. 2.- A adscrición persoal a En Marea superando as procedencias partidistas ou doutros colectivos, medida especialmente valiosa cando persoas de colectivos que non participaron ata agora poden ser sumadas ao motor do cambio e 3.- A celebración de primarias que nos permitan dotarnos da máxima lexitimidade interna e externa e garantir a excelencia das persoas chamadas a estar na primeira liña. 4.- E por último, pero non menos importante, debemos dotarnos dunha figura legal coa que presentarnos con garantías.
Debémosllo a máis de 400.000 persoas, debémonolo a nós mesmos.