Nin un despido na USC, ningún peche de servizos públicos

O Reitor equivócase cando en aras dunha suposta normalidade pretende ocultar a realidade aceptando os recortes no ensino superior. A universidade de Santiago de Compostela necesita un Reitor de fortes conviccións a favor dunha Universidade Pública, que sexa capaz de poñer por diante os intereses dos cidadáns fronte ás políticas destrutivas do Partido Popular. Son consciente que iso pode xerar conflitos co poder, pero o contrario é ser cómplices dunha política que acepta que foron os servizos públicos, neste caso a universidade pública, os responsables da crise, que reducindo o gasto no Ensino Superior e o I+D+i imos saír dela e que criminalizando aos traballadores públicos pódese atopar un culpable.

A universidade de Santiago de Compostela necesita un Reitor de fortes conviccións a favor dunha Universidade Pública, que sexa capaz de poñer por diante os intereses dos cidadáns fronte ás políticas destrutivas do Partido Popular

O 2 de Outubro, ao inicio do Claustro, o Persoal de Administración e Servizos realizamos unha ampla concentración onde esixiamos que a Universidade se opuxera, na medida das súas posibilidades, ao Real Decreto 20/2012. Todos os colectivos recoñecen que estas medidas de recorte non fan máis eficaz á Universidade, senón precisamente o contrario. Estas medidas ademais significan unha ruptura, golpe de estado me atrevería a dicir, da lexislación previa que afecta aos empregados públicos: acordos de mesas de negociación, convenios colectivos estatuto de empregado público, estatuto dos traballadores, autonomía universitaria e outros tantos acordos alcanzados nos últimos 30 anos.

O Claustro díxolle claramente ao Reitor: nin un despido máis, ningún peche de servizos públicos, que loite pola financiación pública

Ese mesmo Claustro é o que á vez que aprobaba uns novos estatutos e escollía un valedor da comunidade universitaria por ampla maioría -demostrando así o seu compromiso coa institución-, rexeitaba contundentemente a programación plurianual presentada polo Reitor, xa que tanto o documento como as actuacións diarias da equipa Reitoral responden a unha estratexia de sometemento e polo tanto de complicidade coas políticas de desmantelamento. O Claustro díxolle claramente ao Reitor: nin un despido máis, ningún peche de servizos públicos, que loite pola financiación pública -os ingresos procedentes da Xunta para o conxunto das 3 universidades galegas reducíronse de 426 M€ no 2008 a menos de 350 M€ reais no 2012-, en resumo que se poña do lado dos cidadáns e dos universitarios aínda que iso signifique incomodar aos que defenden o desmantelamento da Universidade Pública.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.