Nin un paso atrás nin mirar para outro lado

Santiago Abascal nun mitin de VOX en Lugo no verán do ano 2020, campaña das eleccións ao Parlamento galego CC-BY-SA VOX

Vivimos nunha realidade líquida, é evidente, todo é curto, rápido e visual, mais hai unha constante no horizonte dos últimos anos, non me pidan precisar cantos, que é o avance da extrema dereita a unha velocidade ameazante. Ameazante porque a xenofobia é moi perigosa, porque o machismo limita, condena e mata, porque a desigualdade social precisa da educación e da sanidade públicas como ferramentas de mínima corrección e porque a violencia acaba sendo o principal mecanismo que aplican, por medios indirectos case sempre, os gobernos deste signo para combater a frustración e a rebelión dos oprimidos. 

Neste contexto, VOX logra un importante apoio entre os máis novos, algo que os da miña xeración non somos capaces de entender, ou non queremos, probablemente por sermos os responsables de que isto pase. Se ben eu non teño fillos, observo como nais e pais da miña idade se preocupan máis das cualificacións que obteñen nos exames que dos coñecementos e da formación que adquiren. Isto último é secundario, o que importa é se a nota final lles permite acceder á titulación universitaria coa que, en teoría, poderán levar unha vida acomodada. A historia, a filosofía ou a literatura importan pouco, que dicir da música! ou daquelas materias que non rendan importantes beneficios na conta bancaria. Os pais queren fillos cunha alta cualificación profesional, sen importar que a formación humanística sexa tan feble que os converta en persoas vulnerables, facilmente manipulables, sen o necesario espírito crítico e, o que é peor, sen a empatía precisa para comprender que cada un de nós contribúe á sociedade de forma decisiva para que a convivencia sexa posible, non sendo a represión e a forza eticamente aceptables cando a inexistencia das políticas de integración ou o seu fracaso tensan a vida cotiá. 

Neste contexto, VOX logra un importante apoio entre os máis novos, algo que os da miña xeración non somos capaces de entender, ou non queremos, probablemente por sermos os responsables de que isto pase

Preparamos profesionais para que compitan no mercado como calquera outro ben de consumo. Do mesmo xeito que unha empresa inviste en tecnoloxía tamén o fai en técnicos, prescindindo destes canto non son economicamente valiosos, cando se deprecian, como calquera outro artigo. Tanto é así que fomentar o espírito crítico é considerado adoutrinamento, a tal punto que se lexisla en defensa dunha suposta neutralidade ideolóxica. En realidade, o que se pretende é que a mocidade saia da universidade imposibilitada para loitar fronte ás peaxes que lle agardan, sendo a primeira delas a de vivir nun nicho, dado o custo da vivenda. O medo que xera esa realidade proxéctase nos inmigrantes, nos que reciben axudas sociais, nos pobres; chegando incluso a que individualmente ou en manada se actúe con violencia extrema contra, por exemplo, un vagabundo indefenso; que se considere a un inmigrante que acude á sanidade pública como un espoliador dos nosos recursos, aínda que traballe dez horas diarias e cun contrato de media xornada. 

Un profesional deshumanizado e preparado para competir, compite, non perde o tempo en ler e intentar comprender que significou a ditadura franquista e como mutilou a vida das súas avoas e dos seus avós. Descoñece a importancia e o peso da emigración galega no mundo, as razóns que a provocaron e as dificultades que afrontaron os nosos nos países de acollida. Non sabe dos miles que cruzaron os Pirineos sen documentación, dos campos de refuxiados infrahumanos nos que os aloxaron... Non sabe dos que loitaron e arriscaron a vida para derrotar a Hitler, nin sabe do xenocidio, nin do significado da palabra Holocausto. Agora ben, está seguro de que os seus pais serán felices se logra ser notario, xuíz, médico... e cre que el tamén será feliz e vota a VOX para que nada ameace o seu status quo. O malo e se non o logra, se queda fóra do grupo dos escollidos, se engorda o batallón marxinal que, necesariamente, intentará rearmarse ideoloxicamente para cambiar de ciclo. 

A estas alturas, quen naceu no franquismo, malia ser nos seus estertores, non debe dar un paso atrás nin mirar para outro lado. Eu non!

Nelson Mandela consideraba a educación como o gran motor do desenvolvemento persoal, de tal modo que cando ese motor falla gaña o populismo, gaña todo o que apela ao primario e a sociedade, embrutecida, retrocede e arrastra os avances que tanto esforzo e vidas custaron. Ante isto, só queda apelar á memoria, botar a vista atrás e resistir sen que a voracidade da onda fascista nos arrastre ou nos volva indiferentes. A estas alturas, quen naceu no franquismo, malia ser nos seus estertores, non debe dar un paso atrás nin mirar para outro lado. Eu non!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.