Ninguén chorará polos sindicatos?

Entre os derrubes que nos rodean, está a pasar desapercibido un cuxas consecuencias aínda non adiviñamos: o esborralle do modelo sindical que foi maioritario durante case catro décadas en España. O crepúsculo de CCOO e UXT parece a estas alturas tan imparable como irremediable: asfixiados economicamente polo peche das súas fontes de financiamento, e faltos de cada vez máis apoio, o seu futuro non pode ser máis negro. Pero non se oen moitas voces que o lamenten. Ninguén chorará polos sindicatos?

Témome que o derrube dos dous grandes deixará un extenso terreo de ruínas e un rebumbio que tamén cubrirá eses outros sindicatos en maior ou menor medida

Si, xa sei que CCOO e UXT non son os únicos sindicatos. Que os percibísemos así durante tanto tempo é tamén parte do problema. Pero sen ignorar que hai outras organizacións de traballadores, e que algunhas delas ofrecen un sindicalismo radicalmente diferente, témome que o derrube dos dous grandes deixará un extenso terreo de ruínas e un rebumbio que tamén cubrirá eses outros sindicatos en maior ou menor medida.

Sobre ambos os dous sindicatos formouse unha tormenta perfecta, que está a descargar con furia sobre eles. Unha mestura de erros propios e alleos, estratexia trabucada, dependencias asfixiantes e falta de reacción cando aínda estaban a tempo

Aínda que moitos traballadores hai tempo que xa non contan cos sindicatos maioritarios, e sei que hai quen bailará sobre a súa tumba, aínda hai quen os considera un activo na protesta, e por iso días atrás chegábame repetida unha pregunta: “onde están os sindicatos, que fan, por que non se lles oe?” Por exemplo, co último machadazo ás pensións, ante o que CCOO e UXT non se mostraron todo o contundentes que a ocasión merece.

Sobre ambos os dous sindicatos formouse unha tormenta perfecta, que está a descargar con furia sobre eles. Unha mestura de erros propios e alleos, estratexia trabucada, dependencias asfixiantes e falta de reacción cando aínda estaban a tempo, converteunos en presa fácil de quen hai tempo querían cobrar a súa cabeza. O resultado, xa digo: a tormenta perfecta.

É certo que dende hai anos hai unha campaña de desprestixio contra eles, recorrendo a métodos sucios se fai falla. É certo que a dereita política e mediática aceptou os sindicatos mentres lle garantían a paz social, ata que deixaron de serlles útiles. É certo que o ataque aos traballadores pasa tamén por arrasar toda forma de loita colectiva, por descafeinada que sexa. E é verdade que os seis millóns de parados e as dúas reformas laborais últimas destruíron as bases deste sindicalismo, afundindo a afiliación e dinamitando a negociación colectiva que lles daba poder.

Só eles teñen a culpa de abandonar a rúa e preferir os despachos do diálogo social, nos que seguiron sentados cando xa non había nada que dialogar, sentados ante o taboleiro e as fichas mentres a partida xa se xogaba noutra parte

Pero tamén é certo que estes sindicatos llelo puxeron moi fácil aos seus enterradores. A ninguén máis que a eles pode culparse dunha vocación institucional que os levou a fundirse co sistema político que hoxe se derruba arrastrándoos na súa caída (por exemplo, nas antigas caixas de aforro). Só eles teñen a culpa de abandonar a rúa e preferir os despachos do diálogo social, nos que seguiron sentados cando xa non había nada que dialogar, sentados ante o taboleiro e as fichas mentres a partida xa se xogaba noutra parte. Son eles quen temeron sumarse a mobilizacións máis audaces, quen dubidaron cando facía falla ser contundentes, quen non souberon relacionarse coas novas formas de protesta cidadá.

Son CCOO e UXT quen entregaron a súa autonomía económica a un sistema de subvencións e programas de financiamento público, que facía posible a súa asfixia con só pechar a billa, e que hoxe os deixa a mercé de quen concede uns recursos que poden mantelos un pouco máis con vida. Son tamén eles quen están a despedir os seus propios traballadores mediante ERE e aplicando incluso a reforma laboral que criticaban; ou quen non souberon explicar a súa participación na trama andaluza dos ERE ou no caso actual das facturas en Andalucía, aumentando a confusión nas súas bases e o desprestixio entre os cidadáns.

Si, seino: nestes sindicatos, en CCOO e UXT, hai tamén xente moi valiosa, honesta, loitadora. Non fai falla que me convenzan: coñezo moitos deles. E tamén sei que, a pesar da súa debilidade, aínda teñen forza nalgúns sectores e empresas, onde non se pode expor unha acción colectiva sen contar con eles. Pero nada diso abonda hoxe, ante a tormenta perfecta que pode acabar afogando por completo o modelo sindical maioritario tal como o coñeciámos.

Non temos un recambio. Aínda non temos con que encher un oco tan grande. E non están os tempos para abandonar nin unha soa trincheira, por vulnerable que nos pareza esta

Como dicía ao principio, pregúntome quen chorará por estes sindicatos. Pregúntome quen sente hoxe a súa ausencia, quen teme a súa desaparición. E contesto: eu. Por moito que me separe deles, por moito que os saiba corresponsables do seu propio afundimento, lamentarei a súa perda. Por motivos históricos, porque ambos teñen detrás unha historia de esperanzas colectivas e sacrificios individuais que non merece un final así. Pero sobre todo porque non temos un recambio. Aínda non temos con que encher un oco tan grande. E non están os tempos para abandonar nin unha soa trincheira, por vulnerable que nos pareza esta.

Non, eu non bailarei sobre a súa tumba, mentres os corvos rin ao redor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.