No 2017 todos calvos

España leva padecendo a crise actual dende o ano 2008, baixando chanzos consecutivamente e de maneira acelerada dende o ano 2010, cando o goberno de Zapatero comezou coa primeira serie dunha longa lista de recortes, acelerada e incrementada coa chegada ao goberno do Estado de Mariano Rajoy.

A socialización da débeda privada supón fame para hoxe e morte por desnutrición para o futuro

Levamos polo tanto catro anos de eliminación de dereitos laborais, recortes sanitarios, eliminación de servizos básicos, dinamitación do ensino público (beneficiando notoriamente o ensino concertado, segregado e privado), incrementos dos desafiuzamentos e, o que é máis doloroso para a cidadanía, una axuda sen límites para o sector bancario, verdadeiro culpable da situación económica española e da famosa burbulla inmobiliaria. A socialización da débeda privada supón fame para hoxe e morte por desnutrición para o futuro.

E chega Ángela Merkel e di que quedan cinco anos de apertar o cinto en Alemaña. Isto non tería por que preocuparnos en demasía, salvo cando di que os países que ata agora estamos mal, ergo Grecia, Portugal, Irlanda e España, teñen que conter a respiración estes cinco anos

E chega Ángela Merkel e di que quedan cinco anos de apertar o cinto en Alemaña. Isto non tería por que preocuparnos en demasía, salvo cando di que os países que ata agora estamos mal, ergo Grecia, Portugal, Irlanda e España, teñen que conter a respiración estes cinco anos. E claro, o de quedar sen respirar é doado xa que non temos máis buratos no cinto e a presión de tanto recorte en catro anos fai que o aire que respiramos sexa cada vez menos.

A anemia estrutural, de dereitos, salarial, laboral e de dignidade á que estamos a ser sometidos fai que cheguemos a pensar que nos vindeiros copagos que sexan de aplicación inclúan o pago por respirar e, como andamos tan xustiños de cartos nos nosos petos, que ninguén dubide que acabaremos por realizar una apnea dun lustro para satisfacer aos mercados.

Do que suceda o 14 de novembro, día da primeira folga europea da historia, dependerá que o aire europeo permaneza intacto para as elites que dan en chamar os mercados ou que o aire sexa de todos

O problema está en que toda presión ten un límite, e se a xente non ve una saída, aínda que sexa a longo prazo os cintos poden rachar e esa onda de aire fresco pode percorrer Europa. Exemplo claro de que una mobilización na defensa dos dereitos pode dar lugar a que muden as cousas é o feito histórico de que as Sorayas se xunten para presentar una nova lei de desafiuzamentos antes de que remate o ano dado o conflito xeral provocado pola defensa da cidadanía dos seus intereses e dos intereses dos veciños. Hoxe, un home desesperado mandou saír aos empregados dunha entidade bancaria e plantoulle lume, mañá… será outro día.

Do que suceda o 14 de novembro, día da primeira folga europea da historia, dependerá que o aire europeo permaneza intacto para as elites que dan en chamar os mercados ou que o aire sexa de todos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.